De maneira cíclica aparece, e desaparece, nos medios de comunicación do país o tema da gheada, un fenómeno lingüístico de carácter fonético que é peculiar do galego e que xa veu sendo obxecto de polémica durante os séculos precedentes. O último debade público de que me lembro tivo lugar hai uns dous anos e nel interviñeron algunhas persoas destacadas, entre elas un membro das institucións lingüísticas oficiais (RAG e ILG), que defendía a súa consabida tese da autoctonía da gheada, e a profesora María Pilar García Negro, que opostaba no carácter espurio do fenómeno, a meu ver de modo plenamente convincente. Transcorrido xa un tempo desde esta última polémica, na cal non intervín porque xa tiña manifestado con anteriorioridade a miña opinión ao respecto en múltiplas ocssións, paréceme este un bon momento para voltar discreta e brevemente ao tema na perspectiva de tentar achegar algunha nova reflexión que puider ter algún interese. Fágoo con todo o respecto ás persoas que noutro tempo discreparon do meu posicionamento, embora me teñan dedicado algunhas descualificacións, e ás que se puideren sentir ofendidas aínda agora, pois son consciente da carga emocional que o tema encerra para aquelas persoas que, sendo utentes e/ou defensoras da gheada, achan neste trazo fónico un indubitábel valor identitario, tanto de carácter individual canto grupal.
Na realidade, o debate sobre a gheada costuma virar arredor da súa orixe e, do punto de vista académico, esta ficou irrebatibelmente demostrada como castelanista por J. L. Pensado e M. C. Pensado Ruíz en “Gueada” e “geada” gallegas, de 1983, na miña modesta opinión. En perspectiva literaria tamén fica ben reflectida a xénese do fenómeno nun magnífico relato de Manuel Rivas, en que se pode ler: “Moitos paus levamos por culpa de Ghuadalagara!”, expresión inserida nun contexto escolar en que o mestre obrigaba as crianzas a repetiren todas as mañás “Los pájaros de Guadalajara tienen la garganta llena de trigo” para lles corrixir a gueada na aprendizaxe do español. Eis, sintetizada, a orixe castelanista da gheada, en consonancia coa tese da monografía antecitada: en primeiro lugar prodúcese a gueada, provocada pola tentativa de pronunciar o fonema castelán /x/ (religuión, aguares) inexistente en galego, a seguir dáse o fenómeno de (auto)corrección para evitar burlas pola má pronunciación (relighión, aghuares) e finalmente vén a extensión indebida e xeneralizada da nova pronuncia, mellor ou peor aprendida con esforzo, a casos en que o castelán tamén presenta o mesmo fonema /g/ do galego (prólogho, ghato) e a todas as palabras galegas ou castelanismos con este son (ghindar, Ghalicia, ghallegho). A súa realización concreta como faringal, laringal ou velar, entre outras, dependería nun principio das habilidades articulatorias particulares, embora a coincidente plenamente co español se acabase por impor. Para quen se estrañar de que a gheada sexa hoxe só propia da Galiza occidental, existen testemuños suficientes para podermos afirmar que antes foi un fenómeno xeral a todo o país. Curiosamente, non a Portugal, a axir a fronteira miñota, anomalamente, como política e lingüística a un tempo. E aínda xorde unha nova dúbida que un colega me trasladou: se a gheada foi xerada internamente por un proceso evolutivo non condicionado polo castelán, por que certos españolismos con /x/ substituíron este polo son fricativo prepalatal xordo e non polo novo son, máis próximo ou coincidente con el (lejos>lexos e non leghos, conejo>conexo e non conegho)?
Vaia por diante o meu convencemento de que calquera mudanza lingüística que desde o final do período medieval se producise no galego no sentido de o afastar do primitivo tronco común galego-portugués e de o aproximar do castelán, en canto non se demostrar o contrario, debe ser xulgada como unha interferencia da lingua foránea. Iso vale para o propio nome da nación, Galiza, e tamén para a gheada, a non ser que alguén quixer ver nesta, contra calquera evidencia, unha forma de o galego se diferenciar do español (serían entón ghaviota ou ghazapo formas galegas ou galeguizadas?; e ghueves ou ghamás tamén?).
Pretendermos estudar a evolución dunha lingua sen termos en conta o contexto sociolingüístico en que se produciu tórnase un exercicio plenamente inútil. Xa os grandes mestres da lingüística teñen deixado claro que a lingua é un produto social e, no noso caso, non podemos obviar que o castelán foi a lingua do poder na sociedade galega durante os últimos 500 anos, a interferir progresivamente as súas estruturas internas. Foi no galego medio, en pleno dominio impositivo da lingua de Castela, cando a gheada apareceu, a se aproximar así a pronuncia do /g/ galego do /x/ foráneo. Para explicar tal mudanza non se pode ignorar ese contexto sociolingüístico, pois xa afirmou Labov, e reiterou Calvet, que non hai máis lingüística que a sociolingüística. É esta a que nos di que a gheada ten a súa xénse na interferencia do castelán.
Os depoimentos dalgunhas das persoas cultas que no pasado mostraron interese polo galego así o ratifican, embora as expresións utilizadas en ocasións non se axustasen á linguaxe hoxe politicamente correcta e deban ser rexeitadas por estigmatizadoras para as persoas gheadófonas. Mais non podemos xulgar con criterios actuais o que se dixo hai 100 ou 200 anos, e menos usalo como argumento contra quen hoxe continúa a manter a tese da interferencia castelanista. O que si nos debería facer reflexionar é por que persoas ilustradas, algunhas case contemporáneas ou próximas á xestación do fenómeno, o cualificaron desa forma e por que escritoras e escritores que restauraron e dignificaron o uso escrito do galego, a comezar polas tres figuras centrais do Rexurdimento, sendo de áreas gheadófonas, o ignoraron totalmente na súa escrita. Nas persoas que hoxe desaconsellan, cando se lles pide opinión (como foi o meu caso) ou cando o xulgan oportuno, a promoción pública da gheada, non hai ningún afán por estigmatizar nin condenar as que con todo o seu dereito a usan.
En conclusión, entre os graves problemas que actualmente ten o galego, a gheada non é, con certeza, o maior. Mais si é un tema importante o modelo de lingua que precisamos para podermos garantir un futuro digno ao noso idioma. E acho, sinceramente, que ese modelo non debe pasar pola gheada. Máis resumidamente: a vía do porvir estará sempre en Galiza, non en Ghalicia, sen portaxes lingüísticas a Guadalajara (ou Madrid) e co ollar posto en Braga (ou Rio de Janeiro).
Xosé Ramón Freixeiro Mato