Calendario 2022

Doce centenarios nos chamaron para facermos esta lembranza de mulleres nadas hai 100 anos. Doce historias diversas, desde a de María Casares (a galega que foi a grande dama do teatro francés) até a da nosa queridísima Luz Pozo (poeta e moito máis), pasando pola de Mariví Villaverde e a memoria do exilio…

Xaneiro

María CasaresMaría Victoria Casares Pérez (A Coruña, 1922) foi filla de Gloria Pérez e Santiago Casares Quiroga (presidente do goberno na II República), e criouse entre a rúa Panadeiras da Coruña e o Pazo de Montrove. Co golpe de Estado, contando con só catorce anos, ten de se exiliar coa familia na Franza. Alí comeza a actuar no teatro galo, asunto de certo importante, xa que antes ca ela ningún actor ou actriz estranxeiro actuara na comédie française. Viaxou por máis de vinte países co Théâtre Nacional Populaire, o que facilitou que nunha desas xiras se reencontrase co exilio bonaerense. Pouco antes de morrer, María Casares aceptou dar o seu nome para os Premios de Teatro da Asociación de Actores e Actrices da Galiza.

“Galicia soy yo. Galicia no soy yo. Pero soy un trozo de Galicia. Y moriré siendo gallega.”

 Febreiro

May CarréMay Carré (A Coruña, 1922), batizada co nome María Purificación Carré Sánchez Coruña, era neta do ilustre galeguista Uxío Carré Aldao, libreiro, editor, un dos fundadores da Real Academia Galega e principal animador do faladoiro galeguista “A Cova Céltica” (con notábel influencia na cultura galega da época). Tanto ela como a súa irmá María Pilar foron prolíficas escritoras de novela rosa nos anos centrais do século XX. Fillas da burguesía ilustrada da cidade, conseguiron, en épocas moi duras, sobre todo para as mulleres, viviren profesionalmente da escrita. May publicou arredor de 145 novelas rosas entre 1943 e 1991.

Se vas ao faladoiro e falas de algo do que sabes, …  din que te escoitas a ti mesma, que o queres saber todo. (Rosalía de Castro)

Marzo

Josefina LópezJosefina López González (A Coruña, 1922) foi escritora, máis coñecida como Josefina López de Serantes, e cultivou xéneros como o ensaio, a novela e a poesía en galego e español. Colaborou en publicacións periódicas cal La Voz de Galicia, El Ideal Gallego, El Correo Gallego, La Noche, La Región e en numerosas revistas. Tamén escribiu guións para emisoras de radio, como Cadena Ser, Radio Nacional de España, EAJ. 41, Radio Barcelona ou Radio Juventud. Foi biógrafa de poetas galegos e redixiu a obra Benito Vicetto iñorado (1978).

“Dende esta mañá de domingo, penso que vou falar sempre con Deus na nosa fala… o que me fai comprender que endexamáis deixarei de ser escoitada.”

Abril

María Antonia Dans
@Xurxo Lobato

María Antonia Dans (Oza dos Ríos, 1922) recibiu na Coruña as primeiras leccións da man dunha notábel debuxante, Lolita Díaz Baliño, e foi tamén nesa cidade onde realizou as primeiras exposicións. Após casar, deslócase a Madrid, onde viviu o resto da súa vida e onde asistiu ás aulas do Círculo de Belas Artes e á Escola de San Fernando. Expuxo en numerosas cidades de todo o Estado e en París, ao paso que conseguiu diversos galardóns, como o premio da Fundación March. A súa pintura pode cualificarse de figurativa e paisaxística, cunha notoria presenza do mundo rural galego.

Feminismo é a noción radical de que as mulleres son persoas (Marie Shear)

Maio

Cadro de declamación Universidade (1922)
@Ksado (1922)

O marco patriarcal invisibilizou tradicionalmente a actividade feminina nos colectivos dramáticos baixo fórmulas ritualizadas como “un grupo de distinguidas señoritas”. Cando en 1922 naceu o cadro de declamación galego da Universidade, moitas das mulleres que conseguiran romper as barreiras de acceso aos estudos superiores decidiron sumarse a esta iniciativa. Mais, de novo, foron ocultadas nas crónicas e silenciadas na historiografía dramática. Por iso, chegou o momento de as visibilizar e de lles render a homenaxe que merecen. Estamos a nos referir, para alén doutras persoas, a mulleres como Olimpia Valencia, Mercedes G. Aller, Margarita Deulofeu, María Cabeza, Encarnación Rovira ou María Luísa Fernández.

Para a maior parte da historia, “Anónimo” era unha muller (Virginia  Woolf)

Xuño

Marivi Villaverde
@Xurxo Lobato

Mariví Villaverde (Vilagarcía de Arousa, 1922) viuse obrigada, co golpe de Estado de 1936, a fuxir coa familia primeiro a Marsella e despois a París. Na Franza coñeceu o que había de ser o seu home, o tamén exiliado galeguista Ramón de Valenzuela, con quen tería de se ir para a Arxentina estourido da II Guerra Mundial. Foi escritora, tradutora e xornalista, para alén de activista pola recuperación e dignificación da memoria do exilio. En Bos Aires traballou no Teatro Galego da Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturales e dirixiu con Arturo Cuadrado o xornal Galicia.

“Non podemos facer como que non pasou o que si pasou”

Xullo

Luz PozoLuz Pozo Garza (Ribadeo, 1922) foi Catedrática de Lingua e Literatura Española en diferentes institutos galegos, alén de escritora, ensaísta, editora, directora de revistas ou colaboradora habitual en publicacións nacionais e estranxeiras. Como poeta dáse a coñecer co libro Ánfora (1949) e en 1952 inaugura a Colección Xistral co seu poemario O paxaro na boca. Obtivo o Premio Miguel González Garcés en 1992 por Prometo a flor de Loto e o Premio da Crítica por Deter o día cunha flor. É a súa unha poesía á procura da beleza formal, con pegada profunda da música e a pintura.

Dormir soñar morrer acaso
agardar un encontro para se tornar caricia

Agosto

Mª Teresa AlvajarMaría Teresa Alvajar López (A Coruña, 1922) naceu nunha familia formada pola Irmandiña Amparo López Jean, a primeira muller que se afiliou ao Partido Galeguista na cidade herculina, e César Alvajar. Cando tivo lugar o golpe de Estado, Teresa está en Soria, onde seu pai era gobernador civil, e pasou logo por Madrid, Valencia e Barcelona. Porén, despois non puido fuxir coa familia ao exilio e tivo de regresar á Coruña, onde foi detida onde estivo cinco meses no cárcere, chegando mesmo a facer presa os 18 anos. En 1940 pode escapar da Coruña e consegue reencontrarse coa nai e co pai na Franza.

“Galiza está chea de mártires. Aquí, non houbo guerra senón crimes, asasinatos, destrución de familias. A min quitáronme todo, a lingua, a terra. Choro e soño por Galiza.”

 Setembro

Mª Magdalena DomínguezMaría Magdalena Domínguez Domínguez (Mos, 1922)  aprendeu a ler e escribir grazas á súa nai, xa antes de ir á escola. E desde moi nova foi sobre todo unha grande lectora: contaba ela mesma que na escola descubriu a obra de Rosalía de Castro e que despois moito gozou lendo Daniel  R. Castelao e Álvaro Cunqueiro. Foi unha lectora voraz e  unha escritora autodidacta, con “pouca escola” mais con moita vontade de saber, e chegou a a publicar oito poemarios. As súas composicións poéticas son de carácter intimista, de grande viveza e espontaneidade. Ao paso, desenvolveu ocasionalmente o papel de actriz, segundo aconteceu cunha representación teatral no Porriño, da obra de Castelao Os vellos  non deben de namorarse a que ela engadiu no título “das mozas  novas”.

Eu son libre. Nada pode protexer a marcha dos meus pensamentos, e eles son a lei que rexe o meu destino. (Rosalía de Castro)

Outubro

María Lucía CrespíMaría Alicia Crespí González (Pontevedra, 1922) foi a primeira muller catedrática dunha Escola Técnica Superior e realizou a súa tese de doutoramento na Facultade de Ciencias. Ao pouco tempo de se doutorar, comezou a traballar en organismos dependentes do Instituto Nacional de Industria, onde chegou a desempeñar postos directivos. En 1975 obtivo a cátedra de electrotecnia, luminotecnia e técnicas de acondicionamento e acústica na Escola de Arquitectura de Madrid. Foi responsábel pola investigación e proxectos sobre prevención de contaminación en instalacións nucleares na Junta de Energía Nuclear, hoxe en día CIEMAT. Desenvolveu proxectos ambientais para o Museo do Louvre e do Prado.

Non estou a aceptar as cousas que non podo cambiar, estou a cambiar as cousas que non podo aceptar. (Angela Davis)

Novembro

Mártires de SobredoMártires de Sobredo. No mes de Xullo de 1922 desenvólvese o Congreso Rexional Agrario de Tui, evento en que nacería a Confederación Rexional de Agricultores Galegos, cunha cifra inicial de perto de 62.000 labreg@ e máis de 400 sociedades agrarias. Catro meses despois, uns dous mil labregos e labregas, convocadas a golpe de badaladas e de foguetes, solidarizaríanse en Sobredo, parroquia de Guillarei (Tui), cun veciño que se negaba a pagar os foros, arengando en favor de “A terra para quen a traballa!” Enviada a Garda Civil como forza de choque a labrega Cándida Rodríguez, Xoaquín Estévez e Venancio González caerían asasinados e seían posteriormente coñecidos como os “Mártires de Sobredo.”

“Irmáns! Irmáns gallegos!
Dende Ortegal ó Miño
a folla do fouciño
fagamos rebrilar!”

Decembro

Carmen San JuanCarmen Sanjuán Maristany (1922), fixo parte, xunto cos seus irmáns, do continxente de “crianzas vascas” exiliadas ao Reino Unido. Após o bombardeo sobre Guernica, unha parte considerábel do pobo inglés presionou o Parlamento para aqueles nenos e nenas de Euscadi non seren vítimas das bombas da aviación nazi. Desta maneira, perto de 4.000 nenos e nenas abandonaron Euscadi e refuxiáronse no Reino Unido. Alí permaneceu até decembro de 1939 Carmen Sanjuán. Estabelecida en Ferrol e casada en 1946 co profesor ferrolán Andrés López Dafonte, foi a súa colaboradora no Colexio Dafonte. Tamén exerceu a docencia en diferentes centros educativos da cidade. Ao enviuvar en 1961 dirixiu o mencionado centro escolar durante máis de trinta anos.

“Quen non se move non nota as súas cadeas”. (Rosa Luxemburgo)

[wps_separator style=”default” top=”no” text=”Top” separator_color=”#444″ link_color=”#444″ size=”2″ margin=”15″]

Desde aquí podes visualizar e descargar o calendario deste 2022:

[pvfw-embed viewer_id=”5927″ width=”100%” height=”800″ zoom=”auto” pagemode=”none”]

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies