“con Castelao chegou a eisistir [Galiza] con personalidade propia nas artes plásticas.”
(Emilio González López)
Como sabemos, Afonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886 – Bos Aires, 1950) é un referente en todas as facetas das que poidamos falar. Considerado o pai e símbolo do nacionalismo galego, a súa obra de creación é multixenérica: narrador, ensaísta, dramaturgo e debuxante. Persoa dunha gran perspicacia política e dun grande talento literario e artístico, a obra –e a vida– deste intelectual comprometido coa terra e co país seguen hoxe vixentes e sendo un exemplo a imitar. Castelao posúe un talento e unha calidade que ninguén discute. Aínda que todas as facetas que tocou poidan estar relacionadas, a continuación queremos dedicarlle unhas breves liñas ao Castelao artista plástico.
Castelao, que impartiu clase de debuxo no Instituto de Pontevedra, móstranos na súa obra plástica a Galicia agraria e o caciquismo por medio de personaxes populares: labregos, mariñeiros, pobres, cegos, desamparados… Os seus debuxos amosan o sufrimento que estes padecen, sempre baixo un punto de vista crítico e realista, pero cunha fina ollada humorista e chea de tenrura.
A continuación, facemos un breve percorrido polos principais álbums de debuxos.
Álbum Nós
A exposición Nós inaugúrase na Coruña en marzo de 1920 con 49 debuxos e un autorretrato e foi publicada en álbum en 1931.
“Este álbum de dibuxos foi composto antr´os anos dezaseis e dezaoito, cando Galiza s´esperguizaba d´un longo sono. Con este medio cento de dibuxos intentei desacougar a todol–os licenciados da Universidade (amas de cría do caciquismo), a todol–os homes que vivían do favor oficial… As intencións eran nobles e o pesimismo aparente. Certo que a tristura d´estes dibuxos queima com´a raxeira do sol que pasa por unha lupa; mais eu non quixen cantal–a ledicia das nosas festas, nin a fartura dos casamentos, sinón as tremendas angurias do decotío labrego e mariñeiro. Algúns espíritos sensibles que choran co–a melanconía dos tangos e dos fados, atoparon desmedida esta door das miñas estampas; outros espíritos inertes ollaron pouco patriotismo no afán de ser verdadeiro. Con todo, eu sigo coidando que o pesimismo pode ser libertador cando desperta carraxes e cobizas d´unha vida máis limpa. Cicáis hoxe atácase as nosas mágoas c´un humor menos acedo; mais ninguén pode negarme que as vellas inxusticias siguen en pé: velahi porqué me arrisco a publicar esta obra. Ela foi amostrada en todal–as cibdades e vilas de Galiza e sirven de pretesto para “conferencias” que influiron no actual rexurdimento da galeguidade. E co–as chatas que ten eu gárdolle lei e quero espoñela de novo ô xuicio de todos.”
(Castelao. Galiza, 1931)
Cousas da Vida (1925)
O nome de Cousas da vida designa a obra de Castelao consistente en debuxos que levaban un breve texto de rodapé. Foron publicados a partir de 1924 no xornal Galicia. Diario de Vigo e, a partir de 1925, en Faro de Vigo. En 1961 a Editorial Galaxia publicou o tomo I baixo o mesmo título.
Galicia Mártir (1937)
Galicia mártir é o primeiro dos tres álbums de guerra que publicou Castelao, en 1937, no seu labor de defensa da República. Publicado en Valencia, pretendía ser unha denuncia internacional da represión que estaba sufrindo Galiza.
“Aos Galegos que andan pol–o mundo:
Estas estampas, arrincadas da miña propia door, van dirixidas a vós que sempre amáchedes a liberdade e sodes a única reserva que nos queda para reconstruir o fogar desfeito.”
(Castelao. Valencia, Febreiro de 1937)
Atila en Galicia (1937)
O segundo dos tres álbums de guerra que publicou Castelao, en 1937, en defensa da República e como denuncia internacional da represión que estaba sufrindo Galiza por parte dos fascistas, foi Atila en Galicia.
“Moitas veces os mártires crean mundos que os herois nin tansiquera son capaces de concebir. E na miña Terra complirase a vontade dos mártires”
(Castelao. Valencia. 1937)
Milicianos (1938)
O terceiro dos álbums de guerra que publicou Castelao foi Milicianos, en 1938, en Nova York. É unha homenaxe ao valor e xenerosidade dos soldados na súa loita na defensa da República.
“Estas estampas relembran os primeiros meses da guerra cando a heroica tolería do pobo coutou a marcha dos militares e deunos tempo para crear o Exército da República.”
(Castelao. Nova York. 1938)
Debuxos de negros
Durante a súa estancia en Cuba –finais de 1938– e Nova York –principios de 1939–, Castelao debuxou unha serie de láminas –tituladas Debuxos de negros– dedicadas ao pobo de Cuba e ás minorías étnicas de Nova York. Están asinadas en 1939.
Cadros
Portadas de libros
Castelao debuxou portadas de libros, entre outros, para Ramón Cabanillas, Noriega Varela e para Revista Nós, da que foi director artístico.
Outros debuxos
A Real Academia Galega de Belas Artes dedicáballe a Castelao o Día das Artes Galegas de 2016 polos “extraordinarios méritos artísticos” da súa obra.
[wps_separator style=”default” top=”no” text=”Top” separator_color=”#444″ link_color=”#444″ size=”2″ margin=”15″]
Para saber máis: Castelao na Rede