De Nós a Nós: o galego diante da intelixencia artificial

O 30 de outubro de 1920 saía en Ourense o primeiro número de Nós. Risco, Otero Pedrayo, Cuevillas e Castelao querían demostrar que o galego servía para algo máis ca para a casa: para o ensaio, para a ciencia, para falar con Europa de igual a igual.

Hoxe aquela pelexa ten outro campo. Falámoslle ao móbil, ao coche e ao buscador, e pedímoslle a un programa que nos redacte un correo. Se a máquina non sabe galego, ou o sabe mal, cada unha desas pequenas conversas empurra cara ao castelán.

O gran proxecto público de tecnoloxías da lingua galega chámase tamén Nós. Impulsado pola Xunta e desenvolvido desde 2021 polo Instituto da Lingua Galega (ILG) e o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da Universidade de Santiago, o Proxecto Nós leva cinco anos reunindo os materiais que o galego precisa para ter sitio nas máquinas.

Un galego que pasa o corrector pero non o oído

Os modelos de linguaxe aprenden de textos, e en galego hai moitos menos que en inglés ou castelán. CorpusNós, o maior corpus reunido para adestrar modelos en galego, ten uns 2.100 millóns de palabras; os grandes sistemas comerciais adéstranse con billóns, a maior parte en inglés. O informe sobre o galego do proxecto europeo European Language Equality xa situaba en 2022 o apoio tecnolóxico ao noso idioma moi por debaixo do que teñen as linguas con estado propio.

Nótase cando se lle escribe en galego a ChatGPT, Gemini ou Claude, aínda que o resultado varía moito segundo o modelo e a tarefa. A ortografía adoita estar ben; os problemas veñen despois. Aparecen calcos do castelán ou do inglés, pronomes fóra do sitio, expresións que ninguén usaría nese contexto. Poderiamos chamarlle galego de silicio.

O segundo risco é máis caladiño: canto máis lle encargamos á máquina que nos escriba ou nos traduza, máis doado é aceptar o que propón sen lelo con atención. Se o que propón é un galego castelanizado, é fácil que a castelanización entre pola porta de atrás, na escrita de todos os días. E alí onde a tecnoloxía nin sequera entende galego, como no asistente do coche ou na centraliña dunha administración, a cuestión é aínda máis simple. Ou se lle fala en castelán ou non funciona.

O que se fixo desde aquí

En xuño de 2024 o Proxecto Nós presentou Carballo, que o equipo define como o primeiro modelo de linguaxe de grande escala para o galego. Ten 1.300 millóns de parámetros, aprendeu de CorpusNós e partiu do modelo FLOR, do Barcelona Supercomputing Center; adestrouse coa colaboración do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) dentro do proxecto estatal ILENIA. Parecen moitos, pero é un modelo pequeno: os das grandes tecnolóxicas cóntanse en centos de miles de millóns.

Carvalho
Proxecto Carballo

A súa vantaxe é que se publicou en aberto. Calquera administración, empresa ou colectivo pode descargalo e usalo como base. Iso non quere dicir que traia un corrector ou un asistente listo para usar: adaptalo a cada tarefa e mantelo ten un custo. O que se evita é a dependencia, porque ninguén ten que pedir permiso nin pagar unha licenza para comezar.

Doa a túa voz
“Doa a túa voz”, iniciativa do Proxecto Nós

Ese mesmo ano o CiTIUS e a Universidade de Évora presentaron Carvalho, un modelo bilingüe galego-portugués que recibiu o premio ao mellor artigo de aplicación no congreso EPIA 2024, en Viana do Castelo. A ponte coa lusofonía ten tamén unha lóxica técnica. O portugués conta con moitos máis textos dispoñibles, e o galego pode aproveitar esa proximidade para aprender mellor.

No terreo da fala, o proxecto creou a voz sintética Celtia e traballa no recoñecemento de voz, tamén da fala espontánea. Para iso necesita moitas gravacións de xente real, e boa parte chegou a través de campañas de doazón de voz: en abril de 2025, no Validatón que organizaron o ILG e o Proxecto Nós, as persoas participantes gravaron e revisaron 10.000 audios, unhas trece horas de voz, para a plataforma aberta Common Voice. Ler frases en voz alta non é o mesmo que conversar, e a fala espontánea segue a ser o terreo máis difícil.

Quen pon as regras

O 30 de setembro, o Proxecto Nós presentou no Parlamento Europeo os resultados preliminares de Arena Nós, unha ferramenta aínda en desenvolvemento para medir ata que punto os grandes modelos de intelixencia artificial coñecen a lingua e a cultura galegas. A intención é que calquera persoa poida saber «que intelixencia artificial entende mellor se se lle fala en galego». Agora ben, quen fixa os criterios desa medición, e como se fan públicos?

O acto organizouno Google. Manuel Loureiro, investigador do CiTIUS, explicou alí que o traballo debe servir «para que empresas como Google poidan, a través dos procesos de adestramento e avaliación, representar dun xeito profundo a nosa diversidade lingüística e cultural nos seus modelos». Un ano antes, Microsoft anunciara unha colaboración co CiTIUS, o Barcelona Supercomputing Center e o centro HiTZ da Universidade do País Vasco para desenvolver modelos fundacionais nas linguas oficiais do Estado e ofrecelos na súa plataforma Azure.

Que o galego estea nos produtos de uso máis estendido é unha boa noticia, sempre que se saiba en que condicións. Colaborar cunha empresa non implica depender dela. A dependencia aparece cando os datos públicos melloran un produto privado que despois non se pode auditar, ou cando as ferramentas propias quedan sen orzamento e o único acceso pasa pola plataforma dun terceiro. Se os corpus e os modelos se pagaron con diñeiro público, e coa voz de moita xente que a doou, é razoable esixir que sigan abertos e que parte do beneficio volva á sociedade que os fixo posibles.

A mesma pelexa

En Bruxelas, Loureiro dixo unha frase que ben podería asinar a xente de 1920:

«Non só para que o galego sobreviva nos ecosistemas dixitais, senón para que volva florecer; porque florecendo a nosa lingua e a nosa cultura, florecerá tamén a diversidade e, por tanto, a intelixencia da terra».

Cento seis anos despois de Nós, a pregunta de fondo mudou pouco: que fai falta para que o galego se poida usar en calquera ámbito, tamén diante dunha máquina? Daquela respondeuse con revistas e estudos. Agora a resposta pasa por corpus e modelos, por un investimento público sostido e por que a xente use a tecnoloxía en galego e reclame cando non a hai.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *