Carvalho Calero no 2021 e Luísa Villalta no 2022

Carvalho Calero nun acto de ACAB con Pilar G Negro e Cesáreo Sánchez
Carvalho Calero nun acto de ACAB con Pilar G Negro e Cesáreo Sánchez

Con Ricardo Carvalho Calero confinado –por segunda vez– e na espera da homenaxe merecida –que desexamos continúe para o ano 2021, como piden moitas organizacións e institucións– podemos ir pensando nas Letras Galegas despois de Carvalho. Soe ser no mes de xuño cando o plenario da Real Academia Galega escolle a figura homenaxeada no Día das Letras Galegas do ano seguinte.

Levamos, desde 1963 –cumpríanse cen anos da publicación de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro– , cincuenta e oito figuras homenaxeadas, delas só catro son mulleres: Rosalía, en 1963; Francisca Herrera Garrido, en 1987; María Mariño, en 2007 e María Victoria Moreno, en 2018.

Como ben sinalaba Carvalho Calero, o galego “é, pois, um dos grandes idiomas de cultura, o segundo en volume de falantes dentro das línguas românicas”. E, aínda que a nosa cultura está pendente dunha normalización plena e sempre pasando grandes atrancos e confinamentos, o caso é que posuímos unha boa nómina de autoras e autores grandes candidatos ao Día das Letras Galegas despois de Carvalho Calero.

Quedan autores –homes– moi significativos e cunha obra merecente da homenaxe cun Día das Letras Galegas. Por citar algúns:

Eusebio Lorenzo Baleirón, nado en Laíño (Dodro) en 1962 e finado en 1986, xa foi candidato ás Letras Galegas de 2018. A pesar de que morreu mozo, deixou unha considerable –en cantidade e calidade– obra poética. Sen dúbida, merece o recoñecemento dun Día das Letras Galegas.

Fiz Vergara Vilariño, nado en Santalla (Samos) en 1953 e finado en 1997, foi tamén candidato ao Día das Letras de 2014. Faleceu novo, pero deixounos –tamén– unha considerable obra poética e de calidade. Foi Premio da Crítica Galicia en 1991.

Ramiro Fonte Crespo, nado en Pontedeume en 1957 e falecido en 2008, ten unha abundante e recoñecida obra poética e narrativa. Membro da Real Academia Galega, posúe numerosos e importantes premios.

Camilo González Suárez–Llanos (Camilo Gonsar), nado en Sarria en 1931 e falecido en 2008, posúe unha considerable obra narrativa. Pertence á chamada Nova Narrativa Galega, corrente que nas décadas de 1950 e 1960 renovou a narrativa galega. Tamén formou parte da Real Academia Galega.

Anxo Rei Ballesteros (1952–2008), Manuel Luís Acuña (1899–1975), Manuel Varela Buxán 1909–1986), Antonio Fernández Morales (1817–1896), Ernesto Guerra da Cal (1911–1994), Ramón Vilar Ponte (1890–1953), Antón Tovar Bobillo (1921–2004), Florencio Delgado Gurriarán (1903–1987), Ramón de Valenzuela Otero (1914–1980) e moitos outros que sen dúbida faltan nesta lista.

Como sinalabamos máis atrás, en cincuenta e oito anos das Letras Galegas só houbo catro mulleres homenaxeadas. Como é ben sabido, tamén son moi poucas as mulleres que forman parte da Real Academia Galega, algo que desde hai tempo se pide corrixir. Consideramos que despois de Carvalho, para o 2022, tamén se deberían comezar a corrixir estas desigualdades entre mulleres e homes nas figuras homenaxeadas. Non debemos aceptar máis confinamentos. Tamén hai unha nómina de autoras con méritos suficientes para que lles dediquen as Letras Galegas.

Xela Arias Castaño xa foi candidata varios anos. Nacida en Lugo en 1.962 e falecida en 2.003, foi poeta, tradutora, editora e profesora. Era unha escritora demorada e reflexiva, transgresora e transformadora da palabra poética. Sen dúbida merece un Día das Letras Galegas.

Para non estendernos moito e por citar só algúns exemplos máis, María Francisca de Isla e Losada (1734–1808), Filomena Dato Muruais (1856–1926), Dora Vázquez (1913–2010) e Pura Vázquez (1918–2006) deben ter a súa homenaxe cun Día das Letras.

Deixamos para o final, unha muller que para nós debería ser a homenaxeada en 2022: Luísa Villalta. Nada na Coruña en 1957 e falecida no 2004, é unha das autoras imprescindibles do último cuarto do século XX. Licenciada pola Universidade de Santiago de Compostela en Filoloxía Hispánica e Filoloxía Galego–Portuguesa, Luísa Villalta escribiu e amou a poesía. Libros seus son: Música reservada (1991), Ruído (1995), Rota ao interior do ollo (1995), Apresados sen présa (2002), Estudo das sombras (2002), Modulación de Orfeu (2002), En concreto (2004) e Papagaio (2006). Profesora de Lingua e Literatura Galega, tamén amaba a música. Titulada superior en violín, formou parte da Orquestra de Santiago de Compostela e da Xove Orquestra de Galicia. Igualmente, escribiu tamén textos sobre a música. Luísa Villalta foi unha persoa sensible e comprometida con Galiza, coa súa cidade e coa súa xente. A demolición do barrio coruñés do Papagaio, en marzo de 2001, non a deixou indiferente e a el dedica parte dos seus versos.

Luísa Villalta tamén escribiu teatro. Obras súas son: Concerto para un home só (1989), O representante (1990), O paseo das esfinxes (1991) e As certezas de Ofelia (1999). Ademais da súa faceta como poeta e dramaturga, escribiu narrativa, ensaio e textos xornalísticos. Desenvolveu unha intensa actividade cultural: participou en recitais de poesía, en seminarios e impartiu conferencias.

Como se pode comprobar, dos autores e autoras que están á espera do recoñecemento da RAG, unha das que merece a homenaxe inmediata é Luísa Villalta.

Ricardo Carvalho Calero. Letras Galegas 2021

Luísa Villalta. Letras Galegas 2022

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies