Neste 17 de maio de 2026, a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda súmase á celebración do Día das Letras Galegas dedicado a Begoña Caamaño Rascado. Para unha entidade como a nosa, que naceu hai cincuenta anos co obxectivo de sementar conciencia e dignificar a nosa cultura, a figura de Begoña resulta non só inspiradora, senón moi próxima. Na súa traxectoria conflúen creación literaria, compromiso social e defensa da lingua.
Unha vida tecida no activismo e a comunicación
Naceu no barrio vigués do Calvario en 1964. A súa traxectoria estivo marcada dende cedo por unha curiosidade insaciable e un agudo sentido da xustiza. A mediados dos 70, o traslado da súa familia ao barrio de Coia —un polígono de nova construción marcado pola conflitividade urbanística e o auxe do asociacionismo— foi determinante. Alí, en contacto coas loitas veciñais e a teoloxía da liberación, participou activamente nas mobilizacións estudantís, como a histórica campaña dos “Pases pro bus”.

A súa andaina profesional na radio comezou en 1986 en Radio Noroeste, continuou nos servizos informativos de Radio Popular e desde 1989 na Radio Galega, primeiro na delegación de Vigo e logo na sede central de Santiago de Compostela. Alí dirixiu e presentou programas como Andando a Terra, Club Cultura e Expreso de Medianoite. Foi moito máis que un oficio. Begoña era unha xornalista rigorosa e combativa, que non dubidou en denunciar a manipulación informativa desde a presidencia do Comité Interempresas da CRTVG. Para ela, os medios públicos eran piares fundamentais para o futuro do país e da lingua: “Eran tempos en que criamos que estabamos a construír unha radio para un país”.
O feminismo como cosmovisión
Non se pode entender a Begoña Caamaño sen o seu compromiso feminista, un eixo que vertebrou toda a súa biografía. Foi unha das impulsoras de MUGACOM (Asociación de Mulleres Galegas na Comunicación), membro de Mulheres Nacionalistas Galegas e peza fundamental na Marcha Mundial das Mulleres, participando en encontros internacionais en Bruxelas, Montreal, así como no Foro Social de Porto Alegre.
O seu feminismo non era decorativo nin de declaracións. Era, nas súas propias palabras, “unha cosmovisión, un xeito de entender o mundo”: non un programa político concreto, senón un método para ler a realidade, cuestionar o poder e imaxinar outras formas de organización social. Non buscaba cambiar as regras do xogo, senón o propio xogo. Por iso o seu pensamento feminista aparece en todo: no xornalismo, nas novelas, nos artigos, nas conferencias, nas manifestacións. Ese espírito levouna a implicarse en múltiples frontes: o antimilitarismo e a insubmisión, a defensa do dereito ao aborto, a denuncia da catástrofe do Prestige ou a campaña en defensa do ensino público. En 2012, nun dos seus últimos artigos, preguntaba sen rodeos: “A quen pertence o corpo das mulleres?”
Unha obra literaria para a memoria
Lectora voraz dende a infancia, Begoña afirmaba: “Escribo porque leo”. O seu paso pola narrativa foi breve —cortado polo cancro que a levou en outubro de 2014, con apenas cincuenta anos—, pero as dúas novelas que publicou en Galaxia abondan para deixar unha pegada fonda na narrativa galega contemporánea.

Circe ou o pracer do azul (2009) parte dunha pregunta que a perseguía desde a adolescencia: “E se o que conta Homero non foi verdade?”. Desde aí constrúe un relato no que Penélope e Circe, silenciadas durante séculos, pasan a ocupar o centro do relato. A novela explora a sororidade, o desexo de liberdade e a posibilidade do cambio.
Morgana en Esmelle (2012) é unha reflexión contemporánea sobre o poder e a ética, tecida sobre a Materia de Bretaña. “Quixen formular un debate contemporáneo. Sobre que modelo de sociedade queremos”, dixo a autora. A novela obtivo o Premio Ánxel Casal ao mellor libro de ficción 2012, o Premio da AELG á mellor obra de narrativa, o Premio da Crítica de narrativa galega e o Premio Losada Diéguez de creación literaria 2013. Catro galardóns que son o recoñecemento colectivo dunha obra que continúa moi viva.
Nun e noutro libro, Begoña “xogou co idioma” cunha delicadeza e un rigor que construíron un modelo de lingua rico e ambicioso. Porque tiña moi claro que “un idioma é algo precioso, único, o froito de séculos de traballo, cultura, discusións e consenso”.
O seu legado, entre nós
Desde a AC Alexandre Bóveda, onde o compromiso coa igualdade e a memoria histórica nos definen desde 1976, sentimos a Begoña como alguén dos nosos. Non é casualidade: estudou o bacharelato no centro que hoxe se chama IES Alexandre Bóveda. E os valores que ela viviu —a lingua, a xustiza, a dignidade das mulleres, a liberdade dos pobos— son os mesmos que nos trouxeron ata aquí.
O seu falecemento deixou un baleiro enorme. Pero a súa voz non se foi: está nos libros, nas gravacións, nos artigos e en todo proxecto cultural que traballa por unha Galiza máis xusta.
Ler hoxe a Begoña Caamaño segue sendo unha maneira de pensar o país, a lingua e o feminismo desde a liberdade e o espírito crítico.
Para saber máis:

Unha resposta
Qué agradecemento tan inmenso podemos facerlle a Begoña, que mágoa a súa ida ..cánto nos podería seguir contando e qué ben, cun dominio extraordinario da narrativa, en fondo e forma
Grazas por existir Begoña😍