Neste 2023, estamos a festexar o centenario dunha empresa científica xigantesca, o SEMINARIO DE ESTUDOS GALEGOS.
O 12 de outubro de 1923 estudantes e profesores da Universidade de Santiago de Compostela fundan, na casa na que vivira Rosalía de Castro en Ortoño, o Seminario de Estudos Galegos (SEG). O SEG nace co obxectivo de elevar o nivel da cultura galega e equiparala ás demais culturas europeas; estruturouse en varias seccións dirixidas por cadanseu coordinador: Filoloxía, Arte e Letras, Etnografía, Historia, Prehistoria, Xeografía, Historia da Arte, Historia da Literatura, Pedagoxía, Ciencias Aplicadas, Ciencias Naturais e Ciencias Sociais, Xurídicas e Económicas.
O SEG, que integraría a grande parte da intelectualidade galeguista, chegou a ter cincocentos asociados. Iniciaría estudos en campos en que apenas había nada até ese momento, como o da matemática, a química, a astronomía ou a economía.
O SEMINARIO DE ESTUDOS GALEGOS acabaría, de xeito dramático, co golpe de estado fascista de xullo de 1936.
XANEIRO
O 29 de xaneiro de 1886 nace en Rianxo Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, a figura de máis relevancia dentro da política e arte de Galiza do s. XX. Participa nas IdaFala, colabora na revista Nós da que é o seu director artístico e n‘ANT, investigador, conferenciante, articulista, pintor, debuxante, escritor… Membro fundador do Partido Galeguista. A súa principal obra política é Sempre en Galiza.
Membro do Seminario de Estudos Galegos, coordinador da sección de Arte e Letras, Castelao deseña para o SEG o escudo, dous círculos concéntricos que xiran arredor dun cáliz con cinco estrelas e unha pomba, coas lendas SEMINARIO DE ESTUDOS GALEGOS · COMPOSTELA e DEUS · SCIENTIA · GRATRESQUE · GALLÆTIÆ.
Fixo imprentar, xa no exilio, a súa derradeira obra As cruces de pedra na Galicia, co selo do Seminario.
FEBREIRO
O 3 de febreiro de 1878 nace Ramón María Aller Ulloa, astrónomo e matemático. Na década de 1910 construíu na súa casa en Lalín o primeiro observatorio astronómico de Galiza. Inventou aparellos de medición e observación, algúns deles foron adoptados polo observatorio de París. Foi membro de numerosas institucións científicas, así como da Real Academia Galega. O inglés Wilkins puxo o nome de Aller a un cráter da Lúa.
Foi membro do Seminario de Estudos Galegos onde ingresou no ano 1928, cun discurso de entrada titulado “D. José Rodríguez González: o matemático de Bermés”.
A súa obra “Astronomía a ollo ceibe” debía ser a primeira obra de divulgación de ciencia experimental en galego mais a destrución do SEG non o fixo posible.
MARZO
O 18 de marzo de 1925 morre Manuel Lago González, eclesiástico que foi Arcebispo de Santiago. Participou nos famosos Xogos Florais de 1891 co discurso “Gabanza da lingua galega” e en 1906 ingresou na Real Academia Galega co discurso “Elogio de la lengua gallega”. Formou parte da Asociación Regionalista Gallega de Manuel Murguía. Escribiu unha extensa obra poética en galego de temática paisaxística e relixiosa.
En 1924 entrou a facer parte do Seminario de Estudos Galegos na mesma sesión que Castelao. Foi nomeado Presidente de honra do SEG.
ABRIL
O 30 de abril de 1963 falece Vicente Risco, investigador, ensaísta, crítico, etnógrafo e escritor. Membro da xeración Nós, é considerado un dos grandes teóricos do nacionalismo galego. Entra contacto co galeguismo a través das Irmandades da Fala e esta evolución ideolóxica queda plasmada no seu ensaio Nós, os inadaptados. Risco desenvolveu un labor fundamental na recuperación e dignificación da cultura galega.
Foi membro e coordinador da sección de Etnografía do Seminario de Estudos Galegos. Publicou co SEG “O castro de Caldelas. Monografía xeográfica i-etnográfica d’unha vila da nosa terra”.
MAIO
O 20 de maio de 1934 morre en Compostela Salvador Cabeza de León, destacado galeguista, xurista, profesor e político. Membro das Irmandades da Fala de Compostela, foi socio fundador da Real Academia Galega. En novembro de 1890 participou na constitución da Asociación Regionalista Gallega que presidiu Manuel Murguía.
En 1925 pasou a ocupar a presidencia do Seminario de Estudos Galegos, que non abandonou até a súa morte. Foi director da Sección de Bibliografía e coordinador da Sección de Historia.
XUÑO
O 13 de xuño de 1906 nace en Viveiro Lois Tobío Fernández, diplomático, escritor e tradutor. Traduciu textos de ficción, ensaísticos, filosóficos, políticos e económicos.
Membro do Seminario de Estudos Galegos desde a súa fundación, foi Secretario (1923-1926), secretario de actas (1926-1927), Conselleiro permanente e coordinador da Sección de Ciencias Sociais, Xurídicas e Económicas. Dentro do SEG comezou a realizar e publicar os seus primeiros traballos.
Tras a proclamación da Segunda República o 14 de abril de 1931, a sección do seminario que coordinaba Tobío propuxo redactar un Anteproyeito de Estatuto da Galiza, que deu pé ao Estatuto de Galicia de 1936.
XULLO
O 2 de xullo de 1895 nace en Teis Luís Iglesias Iglesias. Dedicouse á docencia e a súa obra investigadora centrouse, sobre todo, na Entomoloxía. Iglesias simultaneou o labor docente e investigador con numerosos cargos en diversas institucións, foi decano da Facultade de Ciencias e reitor da Universidade.
En xaneiro de 1926, ingresa no Seminario de Estudos Galegos. No SEG exerceu os cargos de director da sección de Ciencias, membro da Comisión de Publicacións e delegado para a organización do Instituto de Estudios Regionales. Logo da morte de Cabeza de León, foi elixido presidente do SEG.
AGOSTO
O 19 de agosto de 1936 morre asasinado o editor Ánxel Casal. Foi un dos protagonistas do proxecto de Escolas do Insiño Galego, iniciativa da que neste ano festexamos o Centenario. Inxente foi o seu traballo editorial: creou a editorial Lar, xunto con Leandro Carré Alvarellos, e fundou a editorial Nós. O gran contributo de Ánxel Casal á Galiza do século XX estivo na creación dunha estrutura editorial estable que tiña o galego como vehículo de comunicación.
Inicialmente os traballos do SEG íanse publicando na revista Nós, no boletín da RAG e n`A Nosa Terra mais logo o Seminario comezou a facer edicións propias. Neste traballo tiveron especial importancia a editorial Lar en primeiro lugar e posteriormente a editorial Nós. O primeiro volume dos Arquivos do Seminario imprimiuno a editorial LAR en 1927.
SETEMBRO
AS MULLERES NO SEG
A case exclusiva presenza de homes no Seminario de Estudos Galegos demóstranos claramente o escaso papel que aínda cumprían as mulleres na esfera do público no primeiro terzo do s. XX.
No SEG no hai ningunha muller entre os socios fundadores, nin formando parte das xuntas directivas.
Aínda así existe un pequeno grupo de mulleres que estiveron vinculadas ao SEG: Amparo Arango Hernández, María del Carmen Corredoyra y Ruiz, Luisa Cuesta Guitiérrez, Josefa Iglesias Vilarelle, Sara Leirós Fernández, Mª Pura Lorenzana Prado, Dolores Lorenzo Salgado, Mª del Carmen Sierra Domínguez, Margot Sponer, Carmen Rey, Emilia Álvarez Álvarez, Socorro de los Arcos Usero, Pilar Bermúdez de Castro y Feijoo, Inés Corral Mariño, Encarnación Fraga Padín, Daría González García-Paz, Josefa Iglesias Vilarelle, Carmen Pardo Losada; Matilde Pondal Araoz, Mercedes da Vilabella e Angelita Varela Prol.
OUTUBRO
O 15 de outubro de 1929 morre en Pontevedra Antón Losada Diéguez. Desde o seu ingreso nas IdaFala desempeñou un papel relevante na conformación da ideoloxía nacionalista na Galiza. Presidiu a I Asemblea Nacionalista (Lugo, 1918) e resultará decisivo na evolución dos compoñentes do Grupo Nós. Defensor da entidade nacional do país galego, esixirá a súa soberanía política como afirmación imprescindíbel perante un Estado centralista e explotador.
Considérase que parte de Losada Diéguez a idea de crear un órgano que tivese como función poñer en valor a cultura galega, unha función que a universidade galega da época non cumpría ao desenvolver programas académicos alleos á realidade, á historia e á cultura deste país. Nace así na súa casa a Xuntanza de Estudos e Investigacións Históricas e Arqueolóxicas, o xerme do que logo sería o SEG.
NOVEMBRO
O 14 de novembro de 1886 nace Florentino López Cuevillas. Membro das IdaFala, participou no nacemento da revista Nós e foi membro da Real Academia Galega. Está considerado o pai dos estudos prehistóricos de Galiza. Baixo o título “Prosas galegas” compilaríase postumamente un conxunto de textos literarios, ensaios de carácter científico e divulgativo e textos arqueolóxicos.
Foi coordinador da sección de Prehistoria do Seminario de Estudos Galegos e autor, xunto con Xoaquín Lourenzo Fernández, dun dos estudos das comarcas galegas, Vila de Calvos: notas etnográficas e folklóricas, 1930.
DECEMBRO
O 28 de decembro de 1879 nace Armando Cotarelo Valledor. En 1904, doutórase cunha tese sobre a literatura galega medieval, o que fai del un precursor neses estudos. Ese mesmo ano foi nomeado Catedrático na Universidade de Compostela, onde chegou a ser vicerreitor e decano. Foi un dos promotores da Exposición Rexional de 1909 e da Exposición de Arte de 1926. Creou e dirixiu a revista Ultreya, participou no movemento galeguista e foi membro activo das IdaFala.
Foi un dos fundadores e primeiro presidente do SEG, director da sección de literatura, conselleiro permanente, membro e coordinador da Sección de Filoloxía de Estudos Galegos e a persoa quen lle deu nome ao Seminario.
[wps_separator style=”default” top=”no” text=”Top” separator_color=”#444″ link_color=”#444″ size=”2″ margin=”15″]
Desde aquí podes visualizar e descargar o calendario deste 2023:
[pvfw-embed viewer_id=”7639″ width=”100%” height=”800″ zoom=”auto” pagemode=”none”]