“Non enterran cadáveres: enterran semente”
(Castelao)
A Irmandade Galega de Arxentina, presidida por Castelao, decidiu instituír o 17 de agosto, coincidindo co aniversario do fusilamento de Bóveda, como o Día da Galiza Mártir.
Nesta data, personificando en Alexandre Bóveda, figura clave para o nacionalismo galego, fundador e logo secretario de organización do Partido Galeguista, vítima da barbarie fascista, vilmente asasinado na Caeira (Poio, Pontevedra), rendemos homenaxe a todas as persoas represaliadas e lembramos, igualmente, todas as vítimas da represión franquista.
O luns, 14 de agosto, ás 20 h, como todos os anos, a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda conmemora o Día da Galiza Mártir, en Catro Camiños, diante da escultura a Alexandre Bóveda.
Contaremos con Uxío–Breogán Diéguez Cequiel, director da Cátedra de Memoria Histórica da UDC para lembrar o centenario do que máis tarde coñeceriamos como Galeusca, a Tripla Alianza, selada o 11 de setembro de 1923 en Barcelona durante a Diada, polas forzas nacionalistas das tres nacións: Irmandades da Fala e I.N.G, por Galiza, Acció Catalana, Estat Català e Unió Catalanista, por Cataluña, e PNV e ANV, por Euskal Herria.
Como nestes anos pasados, teremos tamén un pequeno concerto co grupo Os Xesteira, formado por catro integrantes cunha laureada experiencia no ámbito da música tradicional galega. Os seus membros participan en proxectos colectivos como Cantigas e Agarimos, Escola de Música Folk e Tradicional de Vigo (ETRAD), Faíscas de Solobeira, SonDeSeu, Treixadura etc., e teñen colaborado con formacións da talla da Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela, Milladoiro, Real Filharmonía de Galicia, Rodrigo Romaní, Susana Seivane e un longo etcétera.