Basilio Álvarez, o cura agrarista

Basilio Álvarez en 1934Da importancia do campo en Galiza –da agricultura e da gandería– non fai falta falar moito. Xeracións e xeracións de galegos e galegas vivimos deste medio, séculos e séculos. Pero, o desenvolvemento e o trato recibido polos campesiños ao longo da historia non foi parello á importancia da que falabamos. Na literatura, temos mostras abondosas dos problemas do campo. Dificultades que, moitas veces, obrigaban a xeracións enteiras de galegos a buscar unha mellor vida fóra da terra.

A situación no campo era tan mala que a principios do século XX naceu un movemento reivindicativo de masas no cal o campesiñado participou activamente. É o denominado movemento agrario ou agrarismo. Nacían unha serie de sociedades agrarias e de sindicatos agrícolas a través das cales o campesiñado loitou pola redención dos foros e contra o caciquismo.

Pois ben, unha desas persoas que loitou decididamente polo campesiñado galego, desde varias perspectivas, foi Basilio Álvarez. Nado en Ourense en 1877, morría o día 15 de novembro de 1943, en Tampa (Florida).

Basilio Álvarez, vida e obra

Nado, como diciamos, en Ourense o día 10 de agosto de 1877, Basilio Álvarez Rodríguez estudou a carreira Eclesiástica, sendo coñecido como o “cura de Beiro” (Ourense). A súa implicación nas loitas agrarias non lle agradaba ao bispo ourensán e arredor de 1913 suspendeu “a divinis” a Basilio Álvarez, quen a partir de entón comezará a carreira de Dereito e seguirá dedicándose ao xornalismo e á política.

La ZarpaComo sinalabamos, outra das súas facetas destacadas foi o xornalismo. En 1921, funda o xornal agrarista La Zarpa. Nel colaboran, entre outros, Castelao, Cabanillas, Risco, Otero, Vilar Ponte, Blanco Amor e Ben-Cho-Shey. Nos seus primeiros anos, La Zarpa levou a cabo unha intensa campaña anticaciquil e a favor da redención dos foros que os campesinos tiñan que pagar aos propietarios das terras.

Dentro do agrarismo, a figura de Basilio Álvarez foi fundamental porque a el debemos a fundación da sociedade agrarista Acción Gallega, en 1910. Cun carácter antiforal e anticaciquil, foi sen dúbida un dos movementos máis importantes do agrarismo de principios de século. O himno de Acción Gallega é do poeta Ramón Cabanillas:

¡Irmáns! ¡Irmáns gallegos!
Dende Ortegal ó Miño
a folla do fouciño
fagamos rebrilar!

 

Que vexa a Vila podre,
coveira da canalla,
á Aldea que traballa
disposta pra loitar.

 

Antes de ser escravos,
¡irmáns, irmáns gallegos!
que corra a sangre a regos
dende a montana ó mar.

 

¡Ergámonos sin medo!
¡Que o lume da toxeira
envolva na fogueira
o pazo siñorial!

 

Xa o fato de caciques,
ladróns e herexes, fuxe
ó redentor empuxe
da alma rexional.

 

Antes de ser escravos,
¡irmáns, irmáns gallegos!
que corra a sangre a regos
dende a montana ó val.

Seguro que a Basilio Álvarez lle gustaba a música que Nao lle puxo aos versos de Cabanillas:
U

Tamén o grupo Xenreira fai a súa versión dos versos do autor de Cambados:

Basilio Álvarez xogou un papel decisivo para que Ramón Cabanillas colaborase co movemento agrarista. No libro No desterro, publicado na Habana en 1913 e con prólogo do propio Basilio Álvarez, Cabanillas dedícalle un poema ao ourensán. Nel atopamos unha alegoría, unha imaxe continuada onde o plano concreto é a sega e o abstracto é a loita anticaciquil. Esas imaxes agrarias do poema definen moi ben a personalidade do líder agrarista:

¡Sementador! O trigo dos beirales
mostra as espigas mestas e douradas,
e as segadoras fouces, afiadas,
teñen tráxico brillo de puñales.

 

O teu verbo, estalante nos pinales,
troca, ó chegar ás chouzas das valgadas,
os salaios das gorxas abafadas
en ruxidos guerreiros e triunfales.

 

A aldea érguese co craror da aurora
agardando a siñal, e non sosega
en axexo de loita vingadora.

 

¡Xa a lus do sol do mediodía cega,
sementador! ¡Sementador, xa é hora
de da-lo berro e comenza-la sega!

Basilio ÁlvarezEntre as obras escrita que nos deixou Basilio Álvarez, temos: El cura rural (1904), folleto; Por los agros celtas (1907); Hablando con los santos (1909); El libro del periodista (1912); Abriendo el surco (1913); A Virxe e a paisanaxe (1914); España en crisol (1937).

Sempre necesitou e segue necesitando o campo galego voces como a de Basilio Álvarez, ese “sementador” que dicía Cabanillas. Oxalá sigan aparecendo porque os problemas no rural perviven hoxe. E, que a “semente” dea froito.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies