Dedicamos este calendario ás moitas mulleres que antes ca nós xa loitaron en defensa dos seus dereitos.
As que non achantaron, as insubmisas, as rebeldes. Mulleres con moita forza que souberon tecer redes, traballar en común, mais que as súas historias, en demasiadas ocasións, ficaron no esquecemento. Contaremos nos doce meses do ano unha ducia de loitas e conquistas que acotío se conseguiron conxugando os verbos en plural.
Once historias de colectivos de mulleres que se comprometeron coa causa da xustiza, coa causa da liberdade, cos ideais de progreso e igualdade, mulleres que converteron a reivindicación dos ideais e dos dereitos laborais e sociais nun dos motores das súas vidas. E dedicamos o mes de maio ás cantareiras porque cantar e tamén un xeito de loita e rebeldía:
Axudaime compañeiras,
axudaime camaradas.
XANEIRO
As revoltas das mulleres
Nos primeiros anos do século XX eran moi habituais as revoltas protagonizadas por mulleres contra a suba dos prezos dos alimentos. En 1918, en xaneiro na Coruña e en marzo en Ferrol, tiveron grandísima repercusión. Poderíase pensar que son accións espontáneas, mais o certo é que centos e centos de mulleres, nos peiraos, nas loxas do centro, nos almacéns dos barrios etc., e case á mesma hora, deciden asaltar e repartir os alimentos que requisan. O protagonismo feminino nestas revoltas é total. Centenares de mulleres participan nunha manifestación pola cidade da Coruña, asaltan almacéns, rexeitando a participación dos homes con berros de “Fóra! Aquí bastamos nós!”.
Llama la atención la disciplina y la unión que entre ellas existe y su afán de reclutar a compañeras que se le unan. (El Correo Gallego, 15/3/1918)
FEBREIRO
As labregas
A historia desmonta ese relato de que somos un pobo submiso. Desde o inicio do século XX prodúcense por toda Galiza levantamentos e mobilizacións de labregas contra o caciquismo, contra o pagamento dos foros ou contra o cobro de abusivos e inxustos impostos con resultado de mulleres asasinadas: en Guillareu, Nebra, Sofán, Oseira… Unha historia de rebeldía que continúa no tempo. O 15 de febreiro de 1977 prodúcese a maior revolta agraria das últimas décadas cando nas Encrobas o pobo se enfronta ás forzas de seguridade con sachos e paus e ducias de mulleres labregas zoupan con paraugas nos gardas civís.
…defenderon pobo e pan, xustiza, patria e bandeira! (Versos de Manuel María)
MARZO
As cigarreiras
Por antigüidade, volume de produción e número de traballadoras, a fábrica de cigarros da Coruña destacou entre as factorías galegas. Comezaría a funcionar no 1804 e empregaba maioritariamente a mulleres. Debido ao escaso salario, as traballadoras levaron a cabo numerosas protestas. Hai conflitos documentados en 1831 e 1854. En 1857 ten lugar a primeira folga de mulleres en Galiza. 4.000 mulleres érguense contra as malas condicións de traballo e a mecanización da fábrica. Esta revolta constituíu o mellor exemplo galego de protesta ludista: o punto de mira das cigarreiras eran as novas máquinas introducidas que facían diminuír o seu traballo.
…arremeteron contra o xefe e empregados, destruíndo o tabaco picado e botándoo ao mar. Romperon e fixeron cachos as máquinas novas para picar tabaco que se di que custaron 14.000 duros. (El País. Diario de Pontevedra. 13/12/1857)
ABRIL
Irmandiñas
Dous anos despois da creación das Irmandades, xa se crea a “Sección Feminina” da Irmandade da Fala coruñesa. Con máis de 200 asociadas, a súa Conselleira Primeira foi Micaela Chao. En moitas ocasións dise que as mulleres das Irmandades o que fixeron foi bordar bandeiras, mais fixeron moito máis: redactaron panfletos defendendo Galiza ou impulsaron o teatro galego. Un grupo de Irmandiñas, en abril de 1933, constitúen a Agrupación Republicana Feminina. A 1ª Xunta Directiva tivo como presidenta a Elvira Bao de Varela. A agrupación tiña como obxectivos: contribuír á xustiza social, defender os dereitos das mulleres e traballar pola consecución dos aínda non recoñecidos.
¿Es que, tanto en lo espiritual como en lo político, hubo alguna vez unión entre esta Galicia ultrajada, trabajadora y noble y esa Castilla verbenera, ociosa y taurólatra? (Habla la Mujer gallega. Respuesta a un manifiesto)
MAIO
As cantareiras
As mulleres galegas foron o alicerce sobre o que se sostivo a tradición literaria -oral- que mantivo vivo o noso idioma e, entre elas, as cantareiras foron elemento central. Cantaban para aliviar as longas horas de traballo, no mar e na terra, nos longos desprazamentos a pé e no remate das tarefas comunais, acompañadas da pandeireta, convidaban ao baile. Cantaban para se divertiren, para mocear, mais tamén para falaren de todos os temas que as ocupaban e preocupaban. Os cantos que interpretaban constaban dunha melodía, sobre a que se ían cantando coplas, unhas coñecidas e outras improvisadas no momento, de xeito que se convertían en autoras.
Axudádeme a cantar/Mozas da miña aldea/ Axudádeme a cantar/Que estamos na nosa terra.
XUÑO
Mandadeiras
Un colectivo moi numeroso, maioritariamente feminino, que se dedica a facer mandados, recados, nas casas particulares, nos comercios, nos hoteis das cidades. Era un traballo que ás veces requiría moita forza, como era o realizado movendo maletas e grandes fardos desde as casas, os hoteis e fondas até os barcos no Porto. Estas traballadoras en moitas ocasións tiveron que facer fronte á vulneración dos seus dereitos por parte dos homes, que facían traballos semellantes e que as consideraban unhas intrusas. En xuño de 1919, na Coruña, crean o sindicato “A enerxía social” e grazas á forza da unión enfróntanse ao colectivo de hoteleiros e fondistas polas estafas e comisións ilegais.
…impóngase el buen sentido y no traten de arrebatarnos un pan amasado con trabajo penosísimo. Reduzcan ustedes ese propósito de querer lucrarse aún más con el sudor ajeno… (Folla voandeira La Voz del Obrero, nº 313)
XULLO
As lavandeiras
Un oficio duro no que traballan un bo número das mulleres dos arrabaldes das cidades que recollen a roupa polas casas e vana lavar aos numerosos lavadoiros públicos que existían. En 1907 as lavandeiras da Coruña organizáronse no sindicato de oficios “La Heterogénea”, de ideoloxía anarquista, formando unha asociación chamada El Alba de lavanderos e lavanderas. Coa forza da unión, marcaron novas tarifas para o seu traballo, mais, como non foron aceptadas, no día 1 de xuño de 1907 póñense en folga, a cal se prolongará durante quince días sumindo a cidade nun gravísimo problema.
Protestaban indignadas las mujeres contra el monopolio que se hacía del derecho a hablar pues los hombres que eran los menos y aún quienes no debían intervenir en los debates, resultaban los discutían todo. (La Voz de Galicia, 4/6/1907)
AGOSTO
Hijas de Galicia
A chegada de mulleres galegas a Cuba intensificouse trala proclamación da República cubana en 1902. Este fluxo migratorio, composto principalmente por mulleres do rural con poucas oportunidades, foi descrito por Mercedes Vieito como as “caravanas da dor”. En 1917 fundouse Hijas de Galicia, unha sociedade creada para defender a dignidade e os dereitos das mulleres emigrantes, ofrecendo asistencia sanitaria e apoio social fronte á exclusión doutras institucións, como o Centro Galego. En 1960 chegou a contar con máis de 101.000 socias, un logro sen precedentes. Hijas de Galicia converteuse nunha referencia de solidariedade e loita feminista na emigración, deixando unha pegada imborrable na historia.
As mulleres temos un importante papel que desenvolver na sociedade, mais estamos desasistidas, ignoradas polos nosos compatriotas, polos nosos familiares e polas autoridades. (Andrea López Chao, 1ª vicepresidenta de Hijas de Galicia)
SETEMBRO
As chambonas
Son moitas as cidades que historicamente tiveron, e moitas seguen mantendo, un mercado ao aire libre onde se vendían produtos de todo tipo de segunda man. En Barcelona, Els Encants; Londres, Portobello; París, o Mercado das Pulgas; Madrid, El Rastro… Ese oficio de compra-venda en Galiza foi realizado maioritariamente por mulleres: as chambonas. Foi o das chambonas tamén un colectivo, ao igual que doutras moitas mulleres humildes e traballadoras, que logo do golpe de estado franquista sufriu a represión e se revoga a concesión da licenza da caseta a moitas destas mulleres humildes que tiñan este traballo como único sustento.
…ser afecta al Frente Popular… asistir a un mitin de Azaña en Madrid… ser de ideas extremistas…significada en la propaganda de las últimas elecciones… (O traballo visible das coruñesas, do AMC)
OUTUBRO
As costureiras
No primeiro terzo do século XX, era un colectivo moi numeroso o das modistas que traballaban nos talleres de costura e nas xastrerías das cidades. Estas traballadoras denunciaron e protestaron en numerosas ocasións polos baixos salarios e as interminables xornadas. As costureiras coa a máquina de coser á cabeza e cargando tamén cos fíos, tesoiras, cinta para medir, agullas, alfinetes, dedais… percorrían vilas e cidades até as casas onde cosían. Aínda que modistas e costureiras non eran o mesmo no que si eran iguais era en padecer uns horarios ilimitados, traballando até altas horas da noite, cando non tiñan que traballar a noite enteira para atender unha encarga.
María teceu con NÓS o traxe para vestir Galiza. (Dise referido a María Miramontes)
NOVEMBRO
El Progreso Femenino
En novembro de 1910, fúndase El Progreso Femenino, Sociedad de cargadoras y descargadoras de carbones, sales y minerales da Coruña e que agrupaba as mulleres que carrexaban, cargaban e descargaban con paxes e cestos, sobre as súas cabezas, no porto coruñés. Traballos de extrema dureza, con grandes pesos, realizados en ocasións pola noite e mal pagados. En ocasións, as mulleres estaban expostas a enfrontamentos cos homes porque eran traballos que reclamaban eles como propios. Coma de costume, naquela época, mais tamén aínda agora o padecemos, as mulleres cobraban menos que os homes, e por iso foron vistas por eles como unha ameaza.
Ayer se declaró en huelga el ejército de laboriosas mujeres que a diario trabajan en los muelles. (La Voz de Galicia, 24/11/1906)
DECEMBRO
Vendedoras de peixe
Son moi numerosas as mulleres que se dedicaban a vender peixe polas casas da cidade, polas vilas e aldeas. Nalgúns dos conflitos protagonizados polas peixeiras fálase de 400 mulleres na Coruña. En decembro de 1902, un grupo de mulleres peixeiras no porto da Coruña enfróntase á empresa de consumos do porto que vai colocar as básculas e quere facerlles pagar un imposto de peso que as vai prexudicar gravemente. Todas xuntas son capaces de impedir a descarga de peixe e de conseguir a solidariedade dos mariñeiros. É a vontade e a valentía destas mulleres que non estaban dispostas a se renderen facilmente a que consegue que a empresa de consumos retire as básculas.
Si, compañeiros, vinde no noso auxilio, antes de que as mulleres, navalla en man, vaiamos nós mesmas quitar as básculas! (Intervención no mitin do 14/2/1903)
Este almanaque, feito conxuntamente coa Asociación Socio-Pedagóxica Galega – (AS-PG), podes descargalo desde aquí.
calendario-2025
12 Respostas
Encántame o calendario, afonda na nosa historia.
A imaxen das panderetas é espectacular.
Saberiades quenes son os artesanos que as fan?
No país hai multidude de artesáns e artesás que fan instrumentos preciosos e de calidade. Un deles, por exemplo, é Xaneco Tubío, que ten o seu obradoiro (non só de pandeiretas) en Outeiro de Rei.
Moitas grazas, vou reenvialo a outras compañeiras.
Obrigadas, María!
A muller que sae na foto de febreiro, das Encrobas, é a miña avoa, Asunción Feito Villamisar, muller humilde e boa, labrega, nai de 7 fillos, avoa dunha rolada de netos, refraneira, menciñeira, parteira as veces que tivo que poñerse a elo, cantareira, romanceira, depositaria dunha extensa memoria oral que chegaba aos estertores do Antigo Rexime e o sistema foral, e na Galicia de final dos 90, seareira do BNG de Beiras
Grazas por compartir ese anaco da historia familiar, que é tamén un anaco da historia de todas nós. Mulleres como ela son as que sosteñen a alma da nosa terra. Obrigadas de corazón, Xosé Luís.
Parabéns por este proxecto.
paréceme imorescindible recoñecer o papel de Andrea López Chao cando se fala de “Hijas de Galicia”
https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=2255
Grazas polo teu comentario. Para nós é un orgullo recoñecer o traballo destas galegas que deixaron unha fonda pegada en Cuba ao longo dos anos. E, como ben sinalas, tamén destacar o papel fundamental de Andrea López Chao, non só na institución de Hijas de Galicia, senón tamén como pioneira do feminismo.
Encantoume o calendario!!! E moi importante recordar e recoñecer o traballo que fixeron as mulleres a o longo do tempo e que sirva de inspiración as mulleres de hoxe!!! Feliz Ano Novo!!!
Grazas polas túas palabras, Mariam. Para nós é unha obriga homenaxear a todas estas mulleres que deixaron unha pegada indesquecible na nosa historia e na nosa cultura. Que este calendario sexa unha inspiración para todas neste ano que comezamos.
Unha idea xenial, fermosa e inspiradora. Ensinar a historia é moi importante.
Grazas.
Moitas grazas a ti polas túas palabras! Alegrámonos moito de que che guste e de que valores a importancia de lembrar estas historias. Animámoste a compartir o calendario con quen creas que lle poida interesar!