Arredor de Xela Arias e a tradución

Un pobo que se alonxa do seu idioma alónxase da súa cultura

(Xela Arias)

 

Non foi unha tradutora nin ocasional nin anecdótica. Pola contra, e con todas as reservas necesarias que caiba facer, achegouse á figura da tradutora profesional.

(María Xesús Nogueira)

 

Unha lectura aos máis de vinte títulos traducidos amósanos o dominio que tiña de varias linguas e a variedade tanto nos xéneros coma nos contidos. Notábaselle que gozaba co traballo que facía.

(Xavier Senín)

Xela Arias

Dise que a tradución ao galego contribúe ao proceso de normalización plena da nosa lingua en todos os ámbitos da cultura. Para Darío Xoán Cabana –escritor e tradutor a quen en 2013 homenaxeou en Lugo a Asociación de Tradutores Galegos– a tradución nunha lingua coma a nosa cumpre ou debería cumprir varias finalidades. Entre elas, estaría:

Crear a propia lingua, amosando a súa ductilidade e capacidade para se apropiar das obras cimeiras da literatura universal. Digamos que pode ser un xeito de elevar a estima e confianza en si mesma dunha lingua.

Para o escritor e tradutor chairego:

O tradutor débese situar nunha posición de humildade respecto do escritor traducido, refusar calquera marca de estilo propia ou pretensión de orixinalidade, e tratar captar e reflectir as do texto orixinal.”

O día 15 de agosto de 1926 –no número 32 da revista Nós– aparecen publicados, traducidos ao galego por Otero Pedrayo, uns fragmentos do Ulises de James Joyce. A tradución de Otero era a primeira que se realizaba da obra a calquera das linguas da Península. Representaba o esforzo por situar a literatura e a cultura galegas ao mesmo nivel das europeas.

Portada Da esencia da verdade

En 1952, Ramón Piñeiro e Florentino Fernández de la Vega enviaban a tradución do texto de Martin Heidegger, Da esencia da verdade, para ser publicado pola Editorial Galaxia. Por motivos de censura, a obra non vería a luz ata 1956.

Portada de Presencia de Galicia

En 1951, Piñeiro recibiu o ataque feroz de Juan Aparicio –Director Xeral de Prensa do réxime franquista– nas páxinas do diario Pueblo porque Piñeiro traducira para o galego citas de varios filósofos europeos –Heidegger, Karl Jaspers, Jean–Paul Sartre, Vladimir Jankélévitch, Edmund Husserl e Franz Brentano– no ensaio Significado metafísico da saudade, publicado no primeiro número da colección –despois revista– Grial. Para o franquista Juan Aparicio:

En Galicia, algún pedantón traduce la filosofía alemana con ritmo de gaita, […] habría que someterles a una cura psicoanalista o traerles a Madrid por las buenas o por las malas, para que tonifiquen su sistema moral y su sistema nervioso en el competidísimo torneo.

Portada Larga Noche de Piedra

En 1962, Celso Emilio Ferreiro pública Longa noite de pedra, obra de referencia para entender a literatura galega contemporánea. En 1967, Basilio Losada realiza unha edición bilingüe co título de Longa noite de pedra/Larga noche de piedra publicada por Los libros de la Frontera, colección El Bardo.

Falabamos máis atrás de Darío Xohán Cabana, o escritor e tradutor chairego trasladou á nosa lingua obras senlleiras da literatura, como a Divina Comedia e a Vida Nova de Dante, o Cancioneiro de Petrarca, a Antoloxía do Dolce Estilo Novo, Os trobadores da Occitania ou Os Tres Mosqueteiros de Alexandre Dumas.

Portada Onde o aire non era brisaA pesar de deixarnos un só e libro de poesía, Nimbos (1961), Xosé María Díaz Castro é todo un referente dentro da nosa literatura. Tanto por necesidades profesionais como por vocación –dominaba moitas linguas– Díaz Castro foi tamén un constante tradutor. El vía a tradución como un labor difícil, un xeito de recreación que precisaba de ciencia e da arte. Fixo traducións ao galego e ao castelán e –desde estas– ao inglés ou ao francés de Rosalía, Iglesia Alvariño, Bouza–Brey, Lorca Alberti, Rilke, Whitmann, Rimbaud ou Paul Valery.

En 2020, Francisco Xavier Senín Fernández recibiu o Premio Nacional á Obra dun Tradutor de mans do Ministerio de Cultura, o máximo galardón a nivel estatal. O xurado manifestaba que as traducións de Senín:

Salientan pola súa calidade e meticulosidade, nas que amosa un coñecemento pouco común das variedades diatópicas, diastráticas e diafásicas do galego. (…) Destaca tamén o seu traballo para o fomento da tradución ao galego.

Portada da BibliaXavier Senín fixo numerosas traducións, principalmente do francés e o castelán para o galego. É o caso de Onde o aire non era brisa de María Victoria Moreno, a única obra en castelán de María Victoria. Tamén colaborou na tradución do Quixote.

Despois de moitos anos de traballo, o equipo de tradución coordinado por Andrés Torres Queiruga e Xosé Fernández Lago remata a tradución ao galego –dese as linguas orixinais– da Biblia. O equipo de tradutores –entre os que estaba o melidao Xosé Manuel Rodríguez Pampín– recibiu o premio Nacional de Tradución en 1990.

Xela Arias

Tamén Xela Arias Castaño (1962–2003) exerceu de tradutora. Filla de Valentín Arias –igualmente tradutor–, a autora a quen se lle dedican as Letras Galegas de 2021 realizou as traducións coa mesma responsabilidade e rigor lingüístico ca o seu outro traballo de correctora de estilo e editora en Edicións Xerais. Xela dominaba varias linguas, xéneros e contidos. Arredor dunha vintena de títulos de autores e autoras como James Joyce, Gianni Rodari, Angela Carter, Bram Stoker, Jorge Amado, Fenimore Cooper, Camilo Castelo Branco, Carlos Oroza ou Baudelaire demostran o seu interese pola tradución. Xela participou na Asociación de Tradutores Galegos.

Valentín Arias López (1934–2011) foi membro fundador en 1984 da Asociación de Tradutores Galegos, da que foi presidente. Valentín revalorizou coma ninguén o papel da tradución no ámbito editorial en Galiza. O seu labor como tradutor recibiu numerosos recoñecementos como o premio Ramón Cabanillas de Tradución, o Premio de Tradución Xuvenil do Ministerio de Cultura e o Premio de Tradución Plácido Castro. Entre os autores que traduciu Valentín Arias está Jules Verne.

En 1990, un equipo de tradutores entre os que estaba Xela Arias, Valentín Arias e Xavier Senín, daba á luz a tradución O enxeñoso fidalgo don Quixote da Mancha, de Miguel de Cervantes.

Como sinalabamos ao principio, a tradución contribúe a normalizar a lingua e a cultura. E, nisto, Xela Arias tamén nos deixou o seu exemplo.

[wps_separator style=”default” top=”no” text=”Top” separator_color=”#444″ link_color=”#444″ size=”2″ margin=”15″]

Para saber máis de Xela Arias e a súa relación coas palabras:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies