A noite máis nosa: lume, auga e herbas no San Xoán

Cando chega o 23 de xuño e as primeiras fogueiras comezan a prender nas praias e nos barrios, A Coruña repite un rito que leva séculos sostendo: queimar o vello para entrar no verán con paso limpo. A noite de San Xoán é o noso solsticio, unha celebración na que conviven tradicións moi antigas, costumes cristiáns e toda a forza da festa popular. As súas raíces afunden en crenzas e ritos moi anteriores ao cristianismo, mais os xestos seguen vivos hoxe: as mesmas herbas, a mesma auga e o mesmo lume que pasaron de xeración en xeración.

O lume e o fume

As fogueiras —coñecidas como cacharelas, lumeiradas ou fumazos segundo a comarca— non se acenden ao chou. As encrucilladas, antigas portas simbólicas entre o mundo dos vivos e o dos mortos, eran o seu lugar natural; hoxe son as praias de Riazor e do Orzán, as rúas de Monte Alto, A Pescadería ou as ladeiras de Bens, onde os barrios reclaman cada ano o espazo público que lles pertence. O costume pide saltar as lapas un número impar de veces —tres, sete ou nove— para escorrentar o mal de ollo e gardar a saúde, recitando esconxuros que a memoria colectiva conserva intactos: “Salto por riba do lume de San Xoán, para que non me morda cadela nin can…”

Na sabedoría labrega, porén, o verdadeiro axente protector non era só a lapa: era o fume. Afumábase o gando e as colleitas, queimando leña verde e fachóns de palla para xerar unha fumadeira mesta que protexese as cortes contra males e pragas. Críase que o fume chegaba onde non podían chegar nin os remedios nin a vixilancia das persoas.

Os ritos da auga

Se o lume purifica, a auga sanda. Na medianoite e durante as primeiras horas do día 24, os ríos, as fontes e o mar adquiren propiedades que non posúen o resto do ano. Na praia da Lanzada, en Louro ou nas rías do sur aínda se mantén o rito das nove ondas no ventre para as mulleres que procuran a fertilidade. No interior, a auga que move sete ou nove muíños era o remedio para curar feitizos e doenzas escuras.

A tradición máis fermosa é a da flor da auga: a tona da fonte na que se reflicte o primeiro raio de sol ao raiar o día 24. Quen logre lavar a cara con ela antes de que se desfaga, recibirá beleza e saúde para todo o ano.

O cacho das sete herbas

Reparto de herbas de San Xoán
Reparto de herbas de San Xoán

Xunto ao lume, o cacho ou ramo é o outro piar da noite. Hai que saír ás valgadas na véspera a recoller sete herbas silvestres —pedidas ou collidas, pero nunca arrincadas de raíz— e mergullalas en auga fresca para que pasen a noite ao relente e collan o orballo. Para evitar que o demo as estrague amparado pola escuridade, era costume poñer por riba da talla uns cardos ou unhas silveiras cruzadas.

As sete plantas do núcleo tradicional son o fiúncho, o fento macho, a xesta (ou codeso), a abeloura (ou herba de San Xoán), a malva, o romeu e a herba luísa, aínda que existen máis de corenta especies asociadas a esta noite segundo a zona. Ao amencer lavamos a cara con esa auga, e o ramo seco quedará colgado na porta durante doce meses, ata que o lume do ano seguinte o devolva á terra.

Meigas, oráculos e o sol que baila

LumeiradaEsta é tamén a Noite das Meigas, a máis propicia para os aquelarres en paraxes como o Monte Neme ou a praia de Areas Gordas, e para os trasnos que esconden chaves e mudan as cousas de sitio. Un momento no que se tentaba aproveitar a potencia da noite para albiscar o que estaba por vir.

Para iso, abondaba con durmir con tres patacas debaixo do cabeceiro: unha enteira, unha cun corte e outra pelada. A que se collese a cegas ao espertar indicaba se o ano sería de prosperidade, de altibaixos ou de mala fortuna. Tamén se botaba a clara dun ovo nun vaso con auga á medianoite; a forma que debuxaba ao callar —un berce, un barco, unha igrexa— revelaba o porvir sen necesidade de intérprete.

E se aguantades a troula ata o amencer, non deixedes de mirar o horizonte. Din que o sol sae tan contento na mañá de San Xoán que mesmo parece bailar e mudar de cores. Sexa verdade ou non, a crenza segue viva en moitos lugares de Galicia.

A mesa e a rúa

“Polo San Xoán a sardiña molla o pan”: as sardiñas nas brasas, os cachelos, a broa de millo e o viño da terra son parte indisoluble da festa. Culminar a noite cunha queimada ben conxurada non é un adorno: é o peche natural dunha festa que sempre tivo o compartir a mesa e a veciñanza no centro.

Desde a AC Alexandre Bóveda convidámosvos a vivir esta noite como sempre se fixo aquí: na rúa, coa veciñanza, coa fogueira acesa e o ramo na auga. Porque, ao cabo, son eses pequenos xestos os que mantiveron viva esta tradición durante séculos.

Boa noite de San Xoán a todas e a todos!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *