Alexandre Bóveda na Coruña – Paseos en agosto XVII

Monumento a Alexandre Bóveda

Este monumento –na zona de Catro Camiños, na Coruña– homenaxea a Alexandre Bóveda. A escultura de cerámica de Francisco Pérez Porto foi colocada en agosto de 2008. Era a homenaxe da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña e o Concello da cidade.

Placa no monumento a Alexandre Bóveda

O 17 de agosto de 1936 era asasinado Alexandre Bóveda na Caeira (Poio). Desde 1942, nesa data celébrase o Día da Galiza Mártir. Diante do monumento a Alexandre Bóveda –en Catro Camiños– a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña realiza todos os meses de agosto un acto de homenaxe a Bóveda e a todos os que coma el deron a vida por Galiza.

Agrupación Cultural Alexandre Bóveda

Fundada en 1976, a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña ten como obxectivos prioritarios a promoción e a defensa da lingua e da cultura galegas, así como a divulgación da figura e do pensamento do ilustre nacionalista que dá nome á entidade.

Placa na sede da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda

No centro da Coruña –rúa Olmos 16–18, 1°– ten o local a agrupación, onde desenvolve unha intensa actividade cultural ao longo do ano.

Figuras como as de Bóveda son universais. A súa influencia e o seu exemplo chega a todos os lugares de Galiza, de aí que non sexa raro que reciba homenaxes a nivel nacional.

Detalle do monumento a Alexandre Bóveda

Sabemos que Alexandre Bóveda estivo na Coruña. O día 24 de xullo de 1935, diante do monumento a Curros nos Xardíns de Méndez Núñez, houbo un acto de homenaxe ao poeta. En palestras de dez minutos, glosaron a personalidade e a obra de Curros desde distintos ángulos: Alexandre Bóveda, Castelao, Antón Vilar Ponte, Plácido Castro, Núñez Búa, Suárez Picallo, Víctor Casas, Álvarez Gallego, Otero Pedrayo, Iglesia Alvariño, Lugrís Freire, Sebastián González, Gómez Román, López Abente e Carballo Calero.

Placa do Paseo Alexandre Bóveda

Por toda Galiza hai actos en homenaxe a Bóveda e a todos eses mártires que deron a vida pola nosa terra. Na cidade da Coruña –pola zona de Catro Camiños– alegra ver, tamén, o seu nome en forma de rúa. Todas as homenaxes dedicadas a Alexandre Bóveda serán poucas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies