A Nosa Terra

A Nosa TerraO 14 de novembro de 1916 sae na Coruña o primeiro número do xornal A Nosa Terra, unha das cabeceiras históricas do nacionalismo galego. Nace como boletín decenal baixo o lema Idearium da Hirmandade da Fala en Galicia e nas colonias gallegas d’América e Portugal. Unha das características esenciais do voceiro das Irmandades é o monolingüismo en galego. Conta con oito páxinas e nesta primeira etapa está baixo a dirección Xosé Iglesias Roura.

O 1 de febreiro de 1932, pouco despois do nacemento do Partido Galeguista, convértese no seu voceiro oficial e traslada a redacción da Coruña a Pontevedra.

Nese 1º número Antón Vilar Ponte escribe o artigo titulado A BANDEIRA ERGUEITA onde fala da necesidade de contar con medios de comunicación escritos en galego e centrados en Galiza. Considera este feito tan transcendental como dotar o país de escolas e fai un chamamento a colaborar economicamente no mantemento de A Nosa Terra que acaba de saír…

A BANDEIRA ERGUEITA

Fundar e soster escolas en Galicia é obra santa, patriótica. Mais axudar á vida d’este boletín é corolario obrigado d’aquelas iniciativas loudabres. As escolas son pr’os nenos; o boletín, tral-a xuntanza dos enxebres, espertará o sentimento e o pensamento da mocedade que comeza a xurdir na loita. A nosa terra percisa un boletín, xa que hastra o de agora hai xornais e revistas de gallegos, mais nin un soyo de Galicia, esquirto en gallego y-en Galicia, pra Galicia. Oxe bule pol-os nosos eidos e polas nosas vilas un sospeitoso andacio rexionalista. Hai que peneirar as intencións, pra separar a palla do grao. Chegou a hora de definirnos. Nós expoñemos cartos e traballo. Damol-o exempro. Quen non faga o pequeno sacrificio económico de axudarnos a erguer esta folla enxebre, que de chegar a ser diaria resolvería moitas cousas de fondo interés patriótico, non terá dereito a chamarse bo gallego.

Os rexionalistas d’ocasión, rexionalistas de “feira dos discretos”, renegan da fala galega, rinse d’ela. Queren un rexionalismo en castelao; queren un rexionalismo fillo do castelao, ¡do castelao que ten o orgullo de haber enxendrado, cal primoxénito, o centralismo! Isto é pedir peras ao olmo. Isto é facer un corpo sen alma, que é o mesmo que unha cousa sen vida.

Todal-a nosa personalidade está na nosa lingua. Por iso os Amigos da Fala queremos que a voz do pobo, gardadora providencial da nosa conciencia colectiva, veña a inxertarse na voz da xuventude vilega, pra restaurar así entre todos un sentimento, un pensamento y-unha aición que dean mañá o froito proveitoso do rexionalismo enxebre, que fará progresar a Galicia esnaquizando os logreiros y-os labercos.

¿Cómo habemos de darlles fe ós que se amosan rexionalistas, namentres teñen postol-os ollos na escada do centralismo pra rubir? ¿Como habemos de seguir aos rexionalistas que lle deben a súa personalidade ao Poder Central? Estes non son dos nosos porque nunca serán Amigos da Fala. Os que se chaman gallegos, renegando da lingua, non teñen mais dereito á chamarse así que os animais y-as plantas que nacen nos nosos eidos. Eiquí doe, hirmáns.

Ser Amigos da Fala, supón espírito de sacrificio, e todo apostolado é sacrificio. O que se diga ou escriba en gallego, non dará fama na Meseta. Por iso renegan do gallego moitos rexionalistas de pan levar. Por iso o rexionalismo gallego, en gallego, é a nosa bandeira de redención; fronteira posta entre ó mundo da farsa y-o mundo da verdade. Os Amigos da Fala constituímos, pois, unha relixión d’homes honrados, d’homes enxebres, que quer dicir, puros; d’homes que comulgan a cotío c’o rexionalismo integral, ollando á Galicia redenta nos seus corazóns a todal-as horas.

Os amigos da Fala seremos, pois, sempre, os·gardadores do lume sagrado da patria gallega. Oíde ben: non hai outro rexionalismo que o que se faga en gallego, e si este non xurde, non xurdirá Galicia. Nós somos a pedra de toque onde se probará se as moedas da terra son falsas ou boas. Somos o formento d’un porvir grorioso de dinidá e libertá: como á rexa d’o confesionario no que hai que facer sempre exame de concencia rexional.

Galicia é unha patria natural con lingua de seu. As dúas columnas do noso idearium, que non tiveron en conta os sublimes Precursores, seguíndose d’eiquí o seu fracaso. Temos unha lingua propia, feitura de dios e da Natureza, que emprega aínda a maioría do pobo, non habendo gramáticas ni dicionarios que axudaran a fixala y-a pesare de cinco sigros de centralismo: lingua armoñosa que naceu do latín, desgaxada do albre da soberanía de Roma pra parir o castelao y-o portugués, pra vivire en trunfo con xeito internacional nas Cortes dos reises e nas xustas d’amore; lingua viva que entenden moitos millós de homes mais alá das fronteiras; que fixo dos gallegos, lonxe da terra, lazarillos espirituales dos castelaos. Y-unha lingua así –mais extensa, mais prática que a catalana–¿non é a nosa millor arma? ¿Poderemos esquecela? Si a lingua é o escudo da persoalidade dos pobos, mais forte que as armas, ¿que loitas ganaremos sen ela? Si a lingua, soyamente, dá a autonomía espiritual, as outras autonomías separadas ¿valerán algo?

Hai, pois, unha política pra nos: a gran política da lingua. Si consiguimos interesar n’esta política ós novos inteleituáis y-as xeraciós que veñen, voltaremos a ser fortes. Pobo que recobra a súa lingua, recóbrase a si mesmo; pénsase como se fala, e fálase como se pensa. Cando morre un idioma, morre un pobo. Porque a palabra é o elemento esencial da formación do home. O home –dixo Emerson– é a mitade de si mesmo; a outra mitade é a súa expresión. E nós non temos máis expresión que a que nos impuxo Castela, facendo posibre que Galicia poidérase chamar, xenéricamente, Caciquia.

¿Non vos decatádes xa do que queremos? A redención de Galicia está n’estas dúas cousas: no fomento agarimoso da lingua e no estudio dos nosos probremas económicos que non terán nunca, porque non poden tela, solución no actual réximen político hespañol. Porque Galicia é librecambista pol-a súa natureza, y-o arancel proteitor do feudalismo de Castela será sempre o ostáculo que nos impida poñernos nas condiciós de riqueza que teñen os outros pobos de Europa semellantes ó noso.

Falade y-esquirbide e pensade sempre en gallego, hirmáns. Por esto fixéronse fortes os cataláns, por esto se lles calunia e combate no Centro, principalmente. C’o demais transixiríase. […]

Antón Vilar Ponte A Nosa Terra, A Coruña, n° 1, 14 de Novembro de 1916.

PDF da edición facsímil de A Nosa Terra, do 14 de noviembre de 1916, tomado do blog Publicacións Galegas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies