Nun anterior artigo dado a lume neste mesmo foro, A literatura popular galega e o Día das Letras, puñamos o acento no facto de a RAG dedicar tal celebración ás cantareiras, personificadas en varias tocadoras de pandeireta naturais das rexións de Bergantiños e Fisterra: Prudencia Garrido, Asunción Garrido, Manuela Lema, Eva Castiñeira, Adolfina Casás e Rosa Casás. Tamén faciamos fincapé en como tan importante legado cultural coñeceu a deturpación a través da mestura co español ou mediante a substitución directa do galego por esa lingua, segundo temos observado nalgunhas actuacións; nunha, bastante recente, asistimos a como certa formación, teoricamente intérprete de música tradicional galega, daba contas no escenario de “La cucaracha” nun imposíbel ritmo de 6/8.

Nesta ocasión, enlazando con aquel contributo, queremos sinalar aproximativamente os períodos en que se costuman diferenciar as etapas na recolleita dese patrimonio cultural, lingüístico e literario. Así pois, a pregunta “Quen foron as primeiras persoas en se interesaren por esa manifestación artística?” pode ser respondida documentalmente acudindo á segunda metade do século XVIII: pensamos no padre Sarmiento (1695-1772), no cura de Fruíme Diego Antonio Cernadas Castro (1698-1777), en José Cornide Saavedra (1734-1803) ou no padre Sobreira (1746-1805). Hai que notar aquí que os séculos do Galego Medio (XVI-XVIII), sociolingüística e pedadoxicamente denominados Séculos Escuros (XVI-XVII) e Século da Ilustración Galega (XVIII), foron postos en relación coa capacidade artística de o pobo se expresar desde o anonimato. Nesta época consolídase a poesía tradicional na/da Galiza, a cal, para alén do seu valor intrínseco, tamén coadxuva no coñecemento de como era o galego da altura: con efecto, dada a escaseza de textos cultos conservados, a literatura oral enforma unha das principais mostras lingüísticas e literarias e constitúe unha útil ferramenta para nos aproximarmos da situación da lingua no referente a fenómenos de variación lingüística, de manutención de trazos gramaticais xenuínos do idioma galego, de interferencias etc.
A mostra a seguir, en que se rexistra a variante innovadora levai no imperativo en vez de da máis común levade, é moi coñecida no noso tempo por ser glosada por Rosalía en Cantares gallegos e por facer parte do repertorio de varios grupos de música. O cantar procede dos materiais do padre Sobreira e foi compilada no solpor do século XVIII:
Airiños, airiños, aires,
airiños da miña terra,
airiños, airiños, aires,
airiños levaime a ela.
Xa o seguinte período corresponde ao século XIX, nomeadamente á súa segunda metade, coincidindo con homólogos estudos levados a cabo en Europa. Aí foi cando se comezou realmente a sentir a necesidade da urxente compilación da literatura tradicional galega, sobre todo desde a publicación de Cantares gallegos (1863) de Rosalía de Castro e do primeiro volume da Historia de Galicia (1865) de Manuel Murguía. As persoas que protagonizan o Rexurdimento, que é o nome que convencionalmente serve para identificar os anos en que o galego reemerxe literariamente e en que se comeza a tomar consciencia cultural e política do país, son cientes de que se non se recollen esas manifestacións literarias tradicionais van perderse ou verse deslocadas por homólogas mostras cantadas no único idioma oficial da época. Entre os autores que se dedicaron a ese labores en finais do século XIX son de salientar as figuras de José Casal Lois (1845-1912), José López de la Vega (1825-1888), José Pérez Ballesteros (1833-1918), Juan Antonio Saco Arce (1835-1881), Lois Tobío Campos (1861-1943), Manuel Murguía (1833-1923), Marcial Valladares (1821-1903) etc. No entanto, a maior parte desas coleccións non puido sobordar a versión manuscrita, pois, á excepción do Cancionero popular gallego (1885-1886) de Pérez Ballesteros, os máis deses textos non conseguiron publicarse até aos anos finais do século XX ou inicios do s. XXI grazas ás rigorosas edicións de Domingo Blanco. Aliás, a importancia sociocultural e identitaria do canto e poesía tradicionais fai que non se deba esquecer a fundación na Coruña, no día 23 de decembro de 1883, da sociedade “El Folk-Lore Gallego”; a entidade, presidida por Emilia Pardo Bazán, tencionaba, entre outras finalidades, colectar eses cantos populares para non ficaren no esquecemento e para se non viren hibridizadas co castelán ou substituídas por poemas neste idioma.
Como probábel exemplo de copla procedente da segunda metade do século XIX citamos o seguinte texto, en que se fai referencia á división en catro administracións provinciais orquestrada polo ministro español Javier de Burgos en 1833 e que puxo fin ás antigas sete provincias do reino galego
Lugueses son os de Lugo,
na Coruña coruñeses,
son en Ourense ourensáns,
os d’aquí pontevedreses.

O terceiro período principia co século XX e chega até a Guerra Civil. Nesta etapa é de notar o interese que a literatura de transmisión anónima inspirou na Real Academia Galega, nas Irmandades da Fala, no Seminario de Estudos Galegos ou na Xeración Nós, sen deixar de sinalar o labor levado a cabo por investigadores individuais, como Alfonso Hervella Courel (1886-1949), Antonio Noriega Varela (1869-1947), Ramón de Arana (1858-1939), Santiago Tafall (1868-1930) etc. Non é de estrañar que eses traballos tivesen repercusións editoriais nalgúns medios da época; así, quer no Boletín da Real Academia Galega (fundada en 1906), quer en publicacións aparecidas na altura (en que salientan A Nosa Terra e Nós), vai darse a coñecer un importante número de poesías tradicionais. Nestes mesmos anos de preguerra, son merecedores de seren subliñados os coros populares, que tamén se van encarregar de compilaren lírica e música polas aldeas e vilas. O primeiro conxunto foi Aires d’a Terra, fundado en Pontevedra en 1883 e dirixido polo boticario e gaiteiro Perfecto Feixoo Poncet (1858-1935); seguindo este modelo, outras agrupacións similares axiña se espallaron polo país, de forma que entre as décadas de 10 e 20 do século XX irán aparecendo diferentes colectivos con inquietacións artísticas equivalentes, en moitos casos vinculados ás Irmandades da Fala: é de xustiza subliñarmos aquí o xurdimento de Cantigas e Agarimos (Compostela, 1916), Cántigas d’a Terra (A Coruña, 1916), Cantigas e Aturuxos (Lugo, 1917), Coral de Ruada (Ourense, 1919), Foliadas e Cantigas (Pontevedra, 1916), Toxos e Froles (Ferrol, 1914) etc. Na actualidade, unha notábel parte da música tradicional ou folque provén, xustamente, dos arquivos históricos deses conxuntos e podemos pór como exemplo ao respecto, entre outros moitos, o caso da “Foliada de Verducido”, unha das pezas hoxe en día máis coñecidas: a dita melodía pertence ao repertorio clásico de Cántigas da Terra e foi gravada por Milladoiro no disco “Galicia no país das maravillas”; tal versión foi apresa por unha grande cantidade de gaiteiras e gaiteiros tanto do país como doutras tradicións europeas, como é o caso da Bagad Kemper, da Bretaña, que a incorporou na súa “Suite galicienne” e que a ten tocado xunto á gaiteira Susana Seivane.
Dese tempo é igualmente digno de nota o traballo musicolóxico de Jesús Bal y Gay (1905-1993) e Eduardo Martínez Torner (1888-1955), persoas en quen o Seminario de Estudos Galegos delega a investigación sobre esas temáticas. Os materiais coleccionados foron parcialmente editados no monográfico Terra de Melide de 1933, aínda que o resto dos documentos lingüístico-musicais sobrevivise, tamén dun modo parcial, no traballo de Eduardo Martínez Torner e Jesús Bal y Gay, publicado en 1978 como Cancionero gallego. O desastre da Guerra Civil fixo unha cifra cercana aos setecentos manuscritos arder nas lapas da ignorancia e da intolerancia. Merece tamén ponderarse na altura a compilación de máis de 2.500 textos levada a cabo por Xoaquín Lorenzo Fernández, obra que afinal conseguiría saír do prelo en 1976 co título Cantigueiro popular da Limia Baixa. Precisamente desta colección procede a copla a seguir, en que se refire a visita do filólogo Hans Schneider a Xoaquín Lorenzo en 1933 na súa casa de Lobeira; o investigador de Hamburgo , que estudaba o galego da Limia para a súa súa tese de doutoramento, inspirou a cuadra a seguir nuns rapaces que, durante a noiteboa, estaban a “cantar os reis” pola aldea:
Nos días da miña vida
xa vin un cacho de pan;
que por moitos anos viva
o señorito alemán.

Finalmente, o cuarto período abranxe a posguerra no Estado español e proxéctase até aos nosos días, en que, como produto das profundas transformacións que sofreu a sociedade galega (desruralización, emigración interna e externa, modificacións na distribución xeodemográfica da populación, mudanza dos modos de vida e nas prácticas de relacións sociais, ocaso do mundo rural e dos seus valores etc.), e ao mesmo tempo como causa da chegada de innovacións tecnolóxicas (radio, televisión, informática etc.) e da mellora das vías de comunicación, o modo de transmisión desta literatura coñeceu notabilísimas alteracións. Hoxe en día aínda moitas entidades dedicadas ao estudo e compilación da lírica e música tradicionais e até persoas a título particular continúan a procurar informantes para colixiren mostras dese legado cultural, embora cada vez resulte máis difícil achar persoas transmisoras de modo directo, debido ás mudanzas na sociedade galega xa referidas.
Nos nosos tempos, é de salientar o labor da musicóloga suíza Dorothé Schubart (1944-2023) e do filólogo Antón Santamarina (1942-), responsábeis pola publicación en varios volumes do Cancioneiro popular galego. Este, para alén dos textos tradicionais, está dotado de notación e análise musicais e, precisamente por esta circunstancia, a obra ten sido utilizada por non poucas bandas do ámbito tradicional ou folque. Mais a nómina de mulleres e homes con interese na literatura e músicas anónimas non fica por aquí: cómpre lembrarmos o labor de Xosé Ramón Mariño Ferro (1950-), Xosé Luís Rivas Cruz “Mini” (1951-) e Baldomero Iglesias Dobarro “Mero” (1951-), Manuel González Reboredo (1946-), Mercedes Peón (1967-), Fransi González (1972-) etc. Un dos máis recoñecidos expertos nestes ámbitos, Xosé Luís Rivas Cruz, “Mini”, perante o xeral abandono por parte de institucións políticas e académicas cara a ese ámbito, leva ponderado en ocasións como o autodidactismo foi a única estratexia de aprendizaxe e de estímulo para conseguir compilar unha parte desa cultura, e tamén se teñen manifestado recentemente de modo similar figuras como Xabier Díaz (1969-), Pablo Díaz (1972-) ou Olga Kirk (1973-). Igualmente, en finais do século XX e no amañecer do seguinte, asociacións como Aturuxo, Donaire, Xacarandaina, Xiradela e outras moitas continua(ro)n a percorrer o país na procura de textos e melodías que entroncasen con esa tradición secular.

Dun punto de vista estritamente actual, a vitalidade da poesía e música orais mingou moito se comparada con outras épocas. Con todo, os cantos tradicionais manteñen unha notoria vitalidade, particularmente nas celebracións con familiares e amizades, nas sesións das foliadas, polavilas ou seráns ou nos certames e festivais que se celebran por toda a Galiza. Así, textos coleccionados na nosa época xunto a coplas provenientes de hai centos de anos poñen en valor a forza dun tipo expresión artística que vai coñecendo continuas refaccións e reinterpretacións con solistas e bandas de vangarda, segundo sinalamos no anterior artigo.
Vexamos, en último lugar, un exemplo de un cantar recente. A instalación de parques de aeroxeradores eólicos en moitas partes da nación desde a década de 90 do pasado século xerou unha salientábel dose de rexeitamento social polo impacto arqueolóxico e paisaxístico que esas infraestruturas provocaban e polo facto de ese enerxía, na maior parte dos casos, ser rendibilizada noutras partes da península ibérica en vez de no país en que se produce. Nese contexto é como se poden explicar os seguintes versos, tirados do Traditional Galician Cancioneiro Compiled by Cipriano Torre Enciso (2019):
O vento move os eólicos,
é Goía unha canteira;
en vez de recollerse o sol
vese o fume da Fumeira.
En definitivo, o interese pola poesía e música orais e pola súa compilación remonta, polo menos, ao século XVIII. Durante todo este tempo, en varias etapas, chegouse á nada invulgar cifra de cerca de 30.000 cantares, que informan con grande verosimillanza sobre o modo de vida das camadas sociais menos favorecidas socioeconomicamente. Mais ese rico patrimonio tamén reflicte como as clases populares estaban dotadas dunha extraordinaria capacidade creativa con poucas equivalencias no concerto dos pobos europeos. Que as nobres intencións de Sarmiento, de Murguía ou de Xoaquín Lorenzo e restantes eruditos non sucumban perante barbarizacións como “La cucaracha” e outras aberracións polo estilo. Tendo un número tan alto de estrofes en galego, hai algunha necesidade, por acaso, de acudir a textos noutras linguas?
Xosé Manuel Sánchez Rei
sanrei@udc.gal
Universidade da Coruña
Grupo ILLA
Fotografía de cabeceira: Real Academia Galega
