Céltiga, a revista da emigración

CéltigaO galeguismo, en todas as súas vertentes, necesitou e necesita canles para expresarse. É coñecida a importancia que, nas primeiras décadas do século XX, tiveron as revistas como medio para espallar ideas e dar a coñecer as diversas creacións, literarias ou non. Algunha delas, como é o caso da Revista Nós (1920) mesmo deron nome a unha xeración de escritores: A Xeración Nós. Antes da Revista Nós xa aparecera, en 1916, A Nosa Terra, órgano de expresión das Irmandades da Fala. Coas Vangardas literarias, proliferan as revistas: Alfar (1920), Ronsel (1924), Resol (1932), Cristal (1932), Yunque (1932) ou Papel de Color (1933). No ano 1959 aparecía en México a revista Vieiros. Tiña un carácter cultural, antifascista e galeguista. O seu obxectivo era servir de ponte entre os exiliados e Galiza.

Pois ben, agora que remata setembro, queriamos lembrar brevemente unha desas revistas que contribuíron a espallar polo mundo o galeguismo e a realidade galega da época. Trátase da Revista Céltiga.

Revista Céltiga

Aludiamos antes a setembro porque o día 30 deste mes, do ano 1924, vía a luz o primeiro número da revista Céltiga. Subtitulada Revista Gallega de arte, crítica, literatura y actualidades, Céltiga -editada en Bos Aires pola editorial do mesmo nome- foi o punto de encontro da intelectualidade galega residente na Arxentina entre o ano 1924 e 1932.

Cun carácter quincenal (saía o día 10 e 25 de cada mes), nela publicaron tanto destacados intelectuais arxentinos como escritores, xornalistas, poetas e creadores galegos de todas as disciplinas. Céltiga deixou de editarse o 25 de xullo de 1932 cando saíu á luz o número 182. Entre as seccións da revista están: Motivos de crónica, Juicios que suscita Céltiga, Actos y fiestas por nuestras sociedades, Paisajes gallegos, Paisajes argentinos e Temas gallegos.

Texto revista CéltigaA lingua que utilizaba a revista era maioritariamente o castelán, aínda que tamén era habitual o uso do galego. Os seus directores literarios foron Adolfo Vázquez, Eduardo Blanco Amor, Eliseo Pulpeiro e Ramón Suárez Picallo. Entre os colaboradores de Céltiga están Castelao, Maside, Francisco Asorey, Suárez Couto e Luís Ksado.

Céltiga era unha revista cultural ilustrada que trataba diferentes temas relativos a Galiza e na que se percibía a liña galeguista, que se fixo máis patente coa inclusión da sección Idearium Galeguista. Na súa idea de achegar aos lectores a realidade cultural galega inclúe notas biográficas de artistas galegos, comentarios bibliográficos, reprodución gráfica da súa obra ou colaboracións literarias, informando así mesmo de temas da actualidade galega. A revista tiña un coidado deseño e incluía numerosas ilustracións, fotografías, reproducións de obras dos artistas galegos máis destacados, debuxos e viñetas humorísticas.

De Céltiga dixo Vicente Risco que “aló no alenmar fai canto pode por soster o espirto galego, pol-a divulgacion das nosas riquezas naturás e moimentos e pol-o espallamento da nosa produción literaria e artísteca”. Como sabemos, de gran importancia para a nosa cultura foi o labor levado a cabo polos emigrados. Unha desas transcendentes aportacións foi, sen dúbida, a revista Céltiga.

O Consello da Cultura Galega conta con toda a colección da revista dixitalizada. Podedes acceder desde este enlace:

Repertorio da  prensa da Emigración Galega. Céltiga.
_______________________________________________________________________

O inverno da emigración/roubounos a primavera” cantaba Fuxan os Ventos no seu tema Muller, do álbum Sementeira:

Este vaise i aquel vaise,/ e todos, todos se van” escribía Rosalía de Castro no poema Pra a Habana do seu libro Follas novas. Ela tamén se laiou das tráxicas consecuencias que tivo, moitas veces, a emigración:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies