Curros Enríquez, a poesía comprometida

En setembro de 1851 nacía un dos poetas máis destacados das letras galegas: Manuel Curros Enríquez. Chegados a mediados de mes, vaian estas liñas como lembranza do poeta que tanto amou A Coruña.

A vida e obra

Curros EnríquezComo diciamos antes, un dos piares do chamado Rexurdimento -na segunda metade do século XIX-, Curros Enríquez, nacía en Celanova o día 15 de setembro de 1951.

Cando tiña quince anos, marcha a Madrid, onde cursa o Bacharelato e Dereito, carreira que non chegou a rematar. Alí participa na Revolución de 1868, seguindo a ideoloxía republicana-progresista, e ingresa como escribente no Concello de Madrid. Participa nos círculos literarios e comezou a súa carreira xornalística. No 1877 gañou un certame poético en Ourense cos poemas “Unha boda en Einibó“, “O gueiteiro” e “A Virxe do Cristal“. A partir dese momento, Curros Enríquez estableceuse en Ourense para traballar como funcionario de Facenda.

Aires da miña terraCando en 1880 publica Aires da miña terra, os poemas anticlericais que aparecen no libro tráenlle problemas coa Igrexa Católica. O bispo ourensán denuncia a Curros, pero este foi, finalmente, absolto. O libro acadou un éxito inmediato.

O divino saineteTras este enfrontamento coa igrexa, marcha a Madrid no ano 1883. Alí exerce o xornalismo e escribe O divino sainete, que aparecerá en 1888. Nel reforza a crítica á xerarquía eclesiástica.

No ano 1894, emigra a Cuba onde retoma o labor xornalístico. Volve á Coruña en 1904, onde é homenaxeado. Ese mesmo ano regresa a Cuba, onde morrerá en 1907. Os seus restos son trasladados á Coruña, a onde chegan o 31 de marzo para ser soterrados no cemiterio de San Amaro nun multitudinario funeral.

Como xa dixemos, Curros concibía a poesía ao servizo da sociedade. No poema “¡Crebar as liras!” así o manifesta: mentres haxa inxustizas e problemas no mundo, el poñerá os seus versos en loitar por eliminalos:

Non-a crebés, poetas!
Templáina en ódeo, en ira,
Hastra que d’ ela sayan
As esplosiós d’ as minas:
Hastra que cada nota
Com’ onha espada fira,
Com’ on andacio barra
As vellas theogonías.

Tanto é así, que nos poemas de carácter máis costumista non deixa de incluír a crítica social. É o caso do poema “O maio”:

Cand’ eu m’atopare
De donos liberto
Y-o pan non me quiten
Trabucos e préstemos,
E com’ os d’o abade
Frorezan meus éidos,
Chegado habrá estonces
O mayo q’eu quero…

Falamos dos problemas que Curros tivo coa xerarquía da Igrexa Católica tras a publicación de Aires da miña terra, en 1880. No poema Mirand´ó chau fai exclamar a Deus, logo de ver como se comportan na terra os seus ministros: S’ eu fixen tal mundo/Qu’ o demo me leve. Un deses ministros que Deus ve –e que o deixan como a neve co seu comportamento- é o Papa:

Quedóu com’ a neve,
C’os ollos crabados
Que espantan e feren,
N’un bulto qu’ iñoro
S’ é de home ou de verme.
Miróuno dispacio
E viu qu’ era un ventre
C’oas sedas vestido
Máis ricas d’ Oriente.
N’un sólio sentado
Qu’ envidian os reises
Y-en capa revolto.

Falando da emigración, Curros atopa os culpables:

Diravos, sí, que e pouco canto gana
Pr’as arcas d’o señor e pr’as d’o Rey,
Fay un mes que non comen cousa quente
Os fillos y-a muller!

Poderiamos seguir poñendo moitos máis exemplos de aspectos da poesía de Curros onde vemos a súa preocupación cívica, a súa preocupación social, pero finalizamos esta breve lembranza do poeta de Celanova con versos nos que amosa o seu amor pola cidade da Coruña onde, como dixemos, está enterrado:

¡Ouh, meiga cibdá d’a Cruña,
Cibdá d’a torre herculina,
De xeneraciós recordo
Máis fortes q’ as d’ hoxe en dia;
Cibdá que por sobr’ os mares
Érguel-a cabeza altíva,
Cal onte n ‘as tuas murallas
O brazo de MARÍA PITA:
¿Qué tés n’ese teu recinto,
Que tés pr’os que te visitan,
Que conecerte non poden
Sin que deixarte non sintan?
…………………………………………
Era eu neno, sí, moy neno,
Cando por teu chau corría,
Hóspede qu’ inda sin nome
Regalabas compasiva…
¡Cruña, Cruña! Cal fuxiron
Aqueles prácidos dias.
Oxe non me coneceras—
Tan outro son—si me viras.

 

Un dos poetas que tiveron moito éxito ao ver os seus versos musicados foi Curros Enríquez. Citamos algúns:

Poema O maio

Poema Nouturnio (O vello e o sapo)

Poema Cántiga

Poema A Mariquiña Puga

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies