21 de marzo: sempre a poesía

“A poesía vivirá eternamente. Por muito que se materialice o mundo, sempre ficarán tolos con estrelas na frente e cantares no bico”

(Florencio Delgado Gurriarán)

Mural Rosalía

LUÍSA VILLALTA (Ruído):

Acabarei por facer do poema a biografia,

atar os dias a xeito de tercetos encadeados

e espetar–lle ao mundo que si, que é posíbel

viver como vive a poesia, voar de aqui a alá

nalgo tan sutil e ao mesmo tempo tan exacto.

 

Isto é poesia, un ruido provocado.

Non ornamento, arabesco para as pontas dos dedos:

inecesários encaixes para a alma dormir ou sentir

a levedeza da onda cando apenas chega a romper.

Provocación de boca con fame, isto.

E a fame adormece

ou reclama.

Fronte á rutina, o rito da palabra tensa a pel

do mundo: un tambor que desperta. A pel estremece–se

porque recoñece a morte que baila fóra da tumba.

Isto é tamén unha muller que resiste

XELA ARIAS (Conferencia “Para que os poetas hoxe”):

A poesía é un pasquín porque encerra tamén verdadeiras bombas de contido; o poeta, ser que como tal se sabe ás marxes da mercadotecnia, da industria do momento, é un dos poucos miradoiros libres que ten a sociedade. Un miradoiro libre desde o que a sociedade deixa unha fenda para a subversión, para a creación desde ela dun microcosmos de revolución afectiva

COLECTIVO RONSELTZ (Unicornio de cenorias que cabalgas os sábados):

O poema é unha pedrada na cabeza.

Por iso lles recomendamos aos leitores que usen casco.

CELSO EMILIO FERREIRO (Longa noite de pedra):

A nosa amiga

 

A poesía non depende do home, pro está no home.

 

Non penses que a poesía é poesía porque a teñan rubido nun altar, senón porque comparte a nosa vida e sup isliupe cantando o seu cantar.

 

Cando todos nos imos

ela tamén se vai.

 

A poesía vive

na temporalidá,

é unha cousa de hoxe,

é un ouxeto humán,

auga, sono, roseira,

rúa, fenestra, man,

vento na noite fonda,

conversa familiar.

 

Escoita a súa música

cando pola mañán

o panadeiro chama

pra traguernos o pan.

 

Cando vés do mercado,

Moraima cotidián,

a poesía toda

vén contigo detrás.

 

Non penses que a poesía é cousa sacra porque a teñan rubido nun altar

aquiles que a pretenden pra iles soios, lonxana, altiva, intelectual.

 

A poesía é un claro asunto

de todos: meu e teu, e dos demais.

Cando os demais se van e nós nos imos ela tamén se vai.

Día da poesía 2022

EUSEBIO LORENZO BALEIRÓN (A morte presentida):

Os sinais externos

 

Porque o poema está feito

da materia dos soños,

arco de pedra e tempo

no que un deus se comprace

e habita

para xogar coas sombras azuis das cousas.

Porque o poema é

unha lingua de area

que se deita entre os mares de outono, unha forma calquera

de dicer os nomes exactos da luz,

a ausencia dun cabalo

que se adentra por bosques…

no seu clamor de aves como ríos

eu declaro os lugares do amor

e regreso ao silencio

das árbores e os frutos.

ALFONSO PEXEGUEIRO (Blasfemias de silencio):

 Para que queredes un poeta vivo

se non sabedes que facer con el;

matádeo e celebraille as pompas

KIKO NEVES (Ruído de motos):

O que máis me gusta da poesía.

Os silencios.

 

 

Na literatura o noventa por cento

deberían ser silencios.

Ou páxinas en branco.

FloresCURROS ENRÍQUEZ (Aires da miña terra):

Crebar as liras diante

D’ a libertá qu’ espira

Baix’ a gadoupa férrea

D’ o dogma que a asesina!…

¡Inda goberna Claudio!

¡Inda Seyano priva!

¡Inda os proscritos choran

E trunfa Mesalina!

 

 Non–a crebés, poetas!

Templáina en ódeo, en ira,

Hastra que d’ ela sayan

As esplosiós d’ as minas:

Hastra que cada nota

Com’ onha espada fira,

ROSALÍA DE CASTRO (Follas novas):

Ben sei que non hay nada

Novo en baixo d’o ceo,

Qu’antes outros pensaron

As cousas qu’ora eu penso.

 

E ben, ¿para qu’escribo?

E ben, por qu’asi semos,

Relox que repetimos

Eternamente ó mesmo.

FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN (Escolma da Poesía Galega IV. Os contemporáneos):

É difícil dar unha definición da poesía. Emporiso, como dí Houysmans, é doado reconocela polos síntomas que xenera en nós. A poesía non compre entendela, sinón sentila; a súa función peculiar é a de comunicar unha emoción; non transmitir un pensamento, sinón deixar na sensibilidade do lector unha sorte de vibración que corresponde á que sinte o poeta.

 

Á poesía pódese chegar polo camiño do verso, con tódolos seus artificios, pode garnirse coa metáfora ou ir ispida de enfeites, mais ningunha distas cousas lle é esencial, inda que ás veces sexan os sustitutos dela. A poesía vivirá eternamente. Por muito que se materialice o mundo, sempre ficarán tolos con estrelas na frente e cantares no bico.

Desde a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda festexaremos o DÍA DA POESÍA, este luns 21 de marzo, ás 17.30 h, diante do Teatro Rosalía de Castro. Farémolo dun xeito moi especial: a través da selección musical de Saya Mohamed e o recitado de Nuria Vil, mergullarémonos nas paisaxes sonoras de Rosalía de Castro, Luz Pozo, Luísa Villalta, Pilar Pallarés e Nuria Vil. Música e palabra falada para celebrar a poesía a pé de rúa.

Unha actividade realizada en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).

21 de marzo, Día Internacional da Poesía: Autoras pola paz e contra a violencia.

Porque a poesía sempre vivirá eternamente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies