Antía Cal: a mestra renovadora

Abrín a porta da escola e a campana
resoaba co seu eco sobre o val,
ollei arredor e o soño lento
agardando o espertar do pobo meu.

 

Matinaba collido á esperanza
que á escola ninguén hoxe fallara
que os camiños do mundo que quedaban
puidéranos facer todos os nenos
(Xocaloma)

Cando alá polo ano 1979 o grupo Xocaloma de Carballo –coa fermosa voz de Dolores Plata– interpretaba o texto do inicio, podían estar pensando en tantos mestres e mestras que dedicaron a súa vida a buscar –non hai outro camiño posible– un futuro mellor para o noso pobo a través do ensino. A conclusión da canción é triste: “só foi un soño”.

Moitos anos antes de que soase a canción de Xocaloma, xa había unha muller que abría “a porta da escola” agardando que “ninguén fallara”, porque tamén desexaba o “espertar” do seu pobo. A continuación, dedicámoslle unhas breves liñas de homenaxe a unha desas mestras comprometidas co seu pobo e coa súa terra, que seguro desexou que todo o seu traballo non fose “un soño”: Antía Cal.

Vida e obra de Antía Cal

Antía Cal e Antón BeirasFilla dunha familia de Muras (Lugo) emigrada, Antía Cal Vázquez naceu na Habana o día 18 de abril de 1923. En 1932 –tiña nove anos–, inda que o pai queda na Habana, Antía regresa coa nai a Galiza e establécese en Vigo onde cursa estudos de Comercio. Tamén estudou Maxisterio. E, na Universidade de Santiago de Compostela cursará a carreira de Filosofía e Letras.

Casa co oftalmólogo Antón Beiras García e pronto comeza o interese e os contactos de Antía cos círculos da pedagoxía europea. Os contrastes de visións e experiencias pedagóxicas –mandaran os seus fillos estudar ao Reino Unido– foron os que levaron a Antía a fundar a súa propia escola: A Escola Rosalía de Castro.

Cun ensino completamente bilingüe castelán-inglés, Antía Cal funda en 1961, en Vigo, a Escola Rosalía de Castro. As aulas levan nomes tan significativos como: Rosalía de Castro, Alexandre Bóveda, Castelao, Eduardo Pondal, Marie Curie, Carlos Maside, Luís de Camões, Mariñeiros, Labregos, entre outros. O seu interese pola pedagoxía lévaa a entrar en contacto, en 1969, en Barcelona, coas Escolas de Verán Rosa Sensat. O aprendido neste núcleo de renovación pedagóxica aplícao para mellorar a formación do profesorado do seu centro. O colexio de Antía foi pioneiro en introducir o galego no ensino. O mesmo Celso Emilio Ferreiro homenaxea cun poema –febreiro de 1973– os alumnos e alumnas da Escola Rosalía de Castro:

O ESTRANXEIRO

 

Forasteiro en todas partes,
quero acougar nunha terra
i ando a buscar unha patria
senlleira e ceibe, que teña
un ledo vento de gaitas,
unhos homes de alma ergueita,
unha língoa proletaria
que se fale sin xenreira;
un ceo de azul vestido,
unhas nubes viaxeiras,
unha cantiga de amigo,
un cális con sete estrelas,
un Ourense labrador,
unha donda Pontevedra,
unha Cruña frente o mar,
unha Celanova esgrevia,
un Lugo color de aceiro,
un Vigo de ancha ribeira,
un Cambados soñador,
un Mondoñedo de feira,
un Tui a carón dun río
que as súas torres espella,
i alá lonxe, toda de ouro,
nun outeiro, Compostela.

 

¿Onde está, que non a atopo,
esa patria tan ben feita?

 

Eu vou polo mundo adiante
camiñando detrás dela…

O libro dos nenosNo ano 1955 Antía Cal escribía, en galego, unha especie de libro-enciclopedia para o seu alumnado: O libro dos nenos. Sesenta e tres anos despois, en 2018, a Deputación de Lugo edita o libro nun volume de catrocentas páxinas. A obra desta mestra renovadora contén catro partes: Formación do mundo, Xeografía descritiva, Galiza e Sobre da hixiene. Para saber máis da obra:

A enciclopedia secreta. Sermos Galiza, 15 xuño 2018.

O futuro dun pobo depende do ensino. E, o ensino na Galiza moito lle debe a mestras e mestres que, cunha entrega e esforzo admirables, foron loitando por unha aprendizaxe democrática, renovadora e comprometida. O movemento de renovación pedagóxica en Galiza non se entendería sen a aportación de Antía Cal.
[wps_separator style=”default” top=”no” text=”Top” separator_color=”#444″ link_color=”#444″ size=”2″ margin=”15″]

Para saber máis sobre Antía Cal:

Galegos:  Antía Cal (Televisión de Galicia, 10 maio 2014)

Entrevista a Antía Cal:

Publicación da Fundación Otero Pedrayo: Antía Cal: Sementar no futuro. Premio Trasalba 2012

[tnc-pdf-viewer-iframe file=”https://www.acalexandreboveda.gal/descargas/Sementar-no-futuro.pdf” width=”650″ height=”550″ download=”true” print=”true” fullscreen=”true” share=”true” zoom=”true” open=”true” pagenav=”true” logo=”true” find=”true” current_view=”true” rotate=”true” handtool=”true” doc_prop=”true” toggle_menu=”true” language=”gl” page=”” default_zoom=”auto” pagemode=””]

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies