“Sólo cuando la Naturaleza ofrece á la contemplación humana un espectáculo tan extraordinario como el de ayer se concibe la grandiosa majestad de la creación y se adivinan las austeras e inmutables leyes que rigen el Universo. Nuestra insignificante pequeñez y nuestra limitada penetración no llegan a alcanzar el más allá con que sueña el deseo, poseído por el vértigo de lo infinito, de lo incomprensible, de lo que hay de suprema curiosidad en estos excepcionales fenómenos, maravilla de maravillas, que se presentan a nuestra vista atónita”.
O cronista do xornal El Noroeste iniciaba con alento filosófico o seu relato da eclipse do día anterior, a última total que se viu na Coruña, o 30 de agosto de 1905. Foi un día que comezou con fortes e repetidos chuvascos, dicía o artigo, para logo despexar e aínda despois regresar as nubes, que ameazaban estragar o espectáculo celeste. Malia iso, “en el andén de la playa de Riazor, en la explanada del Orzán, en las inmediaciones del muelle de hierro, en las proximidades de la Torre de Hércules, en las cercanías de los molinos de viento que existieron en lo alto de Santa Margarita, en las galerías, en las ventanas y en los balcones de las viviendas, una infinidad de curiosos de uno y de otro sexo, de unas y otras edades, esperaba impaciente el solemne momento de la iniciación del eclipse”. O artigo describiu o instante da totalidade con prosa arrebatada. “La naturaleza parece muerta, sobrecogida por algo sobrenatural. Los semblantes de los que están a nuestro lado y de los que pasan por la calle, adquieren momentaneamente un aspecto cadavérico (…) Es una luz tenue, extraña, que impresiona, que asombra, que hace enmudecer, que se clava en el espíritu silenciosamente, como si quisiese anonadarnos (…) Quienes no lo hayan contemplado y admirado no serán capaces de comprenderlo ni de imaginarlo por muchas explicaciones que se les den”.
Da seguinte eclipse total que houbo na Galiza, a do 17 de abril de 1912, que se viu como tal nunha faixa moi moi estreita na zona de Valdeorras e na Coruña foi parcial, tamén deu conta El Noroeste, que celebraba con entusiasmo a “prodigalidade” do ceo neses primeiros anos do século XX. “Hemos presenciado el eclipse de 1905, de una grandeza emocionante, el paso del cometa Halley, que inquietó unos días a la humanidad, y ahora este segundo eclipse que para nosotros los coruñeses no ha tenido la misma solemnidad inolvidable del anterior, pero que sin embargo nos ha ofrecido ayer un espectáculo emocionante” nunha xornada que foi meteoroloxicamente espléndida. “En algunas oficinas”, engadía, “se dió asueto a los empleados para que pudiesen observar el fenómeno, que no volverá a repetirse en lo que queda de siglo”, nun audaz precedente da campaña “Pechado por eclipse” que impulsamos dende a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío.
A eclipse total do 12 de agosto de 2026 é un fito irrepetíbel para nós: non haberá outra eclipse solar total na cidade até o 4 de outubro de 2480. Todas as persoas que estaremos na Coruña o 12 de agosto ás 20:28, no momento central da eclipse, durante eses 76 segundos de totalidade, gardaremos un recordo compartido, unha experiencia que iremos buscar na nosa memoria infinidade de veces na nosa vida. Dá igual como vivamos esa experiencia, a carón do mar do Orzán ou na parte máis alta de Eirís, dende a xanela da casa ou no medio dunha multitude de veciños, nunha rúa calquera de calquera barrio baixo o algareo das gaivotas ou nalgún recuncho un pouco menos urbanizado que permita un contacto maior coa natureza e nos faga soñar con ver algúns vagalumes e morcegos despistados, talvez en Feáns ou Elviña. Pode estar completamente despexado ou pode haber nubes ou brétemas que debiliten a visión precisa do disco solar; mesmo se así for, a Lúa seguiría ocultando por completo o Sol e permanecerá o asombro da sombra que nos sobrevoa, do escurecemento que o transforma todo de maneira efémera. Non hai unha maneira única de vivir unha eclipse, non hai un único lugar perfecto onde estar, un único xeito de emocionarse. Hai tantas formas de vivir a eclipse como persoas haxa na cidade. Haberá quen o vexa e quen o escoite, por medio da marabillosa ferramenta inclusiva que nos trouxo o ICE-CSIC de Cataluña, o “LightSound”, un aparello que transforma en notas musicais o nivel de luz para que as persoas cegas ou con baixa visión non perdan a eclipse. Imos sentir a eclipse cos ollos, cos oídos, coa nosa pel. Percibiremos a caída de luz e de temperatura, percibiremos o comportamento dos animais, confundidos polo inesperado anticipo da noite. Percibiremos a ledicia, a emoción, os berros e as bágoas das persoas que estean á nosa volta, da xente que queremos, da xente que queremos que nos acompañe. É un momento para vivilo, non para gravalo. Para saborear co noso cerebro e gardar nel os recordos e non nun dispositivo dixital. O xenuíno abraio ante a magnificencia da natureza non pode nunca almacenarse en bytes. O xenuíno abraio ante a magnificencia da natureza é unha emoción instantánea que perdura eternamente, como a arte ou a poesía, como o amor. Vivan a eclipse con comodidade e sen medo. Onde estean a gusto, con quen estean a gusto. Vivan a eclipse con atención, con responsabilidade e con cariño, co desexo de preservar o único planeta que temos e no que suceden tantas cousas excepcionais (e excepcionalmente fermosas). Para preservalo para as futuras xeracións, as que experimentarán a eclipse do 2480 e investigarán nos arquivos como foi esta de 2026.
Martin Pawley
