O 29 de novembro de 1924 empeza a publicar a Editorial Lar. Este ano de 2024 celebramos o seu centenario.
Dentro do inmenso traballo das Irmandades da Fala estivo a idea da creación dunha editorial autenticamente galeguista. O proxecto de contar cunha publicación literaria periódica en lingua galega tivo os seus principais defensores na irmandade da Fala da Coruña e levaba os nomes de Antón Vilar Ponte e Xoán Vicente Viqueira. Esta intención concretarase coa creación da editorial Lar da man de Ánxel Casal e Leandro Carré Alvarellos.
Ánxel Casal, membro das irmandades da Fala, un dos protagonistas do proxecto de Escolas do Insiño Galego, militante desde a súa creación do Partido Galeguista, alcalde de Santiago, e sobre todo o que sería o gran editor deste país até o seu asasinato polos fascistas o 19 de agosto de 1936. Leandro Carré Alvarellos, escritor, segundo fillo de Uxío Carré Aldao, o propietario da Libraría de Carré, a coñecida como Cova Céltica.
Naceu a editorial co obxectivo explícito de popularizar, estender e divulgar a literatura galega, e máis concretamente a novela. Empeza en plena ditadura de Primo de Rivera que xa puxera moitas dificultades á editorial Céltiga e que levarían ao seu feche. Lar terá o seu domicilio na Coruña, no 1º andar do nº 36 da rúa Real, lugar de residencia do matrimonio formado por Ánxel Casal e María Miramontes. Aparecería como director da editorial Leandro Carré e como administrador Ánxel Casal. A partir de agosto de 1927 pasará o seu enderezo ao número 34 da rúa da Franxa.
A Editorial Lar publicará desde 1924 a 1928 cunha periodicidade inicialmente quincenal mais que logo sería mensual. Abriu o seu catálogo cunha colección de novelas curtas, de peto, a colección Lar. O 25 de novembro publicábase un anuncio en La Voz de Galicia que estaba en prensa o primeiro número da colección, e no número do 7 de decembro de 1924 no mesmo xornal publicase un solto anunciando a saída e desexándolle o mellor éxito á empresa: “Ayer se inició la publicación de “Lar”. Isto indicaría que a primeira publicación sairía en decembro a pesar de levar data de novembro.
Os exemplares da colección Lar tiñan entre vinte e seis e corenta páxinas, e nelas ía a obra literaria e algunha paxina publicitaria ou información da editorial. Os exemplares levan unha capa en que figura o título, autor, director da publicación e administrador así como data e número da obra e ían cosidos por unha grampa metálica. A capa ten un corpo central co título LAR en caracteres modernistas sobre un deseño dunha anta enmarcada pola lúa chea sobre un montículo cuberto de herba, e esa parte central incluía, en letras sen serif, o título da obra e sobre este o autor. Na parte inferior da capa en letra menor ía o prezo, e nos últimos números aparecía tamén o número de colección. Rematan esta capa frontal dúas franxas unha superior e outra inferior enmarcando a zona central con seres fantásticos e monstruosos semellantes aos esculpidos polo Mestre Mateo nos zócalos dos piares que sosteñen o Pórtico da Gloria. Na parte inferior a sinatura do autor da capa Camilo Díaz Baliño. O nome ben visible do autor destaca a importancia que se daba nestas publicacións á parte de deseño, á parte artística. O deseño das capas sen dúbida contribuíu moito ao éxito da colección.
A parte traseira exterior da capa leva o deseño dunha personaxe coas mans sobre unha ara e a lúa chea, de novo, enmarcando a escena, e as palabras Ex Libris Lar.
A capa exterior foi a mesma nos corenta números da colección, variando só o título, o autor e a cor a dúas tintas. A cor foi diferente en cada un dos números o que fixo que, pesar de ser mesma ilustración, conseguise individualizar cada un dos títulos.
Os cinco primeiros números da colección serán impresos pola imprenta Moret, sita no número 28 da rúa da Mariña, mentres Ánxel Casal e Uxío Carré non adquiren a maquinaria precisa para a impresión. O ter imprenta propia fará que a editorial Lar adquira moita máis capacidades mesmo no control de calidade. Lesta Meis informaría en La Zarpa sobre a imprenta: “Xa volveu a visitarme esta nosa pubricación que non vía desde non sei cando. Os editores dela, cheos d’unha fe e un amor galeguista que nunca lles agradeceremos bastante, puxeron unha imprenta nova do trinque que mercaron en Alemania. Posta xa en condiciós volve a sair Lar para seguil-a vida tan felizmente comenzada.”
Da aparición da nova colección fixéronse eco outros diversos medios, non só de Galiza senón tamén da emigración. Publicacións de Antón Villar Ponte en Alfar, Eco de Galicia de Cuba, O Orzán, con outros soltos na revista Galicia da Coruña, La Región de Ourense ou La Temporada de Mondariz Balneario, na Revista Nós. En El Pueblo Gallego ao longo do tempo da publicación foron saíndo recensións dos números que se ían publicando.
En total Carré e Casal publicarían 40 números da colección cunhas tiradas que mesmo chegaron a superar os 3.000 exemplares. Cada novela vendíase a 30 céntimos.
Mais non foron poucas as dificultades coas que se encontraron. Apremados polos apuros para cubrir os gastos do proxecto, o número 12 do 22 agosto de 1925 expresa a necesidade de ampliar o número de subscritores para manter a publicación. Así nunha nota editorial indican:
Rogamos a vostede nos axude:
O noso intento foi o mais grande que se fixo hastra o d’agora para conseguir a creación da novela galega “en galego”. Pretendíamos que os nosos escritores adicasen â prosa, â novela, o interés que merez, e queriamos que os galegos amantes da sana lêtura tivesen unha prubicación axeitada.
Se os nosos lêtores quixeran axudarnos na nosa labor recomendando a pubricación LAR entre as suas amistades, ademais de nos favorecer contribuindo a afianzar esta nosa querida novela, farían unha obra de cultura, de patriotismo, e asegurarian a vida da pubricación que precisa de todos para se soster e mellorar.”
E no número 25 de setembro de 1926, e que recollería El Pueblo Gallego:
Nota editorial: Rogamos a vostede nos axude:
Coa presente son 25 as novelas que levamos pubricado. Ninguén ata o de agora fixo un esforzo tan grande para arrequentar a prosa galega; un esforzo que vai dando seu froito, pois non sômente algúns vellos escritores escribiron novas obras, senon que un númaro non pequeno de literatos mozos acodíu ao campo das letras cunha importante engadega de páxinas ben trazadas.
O noso esforzo, en troques, anúlase ante a indiferencia dos libreiros, salvo honrosas esceicións, que non atenden as nosas pubricazons nin as espoñen nas suas vidrieras, impedindo así que os lêtores poidan saber cando aparez un novo número das novelas LAR. Esto réstanos difusión; a difusión que por comenencia de todos convén que teñan as novelas galegas.
Por esto rogamos aos nosos lêtores, aos nosos amigos, que propaguen as pubricacions LAR antre as suas amistades e parentes, cô que farán unha obra de cultura e patriotismo contribuíndo ao espallamento e progreso da literatura galega.
As novelas LAR póñense a venda o derradeiro sábado de cada mes
No ano 1927 dáse a separación de Leandro Carré e Ánxel Casal e cesa Casal como administrador. É o momento en que cambia o domicilio da editorial da rúa Real á rúa da Franxa 34, figurando desde ese momento só Leandro Carré na portada como “Direitor propietario”. Desde ese momento só se publicaron os cinco números finais da colección até a súa desaparición no ano 1928.
Publicarán na colección Lar tanto nomes xa consagrados como escritores máis novos. Wenceslao Fernández Flórez, Leandro Pita Romero, Aurelio Ribalta, Leandro Carré Alvarellos, Luís Amado Carballo, Francisca Herrera, Xesús Fernández González, Uxío Carré Aldao, Ramón Otero Pedrayo, que se deu a coñecer como narrador en galego nesta colección, Vicente Risco, Gonzalo López Abente, Angel del Castillo, Xoán Xesús González, Fermín Bouza Brey, Xosé Lesta Meis, Xulián M. Magariños, Luís G. Vicencio, Xan Pla Zubiri, Felipe Fernández Armesto, Ánxel Romero Cerdeiriña, Álvaro de las Casas, Manuel Bergueiro, Xosé Filgueira Valverde, Celestino Noya, Rafael Fernández Casas, Xacobe Casal, Alfredo Canalejo, Armando Cotarelo Valledor, serán os autores da colección Lar.
Mais a editorial non só publicou esta colección que representaría un salto cualitativo e cuantitativo para o libro galego, Lar tamén publicaría ademais outras narrativas, teatro, na súa colección Biblioteca teatral Lar, e poesía na súa Biblioteca Lírica Lar. Aí estarán Os nenos, de Filgueira Valverde, O Mariscal de Ramón Cabanillas e Villar Ponte con ilustracións de Álvaro Cebreiro, O corazón dun pedáneo, de Leandro Carré e capa de Castelao, Cousas, escrita e ilustrada por Castelao, as obras de Cabanillas, No desterro, Na noite estrelecida con debuxos de Castelao, Da terra asoballada, O bendito san Amaro con debuxos de Castelao ou o Bálsamo de Ferabrás de Enrique Labarta Pose.
Na edición do libro galego Lar recolleu e ampliou o camiño de Céltiga e Lar pasará o testemuño á Editorial Nós.
Para saber máis: A revista Lar, no blog Os libros de Ánxel Casal.
Anxa G. Refoxo e Xosé Manuel Pérez