E vídeo ver!
E vídeo ver!
O vello Entroido
que está teso e doído
ao pé do carballo
sentado nun tallo
sen ter que facer!
E vídeo ver!
E vídeo ver!
Esta coñecida cantiga dá a benvida ao tempo de Entroido. Os estudosos falan de que o seu contido nos recorda cando os nosos antepasados rendían culto ao carballo: sagrado, vello, eterno e atemporal. E, é que a orixe do Entroido –unha das festas máis antigas que se celebran en toda Europa– hai que buscala nas celebracións dos traballos do campo e a chegada da primavera.
O Entroido –coas variantes: Entroiro, Entruido, Entrudio, Antroido, Antroiro– é o tempo de vestir máscaras, facer trasnadas, comportarse contra da norma establecida, da desorde e da festa desatada. Na actualidade, as celebracións céntranse en tres días: domingo, luns e martes.
Na actualidade, as celebracións céntranse en tres días: domingo, luns e martes. Antigamente, o ciclo do Entroido eran varias semanas, con estes días: Domingo fareleiro, Domingo oleiro, Xoves de compadres, Domingo corredoiro, Xoves de comadres, Domingo de Entroido, Luns de Entroido, Martes de Entroido.
A continuación –brevemente– “corremos o entroido” por algúns dos textos da nosa literatura.
En Cousas (1926) de Castelao –eses relatos curtos que levan ao principio un debuxo–, despois dunha ilustración de dúas máscaras conta como todos os domingos de Entroido ían á súa casa dúas máscaras:
As dúas máscaras batían no chamador da niña porta todos os domingos de antroido. Xustamente todos os anos, no mesmo día e á mesma hora. Eu adoecía por descubrilos; pero endexamais logréi nin tan sequera unha sospeita guiadora. Eles chamaban, entraban, bruaban o meu segredo, rían a cachón e logo fuxían deixándome alporizado de carraxe.
As máscaras sabían un segredo amoroso da mocidade do narrador–protagonista. Canso da repetida broma, un ano convidounos a augardente, pero no sitio desa bebida deulles un purgante. As máscaras beberon todo e marcharon. O problema foi que, despois, o protagonista sente remordementos. Vai na súa busca, pero non os deu atopado:
Endexamais volvín velos diante de min. ¡Endexamais! E quedoume un remorso tremendo, porque…¿morrerían?
Na peza de teatro de Castelao, Os vellos non deben de namorarse –do ano 1941–, hai tres vellos que acaban morrendo ao namorar de tres rapazas novas. O segundo dos vellos –no segundo lance–, don Ramón, está namorado de Micaela. É domingo de Entroido e Micaela vai ao baile. Don Ramón quere ir vela:
MICAELA: Agora váiase, sí, Don Ramonciño, que hoxe é domingo de antroido e pode velo a xente e dispóis todas son faladurías.
…………………………………………………….
DON RAMÓN: ¡Ai, se fose mozo…! Se fose mozo xa estaba entrando nese baile, para quencer a paus… ¡A paus con todos!, porque para desfacer bailes, o Ramonciño…
Don Ramón morre e dous espantallos bailan a muiñeira arredor del:
Este pandeiro que toco
Ten o pelexo enrugado,
que llo saquéi a un castrón
que andaba no meu tellado.
No ano 1898, Francisco Álvarez de Nóvoa publica o libro de relatos Pé das Burgas. Un deses relatos titúlase “De Antroido”: uns rapaces –que despois teñen que representar unha obra de teatro– van polas vilas da provincia correr o entroido:
No ano 1977, Camilo Valdehorras levaba o premio Abrente de teatro por Progreso e andrómena de Antroido. Nela o autor barquense escenifica as loitas populares contra a industrialización irracional de Galiza, intercalando isto coas festas do Entroido, e dando como resultado unha obra didáctica e satírica que convida á participación colectiva:
Que se aleden as xentes desta casa
que é tempo de troula e de folión;
aquí vimos rapaces e rapazas
celebramos a festa do patrón.
Vimos todos e non falla ninguén
que está festa é de gran divertición;
aproveitai que a coresma logo vén,
aproveitai polo si ou polo non.
Domingo Fareleiro, Xoves de Compadres,
Xoves de Comadres, Domingo Corredoiro,
Domingo, Luns e Martes de Antrido…
¡O Antroido escomenza e non remata!
¡Viva o Antroido!, ¡Viva o Antroido!
En 1980, Manuel Rivas publicaba o volume de poesía Libro do Entroido –peculiar poemario imaxinativo e cotián, que parece traspasado por unha voz colectiva:
Meco que profana a lúa onde eu alugo. Peliqueiro que se mira no espello onde eu alento.
Cigarrón que anda o meu camiño.
Choqueiro que aniña no meu vaso.
Para que non chore o seu letargo nos meus ollos,
para que non trema decote nos meus dentes,
imos verquer no inverno este cadáver.
O Entroido na Coruña
Nunha época máis antiga, nas celebracións do Entroido tiñan un protagonismo especial a figura dos choqueiros. Este personaxe ía vestido con roupas vellas e luxadas, coa cara pintada de negro e con careta. Tamén era típico tirar ovos e laranxas aos que pasaban pola rúa.
Os excesos lanzando ovos e laranxas debían ser tales que o Concello tiña que sacar bandos moderando as celebracións. O do 24 de xaneiro de 1785 dicía que:
Durante el tiempo presente de Carnaval, ninguno se propase a tirar naranjas, huevos,
agua ni otras cosas…
Tamén se celebraban na cidade bailes de máscaras cortesáns.
Nun segundo momento, cara a mediados do século XIX as festas do Entroido celebrábanse con máis liberdade. As rúas da cidade, especialmente a Pescaría, enchíanse de xente –enmascarados e choqueiros– tirando ovos e auga máis ca nunca.
Nun terceiro momento –cara a finais do século XIX– pasaron a estar mal vistas pola burguesía dominante as celebracións máis primitivas, así como os lanzamentos de ovos e auga. Todo isto pasou a ser substituído por desfiles de máscaras, lanzamentos de doces e confeti. Introduciuse o personaxe de Momo –deus grego, fillo do sono e da noite– que substituía o Entroido. Momo pasou a ser o símbolo do entroido urbano coruñés.
As celebracións do Entroido foron cambiando ao longo da historia, pero as motivacións que as orixinaron seguen en pé. Sempre virá a primavera e sempre haberá ganas de festa e de transgredir a monotonía do día a día. Cando chegue o Martes de Entroido poderemos cantar:
Adeus martes de entroido,
adeus, meu amiguiño,
ata o Domingo de Pascua
non comerei máis touciño.
Adeus, martes de antroido,
adeus meu queridiño
ata domingo de pascua
non volvo untar o fociño.
E, ata o Entroido que vén.
[wps_separator style=”default” top=”no” text=”Top” separator_color=”#444″ link_color=”#444″ size=”2″ margin=”15″]
Para saber más sobre o Entroido:
Os competentes “entroidos” da Galiza. Felipe Senén. Nós Diario, 2o febreiro 2020.
Para saber máis e xogar co Entroido:
A correr o Entroido. O Portal das Palabras.
[wps_separator style=”default” top=”no” text=”Top” separator_color=”#444″ link_color=”#444″ size=”2″ margin=”15″]
Para vestir un cigarrón de Verín:
As pantallas de Xinzo:
Boteiros de Viana do Bolo:
Peliqueiros de Laza:
[wps_separator style=”default” top=”no” text=”Top” separator_color=”#444″ link_color=”#444″ size=”2″ margin=”15″]
Antonio Luz. Entroido:
Entroido: tempo de prohibir as prohibicións ou, como canta Sés, de ” tronzar os valos das rúas prohibidas”: