Einstein en Galiza

Albert Einstein
Artigos anteriores

Xa gañador do Premio Nobel de Física, que lle foi concedido en 1921 “polas súas achegas á Física Teórica, e nomeadamente polo descubrimento da lei do efecto fotoeléctrico”, e convertido nunha celebridade mundial após a comprobación experimental da curvatura da luz polo efecto da masa grazas ás medicións durante a eclipse total de Sol en 1919, Albert Einstein realizou, entre outubro de 1922 e marzo de 1923,  unha longa viaxe que o levou a Asia, Palestina e España, experiencia que documentou nun diario (esta viaxe impediulle, por certo, recoller persoalmente o Nobel, cuxa cerimonia tivo lugar un ano despois do anuncio, en 1922). Cando regresou a Berlín estaba canso e con poucas ganas de seguir percorrendo o planeta para dar conferencias, mais non demorou moito en caer de novo na tentación, e así en 1925 aceptou cruzar o Atlántico con destino a América do Sur para dar conta da súa teoría da relatividade na Arxentina, Uruguay e Brasil. Foi o empeño (e o diñeiro) porteño o que fixo posíbel esta nova travesía: a Asociación Hebraica (antecedente da aínda existente Sociedad Hebraica Argentina) financiou a maior parte dos gastos, se ben o convite foi feito oficialmente por cinco universidades arxentinas xa que o alemán expresou a súa intención de atender só propostas académicas.

Cap Polonio
Anuncio do Cap Polonio coa ruta habitual

O 4 de marzo de 1925 Einstein chegou a Hamburgo para partir ao día seguinte ás nove e media da mañá a América a bordo do transatlántico alemán Cap Polonio. Botado once anos antes, o buque, de 194 metros de eslora, facía regularmente a travesía entre Hamburgo e Buenos Aires; o seu nome fai referencia ao lugar homónimo de Uruguay, no departamento de Rocha. Tamén desta viaxe fará diario, certo que non moi detallado e expresivo, mesmo lacónico as máis das veces. O día da partida escribe que “todo o mundo recoñece a miña cara, mais, até agora, non fun incomodado”, para logo engadir “a costa afástase. Bendita paz”. A primeira parada é o día 6 de marzo na vila francesa de Boulogne-sur-Mer, no departamento de Pas-de-Calais (“entre as comidas, fico só e moi tranquilo”). O 8 fan escala en Bilbao, onde soben moitas persoas. Ese día coñece Else Jerusalem, escritora feminista austríaca “indómita como unha pantera”, e de feito se referirá a ela no sucesivo como “a pantera”. É seguido por dúas mulleres que queren, probabelmente, escoitalo falar, mais fai por escapar delas: “debe ter sido un espectáculo gracioso verme fuxindo”.

É o 9 de marzo de 1925 –hai, pois, un século diso– cando Einstein “chega” a Galiza. Non é moito o que conta, mais paga a pena reproducir as súas palabras, que traduzo ao galego a partir da versión portuguesa do seu diario:

“Pasei case todo o día ao Sol. Atraquei pola mañá na Coruña e pola tarde en Vigo, unha baía rodeada de illas con pintorescas aldeas nas ladeiras dos outeiros. (Conversa nocturna sobre lóxica.) Incendio colorido durante o solpor en Vigo, incomparábel. No sur, o Sol é embriagador.

Esta mañá, conversa coa pantera. Honesta, impertinente, vaidosa e feminina soamente neses aspectos”.

In Corunna
O nome da Coruña manuscrito por Einstein

Polo (pouco) que di é probábel que non chegase a poñer un pé fóra do barco durante esas escalas, mais non deixa de ser unha bonita hipótese imaxinar que si (e este é un destes casos nos que, ante a dúbida, convén ficarmos coa lenda, o “print the legend” que dicían n’O home que matou Liberty Valance de John Ford). O que dende logo é obvio é que non estivo encerrado no camarote, así que, como mínimo, debeu deleitarse coa paisaxe do noso país, primeiro a da Coruña e logo ese solpor solleiro en Vigo.

O xornal coruñés El Orzán deu conta na edición do 10 de marzo da chegada do Cap Polonio, que transportaba 673 pasaxeiros, dos cales un desembarcou na nosa cidade. E de aquí subiron outras trinta persoas. Aquel mesmo día saíron outros dous buques con destino Buenos Aires, o Ouessant, que cargou na Coruña 34 persoas, e o Arlanza, que recolleu 37; tamén saíu un vapor a Cuba, o Ortega, con 23 persoas na nosa cidade. Curiosamente, esa mesma edición de El Orzán apunta a identidade dun pasaxeiro ilustre… mais non é Einstein: “Dicen de Bilbao que en el vapor Cap Polonio llegó el director de La Nación de Buenos Aires, Sr. Sojo, que fué cumplimentado por los periodistas”.

A hemeroteca de La Voz de Galicia permítenos saber canto custaba a pasaxe dende A Coruña, 632,75 pesetas en “clase corriente” con “amplios y ventilados dormitorios, cuartos de baño, duchas, etc”. A comida, “completamente española”, servíase en “amplios y confortables comedores con sillas giratorias”. A “terceira clase de preferencia” tiña un custo adicional de 125 pesetas. En primeira clase até Buenos Aires o prezo eran 69 libras; en segunda clase, 37,10. O cambio aproximado naquela altura eran 33,5 pesetas por libra.

Despois de Galiza, a seguinte escala foi Lisboa, onde si é seguro que tivo ocasión de pasear (“a impresión que causa é decrépita, mais agradábel”); visita o bairro de Graça, o Castelo de São Jorge e o Mosteiro dos Jerônimos. Pasan logo por Tenerife e Cabo Verde (“á noite, conversa sobre a esencia da relixión con Jesinghaus baixo o marabilloso ceo estrelado”) para pisar América en Rio de Janeiro (21 de marzo) e Montevideo (24) antes de chegar a Buenos Aires (25). Estará na Arxentina case un mes, até que o 24 de abril regresa a Montevideo, onde pasará dez días (e entre outras moitas cousas ve nun pase privado The Pilgrim de Charles Chaplin) e finalmente inicia o 4 de maio a estadía no Brasil, de onde partirá de volta a Europa o día 12 no vapor Cap Norte, con escala en Bilbao o 27 e desembarco en Hamburgo o 31.


Martin Pawley

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies