Como pasou con outras datas –por exemplo, coa noite de San Xoán–, a Igrexa acabou cristianizando a celebración pagá que tiña lugar o 2 de febreiro: o día da Candeloria.
A orixe da celebración habería que buscala nos cultos pagáns da fertilidade e dos ciclos da natureza. Sería o ritual do lume coas súas virtudes protectoras e afastadoras de desgrazas.
Xa na antiga Roma se celebraba a festa do lume e na honra da fertilidade (as Lupercais). Nela había unha procesión con candeas acendidas toda a noite. Será no ano 492 cando o Papa Xelasio I prohiba a celebración pagá das Lupercais e crea a festa da Purificación da Virxe María, na que hai unha procesión dentro da igrexa con candeas benditas.
O feito de que xa se vexan os primeiros xermolos –non anda lonxe a primavera–, fai que a data da Candeloria adquire outro simbolismo: acostuma dicirse que é o tempo no que casan os paxariños: “Pola Candeloria casan os paxariños e vaise a galiñola”. Luís Amado Carballo, en Proel –1927–, incluíu un poema titulado “A Candeloria”:
Na catedral do abrente
hoxe cásanse os paxaros,
con nubens de neve e ouro
está o ceo galanado.
Ficou o día ancorado
na ría donda do ceo.
Os roibéns soben no lonxe
como rosarios de encenso.
O xantar do casamento,
roibo, na palma da man
das eiras madrugadoras
xa está arranxado no val.
Vai tocando polo campo
a súa zanfona o rego
e canta o vento nas farpas
sonorosas dos piñeiros.
O campo as montanas ruzas
envolve en capa pluvial
co hisopo do sol mollado
dálles a beizón nupcial.
Do casebre nugallán
soben os vivas dos galos
e na festa desta noite
estrena un luar o campo.
Son numerosos os ditos e refráns que aluden á celebración da Candeloria:
Cando a Candeloria chora, medio inverno vai fóra; que chore, que deixe de chorar, metade do inverno está por pasar.
Cando a Candeloria chora a metade do inverno está fóra; se chora ou ri, o inverno está por vir, e se chora ou fai vento, inda o inverno está dentro.
O día da Candelaria, si chora ou venta, inverno entra. E si non venta nin chora, inverno fóra.
Pola Candeloira casan os paxariños e maila galiñola.
Pola Candeloria casan os paxariños e vaise a galiñola.
Pola Candelaria, inverno fóra; se chove ou venta, inda entra.
Pola Candeloria, metade do inverno fóra; e se chove e fai vento, metade fóra e metade dentro.
Pola Candeloria, metade do inverno vai fóra; se chora ou venta, inda entra.
Pola Candeloria pon a pita vella e a nova.
Polo santo Antón toda galiña pon. Pola Candelaria, a boa e a mala.
Que a Candelaria chore ou que deixe de chorar, a metade do inverno está pasado e a metade está por pasar.
Se a Candelaria chora, o inverno está fóra; se ri, aínda está por vir.
Se a Candeloria chora vai o inverno fóra; se ri, o inverno quer vir; mais cal chorar, cal rir, medio inverno está por vir.
Se a Candelaria empola, o inverno vai fóra.
Se a Candelaria chora, o inverno xa vai fóra. Se a Candelaria ri, o inverno está por vir; pero que ría e que cante hai inverno para tras e para diante.
Se a Candeloria vén mal o inverno está caroal.
[wps_separator style=”default” top=”no” text=”Top” separator_color=”#444″ link_color=”#444″ size=”2″ margin=”15″]
Para saber máis:
- O Casamento dos Paxariños: o Día da Marmota galego ou o Día de San Valentín?. Diario Nós, 2 febreiro 2016
- Candeloria. Portal das Palabras.
[wps_separator style=”default” top=”no” text=”Top” separator_color=”#444″ link_color=”#444″ size=”2″ margin=”15″]
Desde hai anos, en Lugo, vénse celebrando un festival de música co nome de Candeloria:
Unha resposta
¡Inda que teño moitos anos isto revive a un,e un rock galego con forza cara o personal que brinca tolo de contento e reivindica a nosa fala.!🤗❤ Bravo por NOS.