“Nimbos veu restaurar na literatura galega a poesía total”
(Carvalho Calero)
Hai autores que cunha soa obra publicada conseguiron pasar á historia da literatura gañando o respecto e a valoración dos estudosos e mesmo sendo referentes para outros autores posteriores. Un deses casos é o de Xosé María Díaz Castro co seu único libro de poemas, Nimbos (1961). A continuación, dedicamos unhas breves liñas á súa vida e a súa obra.
Xosé María Díaz Castro naceu no Vilariño –parroquia dos Vilares–, no concello de Guitiriz (Lugo), o día 19 de febreiro de 1914. Tras estudar os primeiros anos no Seminario de Mondoñedo, licénciase en Filosofía e Letras pola Universidade de Salamanca, especializándose en linguas modernas –dominaba a maioría das europeas. Ademais de exercer a docencia de linguas clásicas e modernas, Díaz Castro desenvolveu un intenso traballo de tradutor en Madrid, tanto para organismos oficiais como privados. Traballou para o Consello Superior de Investigacións Científicas e para o Instituto de Cultura Hispánica. Xosé María Díaz Castro falecía en Lugo o día 2 de outubro de 1990. A Real Academia Galega dedicoulle as Letras Galegas do ano 2014.
Pertencente á chamada Xeración de 1936 –poetas que naceron entre 1910 e 1920, á que pertencían tamén Carvalho Calero, Aquilino Iglesia Alvariño ou Celso Emilio Ferreiro–, Díaz Castro é autor, como xa dixemos, dunha soa obra: Nimbos (1961). Nela, o autor realiza unha busca da transcendencia, interrogándose sobre os problemas básicos do ser humano: a vida, o tempo e a morte. Díaz Castro é un grande versificador e mestre dos recursos estilísticos. O seu interese pola lingua lévao a elaborar unha poesía elegante e sinxela. O prestixio poético e humano de Díaz Castro, a pesar da brevidade da súa obra, convérteno nun referente para as xeracións máis recentes.
O primeiro poema –son 32– de Nimbos é “Coma ventos fuxidos”:
Estes non son poemas, nin cimentos
de poemas siquera. Son fragmentos
de min mesmo perdidos,
coma ventos fuxidos,
por antigos camiños esquencidos:
Díaz Castro perdido no traxeito
dun recordo moi longo, recolleito
por un anxo e salvado
nalgún intre de amor desesperado!
Un dos poemas máis coñecidos de Díaz Castro é o que leva o título de “Penélope”. Nel, fai un paralelismo entre Galiza e Penélope, a muller que tecía de día e desfacía de noite. Hai unha definición poética, fermosa, pero tráxica de Galiza: a terra dun paso adiante e outro atrás. Con todo, non todo está definitivamente perdido: o poema está incluído no epígrafe “Espranza”.
PENÉLOPE
Un paso adiante i outro atrás, Galiza,
i a tea dos teus sonos non se move.
A espranza nos teus ollos se esperguiza.
Aran os bois e chove.
Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mól coma unha uva.
Pro ti envólveste en sabas de mil anos,
i en sonos volves a escoitar a chuva.
Traguerán os camiños algún día
a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén, Xesús María!,
e toda a cousa ha de pagar seu desmo.
Desorballando os prados coma sono,
o Tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.
Un paso adiante i outro atrás, Galiza!
Mini e Mero póñenlle música ao poema Penélope de Díaz Castro:
O derradeiro poema de Nimbos leva por título “Como unha espada”:
Tódolos ríos pasan pola miña
alma, cheo de Deus, música e lapas.
Tódalas pombas fan o meu amor.
A beleza feriume para sempre.
Ó traveso da escura teadaraña
deste mundo unha estrela cai no río
da miña vida e quédame chamando.
A beleza feriume para sempre.
En cada vez que oio unha chamada
cun longo eco de adeus que non entendo,
pro que me fire como espada ardendo.
A beleza feriume para sempre.
E as falopas dos anos van caendo
sobre a sede inmortal e os ollos tristes,
¡pro non enterran a boca da ferida!
A beleza feriume para sempre.
Sen dúbida, e a pesar da brevidade da súa obra, estamos diante dun dos autores importantes da literatura galega. Aquel a quen a beleza feriu para sempre restaurou –como sinalou Carvalho Calero– na literatura galega a poesía total.
[wps_separator style=”default” top=”no” text=”Top” separator_color=”#444″ link_color=”#444″ size=”2″ margin=”15″]
Para saber máis de Díaz Castro:
- Xosé María Díaz Castro, na web da Real Academia Galega.
- Proxecto Nimbos: A beleza feriume para sempre. Curtametraxe inspirada nos poemas do libro Nimbos de Xosé María Díaz Castro.
- Vista previa da obra Nimbos, de Xosé María Díaz Castro.