“Creo que o que uniformiza diminúe ao ser humano,
que as diferenzas culturais enriquecen a humanidade.
Nós queremos axudar a enriquecer ao mundo coa nosa diferenza”
A Real Academia de Belas Artes instaurou no ano 2015 o DÍA DAS ARTES GALEGAS a celebrar o 1 de abril de cada ano. Escolleuse a data do 1 de abril para homenaxear @s artistas galeg@s en memoria dese día do ano 1188, data en que foron asentados os dinteis do Pórtico da Gloria polo Mestre Mateo.
O 2015 foi dedicado ao Mestre Mateo, 2016 a Castelao e este 2017 a Maruxa Mallo. Para a escolla de artista para 2018 a Academia recibiu diferentes propostas, a nosa foi a Luís Seoane.
Luís Seoane, ao cal un biógrafo definía como o home da sensibilidade universal, é o intelectual que defende que a arte debe asentar sobre a verdade, en tempos convulsos, como os que vivimos, todo un modo de entender a vida. É Seoane un dos grandes da cultura galega, un dos seus mellores símbolos porque representa como ninguén a historia do pobo galego do século XX e até poderiamos dicir que con el se inicia a cultura contemporánea. O seu labor foi inxente como autor omnipresente, artista polifacético e multidisciplinar. Un sabio no estilo dos sabios do Renacemento, dos grandes humanistas.
Se a Real Academia de Belas Artes tiver en consideración a nosa solicitude e se 2018 é o ano de Seoane, este feito servirá para aprofundar e facer máis visíbel o ilustrador, o pintor, o gravador, o poeta, o editor, o xornalista, o tipógrafo, o panfletista, o ceramista, o cofundador de entidades culturais, o cinéfilo, o conferencista, o narrador, o autor de teatro, o comentarista radiofónico, o ensaísta, o mecenas e emprendedor, o muralista, o grafista, o renovador, o crítico, o intelectual e o activista. Un a un e todos xuntos son Luís Seoane, el é o artista da solidez e da coherencia, o home de pensamento e acción, o home de forte e rexo compromiso.
A orixinalidade e a vitalidade da súa obra converteron Luís Seoane nun artista con grande proxección internacional, mais el quixo sobre todo ser instrumento ao servizo da liberdade e contra a orfandade cultural que asolagaba o noso país. Por todo iso, entendemos desde a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda que Seoane representa como poucos o home fiel ao seu país, capaz de romper esa falsa dicotomía de tradición e modernidade, esa falsa bipolaridade de culto e popular que en tantas ocasións impide (ou parece impedir) desde Galiza ollar o mundo en pé de igualdade.