alexandre-branco-trans

A emigración galega. “Este vaise e aquel vaise”

A xeito de S.O.S.
falo na madrugada:
Pechái tódalas portas
e que xa ninguén saia.

A emigración é un fenómeno secularmente ligado a Galiza e do que existe constancia desde épocas moi antigas. Con todo, será no século XIX cando acade un maior peso e se faga masiva, sendo América o destino escollido dos emigrados. Fálase de que entre 1885 e 1930, máis de 900.000 galegos se dirixiron a América, cantidade que supoñía máis do 50% do total da emigración española.

Un fenómeno destas características –cun impacto tan destacado na poboación galega– non podía pasar desapercibido para os creadores, moitos deles, emigrantes tamén. Literatos, pintores, músicos ou fotógrafos plasmaron nas súas obras a pegada da emigración desde varias perspectivas. Como ben dicía Curros Enríquez no poema “¡Crebar as liras!“, mentres o pobo siga precisando do compromiso do poeta, el fará poesía comprometida:

Mais, mentras horfo e triste

Os meus consolos pida,

Crebala… ¡n’ a tua testa

Tan sólo, ¡tiranía!

De aí que un fenómeno tan traumático para a poboación galega como foi ese éxodo de miles e miles de galegos xa aparecese reflectido na obra dos  precursores do Rexurdimento. A voz poética no poema “A Galicia” (1861) de Francisco Añón soña volver percorrer a terra da infancia:

D’ese chan venturoso arrincado

Pol’a man d’o meu negro destino,

Hastra mesmo soñando maxino

Eses campos risoños cruzar.

Sobre as causas da emigración

Citabamos antes a Curros, pois ben, o autor de Celanova, emigrante tamén na Habana, inclúe en Aires da miña terra (1880) un poema titulado precisamente así: “A emigración”. Nel, despois de dicir que ninguén deixa a súa terra por gusto, fala da pobreza causada polos impostos do señor e do rei. Tamén culpa a avaricia do crego:

Que aquel que deixa seu natal curruncho

E fóra d’os seus eidos pon os pés,

Cando troca o seguro pol-o incerto,

Motivos ha de ter!

…..……………………………………………

Diravos, sí, que e pouco canto gana

Pr’as arcas d’o señor e pr’as d’o Rey,

Fay un mes que non comen cousa quente

Os fillos y-a muller!

 

E diravos que porque d’ us destrales

Mercóu n’ unha ocasion us poucos bés,

Xuróull’ o crego non lle dar sagrado

Si chegar á morrer!

 

Y-havos decir que lonxe, alá moy lonxe,

Alénd’ o mar q’ o vay tragar tal ves,

Si libertá, si pan non logra, santa

Tumba terá xiquer…

Esa situación tiña responsables como ben sinala Curros no poema A espiña:

Facede que os emigrantes

que aquí chegan en precura

do que lles nega a man dura

dos seus duros gobernantes.

A pobreza de Galiza naquela época –segunda metade do século XIX– tamén aparece maxistralmente reflectida nos versos se Rosalía. En Follas novas (1880), célebre é o poema “¡Prá á Habana!”:

-María, eu son mozo,

Pedir non m’é dado,

Eu vou pó-Io mundo

Pra ver de ganalo.

   Galicia está probe,

Y á Habana me vou…

Se a literatura reflectiu a pobreza, tamén os pintores e debuxantes. Coñecidos son os numerosos debuxos de Castelao, el que tamén andou exiliado por América, sobre esta temática:

[wps_slider source=”media- 3147,3146,3145,3144″ limit=”20″ link=”none” target=”blank” width=”600″ height=”600″ title=”no” arrows=”1″ pager=”0″ gallery=”0″ autoplay=”5000″ speed=”600″]

Luís Seoane, tamén exilidado, escribiu e debuxou moito sobre a emigración. Entre 1954 e 1959 dirixiu en Bos Aires a revista Galicia Emigrante. En Fardel de exiliado (1962) –libro que supón o arranque da poesía socialrealista– busca reconstruír a memoria da emigración desde parámetros críticos:

Na súa testa reméxense as formas, as lembranzas

da luz e das cores da terra lonxana

neste país desvariado ao da súa mocidade

vive unha realidades estrana.

Galicia emigrante - Luís Seoane

Non foi alleo luís Seoane á pobreza e atraso da nosa terra. Coñecido é o cadro de Seoane que leva este texto:

“Ela chámase Manuela Rodríguez. É analfabeta. Axúdena. Xenebra, 1963”. Seoane sentara ao seu carón nun tren en Francia. Pintouna ao óleo no ano 1967.

"Ela chámase Manuela Rodríguez. É analfabeta. Axúdena. Xenebra, 1963”

Conmovedora e coñecida é a foto do galego Manuel Ferrol, artista que en 1957 fotografou no Porto da Coruña a despedida aos emigrantes que subían ao Juan de Garay camiño de Arxentina:

Despedida emigrantes - Manuel Ferrol

Igualmente conmovedores son os versos de Rosalía sobre a emigración. Ela soubo reflectir as consecuencias dolorosas que tivo, sobre todo para as mulleres.

Sobre as consecuencias da emigración

Como diciamos, Rosalía soubo reflectir nos seus versos algunhas das consecuencias da emigración. No prólogo de Follas novas (1880), falando das mulleres escribe:

A emigrazon y ó Rey arrebatanlles de contino, o amante, o hirman, o seu home, sosten d’a familia decote numerosa, e asi, abandonadas, chorando ó seu desamparo, pasan a amarga vida antr’as incertidumbres d’a esperanza, á negrura d’a soidade y as angustias d’un-ha perene miseria.

A última das cinco partes que conforman Follas novas leva por título “As viudas dos vivos e as viudas dos mortos”. Coñecidos son os versos:

Este vaise y aquel vaise

E todos, todos se van,

Galicia, sin homes quedas

Que te poidan traballar.

Tes en cambio orfos e orfas

E campos de soledad,

E nais que non teñen fillos

E fillos que non tên pais.

E tês corazons que sufren

Longas ausencias mortás,

Viudas de vivos e mortos

Que ninguen consolará.

Rosalía sente a dor das mulleres que quedan aquí soas esperando a volta dos homes:

O meu homiño perdeuse,

Ninguen sabe en onde vay…

Anduriña que pasache

Con él as ondas d’o mar,

Anduriña, voa, voa,

Ven e dime en ond’está.

Algúns, en América, reinician alí unha nova vida amorosa. Así aparece no poema “¿Qué lle digo?”:

-Mais val aqui, coma quen di solteiro,

Que casado e con fillos

Andar alá, sudando aqueles millos…

¡Entendo, compañeiro!

 -Que como poida se goberne Antona,

E anque d’ela me doyo,

Como de lonxe nada sey nin oyo…

Quen non sabe, nin ve… sempre perdona.

Cando a vello sea,

Tornarey c’os meus ósos para á aldea,

Que algo ll’ey de levar â terra nosa:

Mais mentras mozo son, non pode sere

Por que s’é por mullere,

S’é que Antona está ala, teño aquí á Rosa.

Xa en Cantares gallegos (1863), Rosalía denuncia e se doe do maltrato que os galegos sufrían cando ían traballar a Castela. Coñecido é o poema “Castellanos de Castilla”:

Castellanos de Castilla,

Tratade ben ós gallegos;

Cando van, van como rosas,

Cando vên, vên como negros.

 

 —Cando foi, iba sorrindo;

Cando veu, viña morrendo;

A luciña d’os meus ollos,

O amantiño do meu peito.

 

Aquel máis que neve branco,

Aquel de doçuras cheyo,

Aquel por quen eu vivia

E sin quen vivir non quero.

 

 Foi à Castilla por pan,

E saramagos Ile deron,

Déronlle fel, por bebida,

Peniñas por alimento.

 

Déronlle en fin, canto amargo

Tén a vida no seu seo…

¡Castellanos, Castellanos!

Tendes corazon de ferro.

No primeiro poema –e dos máis famosos– que Curros Enríquez escribiu en galego aparece a dor pola separación que produce a emigración, neste caso, nos amantes. Trátase do poema “Cántiga“:

Lonxe dela, de pé sobre a popa

dun aleve negreiro vapor,

emigrado, camiño de América

vai o probe, infelís amador.

Non menos negativas son as consecuencias que Neira Vilas sinala na tamén famosa obra, Memorias dun neno labrego (1961). No relato titulado “América“, fálase da perda de costumes, da perda da lingua, mesmo da perda da alegría:

Primeiro pérdense costumes, xeitos de vida do país de orixe. Pérdese a alegría. Rematando, as máis das veces, por perdelo todo. É coma cando se arrinca unha árbore e se deixa coas raiceiras encoiro, sen terra.

………………………………………………

Contou que cambian a fala trocándoa por unha requinaeterna que nin eles entenden. O padriño fixo a comparanza cun merlo nunha gaiola. Disque podemos mantelo á nosa maneira e facerlle asubiar o «tiroliro», pero non se afai. Un día ríspase para o monte e no monte é un alleo, un merlo botado a perder.

A emigración foi e é un drama que desestruturou a sociedade galega. Moitos dos emigrados, a pesar das enormes dificultades, loitaron por seguir contribuíndo desde lonxe ao enriquecemento da cultura galega. Pola emigración pasaron –por citar só algúns– escritores como Curros, Cabanillas, Varela Buxán, Blanco Amor, Celso Emilio ou Neira Vilas. Na emigración crearon editoriais, compañías de teatro, revistas, publicaron libros… Pero isto sería outro capítulo.

Como ben escribía Curros, “cando alguén troca o seguro polo incerto,/motivos ha de ter.”

No relato “América” de Neira Vilas, dicía o padriño:

O país está sen explotar. Se da noite para a mañá non deixasen saír a ninguén, fariamos unha revolución que é o que cómpre, e todos viviriamos como se merece, sen andar esmiñatando en terras alleas.

Vivir como merecemos, na nosa terra, en Galiza, ese debe ser o noso reto e o noso obxectivo.

É se comezabamos con Celso Emilio Ferreiro con el rematamos:

A xeito de S.O.S.
falo na madrugada:
Pechái tódalas portas
e que xa ninguén saia.

 

Sin a seiva nutricia
esmorecen as gallas.
Arbre antigo, Galicia,
fendérono as machadas.

 

Unha ponla no mundo,
outra ponla na casa.
A ponla de alén mar
é soio unha metáfora.

 

O povo quere terra
coma Anteo na fábula.
A terra quere povo
para ser fecundada.

 

Nunca virá de fora
remedio ou espranza.

 

Si o noso pobo morre
quedámonos sin patria,
pois patria e pobo son
o mesmo en dúas palabras.

 

Pechái tódalas portas
e que xa ninguén saia.

 

Viaxe ao país dos Ananos 1968

[wps_separator style=”default” top=”no” text=”Top” separator_color=”#444″ link_color=”#444″ size=”2″ margin=”15″]

Sobre a emigración galega:

Arquivo da Emigración Galega – Consello da Cultura Galega

O papel da emigración. Consello da Cultura Galega

[wps_separator style=”default” top=”no” text=”Top” separator_color=”#444″ link_color=”#444″ size=”2″ margin=”15″]

[tnc-pdf-viewer-iframe file=”https://www.acalexandreboveda.gal/descargas/emigracion-galega-america.pdf” width=”650″ height=”800″ download=”true” print=”true” fullscreen=”true” share=”true” zoom=”true” open=”true” pagenav=”true” logo=”true” find=”true” current_view=”true” rotate=”true” handtool=”true” doc_prop=”true” toggle_menu=”true” language=”gl” page=”” default_zoom=”auto” pagemode=””]

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies