alexandre-branco-trans

Cántigas da Terra: música e moito máis

Cántigas da TerraPara poñer en práctica o obxectivo de normalizar culturalmente Galiza, as Irmandades de Fala –fundadas en 1916–, dótanse dun instrumento decisivo para tal fin: o coro Cántigas da Terra.

En decembro de 1916, reúnense na Coruña un grupo de intelectuais vencellados, como diciamos, ás Irmandades da Fala xunto con comerciantes da cidade coa idea de formar un coro galego. Trataríase de defender a arte galega en todas as súas manifestacións. Nun momento onde a creatividade estaba favorecida polo amor pola Terra, o 28 de decembro de 1916 nace Cántigas da Terra. A intención era abranguer todas as disciplinas culturais do momento: canto, baile, teatro, poesía, pintura… O xornalista e prateiro Xerardo Roque será un dos seus promotores e Eladio Rodríguez o seu primeiro Presidente.

Placa a Cántigas da TerraCántigas da Terra debutou ante o público o 12 de xullo de 1917 no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, coa peza A festa do Tabeirón, de Enrique Labarta Pose. Estaban dirixidos musicalmente por Mauricio Farto Parra e artisticamente por Leandro Carré Alvarellos e Xosé Iglesias Roura.

Numerosas personalidades colaboraron con Cántigas da Terra. É o caso do boticario e gaiteiro Perfecto Feijoo, do crego Saturnino Cuíñas, Manuel Fernández Amor –primeiro gaiteiro e posteriormente director–, Leandro Carré Alvarellos –director do grupo teatral–, Eladio Rodríguez González –presidente–, Antón Vilar Ponte –presidente entre 1927 e 1929.

Con 19 discos gravados, o primeiro en 1920, o repertorio –cántigas recollidas do imaxinario popular– de Cántigas da Terra é amplísimo: conta con máis de setecentas partituras, entre alalás, pandeiradas, maneos, foliadas, muiñeiras, cántigas de berce, cantares de arrieiro e de desafío ou alboradas.

Se o repertorio de Cántigas da Terra é amplo, non é menos ampla a xeografía na que actuou: fixo centos de actuacións en Galiza, viaxou por España, Portugal, Francia, Suíza, Alemaña, Gran Bretaña, Arxentina e Brasil.

Outra faceta do traballo de Cántigas da Terra é a preservación do traxe tradicional, buscando antecedentes históricos e estudando as variacións das distintas comarcas. Ademais de coidar a lingua coa recollida de termos propios, tamén recollen todo tipo de instrumentos musicais populares, mesmo recuperando os xa en desuso.

É de salientar Arquivo de Cántigas da Terra. Conserva un dos fondos máis completos da súa clase: importantes coleccións de partituras, obras de teatro, instrumentos, escenografías, programas de man e variada documentación de persoeiros vencellados ao Coro.

A combinación de voces, instrumentos, baile e teatro que realizou e realiza Cántigas da Terra recibiu numerosos galardóns e recoñecementos ao longo da súa historia. Sen dúbida, cumpriron e seguen cumprindo os desexos dos seus fundadores. Con Cántigas da Terra Galiza está máis normalizada.

[wps_separator style=”default” top=”no” text=”Top” separator_color=”#444″ link_color=”#444″ size=”2″ margin=”15″]

Para ter máis información do coro Cántigas da Terra, podedes visitar a súa web.

[wps_separator style=”default” top=”no” text=”Top” separator_color=”#444″ link_color=”#444″ size=”2″ margin=”15″]

Programa Alalá (nº 110) da TVG dedicado a Cántigas da Terra:

[wps_separator style=”default” top=”no” text=”Top” separator_color=”#444″ link_color=”#444″ size=”2″ margin=”15″]

Unha das partituras conservadas no valioso Arquivo de Cántigas da Terra é a do “Quer que lle quer”, harmonizada polo seu primeiro director Mauricio Farto:

[wps_separator style=”default” top=”no” text=”Top” separator_color=”#444″ link_color=”#444″ size=”2″ margin=”15″]

A mestura de música e baile é un do sinais de identidade de Cántigas da Terra. Aquí temos “Foliada da Cruña”:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies