ELECCIÓNS: A OLLADA DE CASTELAO
Os diputados galegos
sonche boi ben educados,
falan moi ben nesta terra
e en Madrid están calados.
Así cantaba o grupo de San Sadurniño, Saraibas, no ano 1980. Igual non cambiou moito o panorama desde entón, e aos nosos representantes en Madrid se lles pode aplicar a mesma crítica da letra de Saraibas. Xa o fixera Castelao, moitos anos antes, nun dos seus debuxos, onde se ven dous homes dialogando:
–Se os nosos deputados fosen cataláns, sacaban o ferrocarril.
–Abondaba que se sentisen galegos.
Castelao, coa súa especial sensibilidade para captar e plasmar en obra de arte a nosa realidade, ten numerosos debuxos relacionados coa temática electoral e os políticos. Case todos, como o citado antes, teñen unha vixencia e actualidade sorprendentes. A continuación, facemos un pequeno percorrido por algúns dos debuxos coa temática electoral.
Comezando polo tema da lingua nos mitins, Castelao quéixase de que os candidatos non usen o galego. O diálogo nun dos debuxos é o seguinte:
–Eu quixera falar galego nos mitins, pero non sei.
–O que non sabes ti é o castelán.
O 6 de outubro de 1907, en Betanzos, Manuel Lugrís Freire empregaba por primeira vez o galego nun acto político. Desde entón, a nosa lingua segue a ser relegada nos actos políticos na Galiza por moitos dos representantes galegos en Madrid. O debuxo de Castelao sobre o tema segue vixente.
Atribúeselle a Franco a frase “haga como yo, non se meta en política”. Esa desconexión que se pretendía entre o pobo e os seus representantes tamén a reflectiu moi ben Castelao nos seus debuxos. Dialogan a nai e o fillo:
–¿E para que son os deputados?
–Eu non sei meu fillo.
Esa mesma pretendida desconexión e marxinación que fixo que as mulleres non tivesen dereito a voto ata non hai moito. Castelao nun dos seus debuxos pon en boca dunha muller:
–Pois eu dígoche que o voto dos homes non serviu para nada.
Son varios os debuxos onde se alude á falta de formación e preparación dos nosos representantes e gobernantes. Demoledor é o debuxo onde a muller lle di ao home:
–¡Qué aburrido estás desde que no mandas…!
¿Por qué no aprendes ortografía y te entretienes?
Na mesma liña do anterior, está aquel no que se ve un home aconsellándolle a outro:
–Non estudes tanto. Faite político e podes chegar a Ministro de Instrución Pública.
Canto se ten falado e fala do cumprimento das promesas electorais. Son varios os debuxos de Castelao onde aparece un papagaio como orador político, criticando así a súa credibilidade:
Como vemos, o tan comentado desprestixio da clase política vén de lonxe. Como tamén vén de lonxe ese tan actual –e habitual para algunha organización política– carretaxe de votos. Castelao tamén o deixou plasmado, aínda que doutra maneira, xa que non había tantos coches:
–Tu difunto padre jamás dudaba del triunfo. Cuando no querían votarme a mí, el los obligaba a fuerza de bofetadas.
Na actualidade, temas como a corrupción ocupan abundantes páxinas e espazo nos informativos. Sempre se sinala como unha das causas do desprestixio dos políticos. Pero o tema non é novo:
–Se ti foses ministro e che saísen parvos todos os fillos e xenros, non lles dabas un empreguiño?
Nepotismo, prevaricación e corrupción parecen palabras de hoxe, pero xa antes se dubidaba dos cargos públicos:
–Segundo contan, os deputados gañan catro mil reás cada mes.
–¡Como non fixeran outro mal!
Como vemos, chama a atención a actualidade de moitos dos problemas que leva asociados o labor político. Igualmente é salientable a sensibilidade do mestre Castelao para expresalos maxistralmente. En Sempre en Galiza recomendábanos:
“Irmáns: Fuxide sempre dos parvos. Non vos arrimedes a eles, porque poden roubarvos algo da vosa razón e transmitirvos a súa parvada. Deixádeos paseiar, falar, danzar e medrar no seu mundo. E se algún parvo chega a ser autoridade non mostredes asombro, porque son cousas do sistema que combatimos e dos tempos en que nos cadrou vivir”
O labor político é un dos máis loables e que debemos coidar porque redunda en beneficio do pobo. A cuestión é elixir os mellores. Diso se trata cando votamos.