Emigración galega: a travesía do Atlántico

A emigración transatlántica desde Galiza, especialmente a finais do século XIX e principios do XX, foi unha odisea de esperanza e sacrificio para miles de galegos e galegas, marcada por una ruptura coa vida coñecida e unha incerteza considerable. Non era unha decisión tomada á lixeira, senón un acto de coraxe fronte á adversidade e o medo ao descoñecido.

A decisión de partir: un salto ao baleiro

Billete para familia de emigrantesde Vigo a Bos Aires no vapor Arlanza, da compañía Mala Real Inglesa, 1927.
Billete para familia de emigrantes de Vigo a Bos Aires no vapor Arlanza, da compañía Mala Real Inglesa, 1927.

Para a maioría, a vida rural galega ofrecía unha identidade enraizada na cultura e na tradición oral, que parecía incompatible coa modernidade dos países de destino. Esta decisión representaba unha ruptura coa vida coñecida, os vínculos familiares, os costumes e o idioma. As cartas dos familiares xa emigrados proporcionaban unha visión parcial, alimentando tanto esperanzas como temores sobre a dureza da vida no estranxeiro.

Unha vez tomada a decisión, moitas veces era irrevogable. A venda das poucas posesións para pagar o billete significaba que o fracaso non era unha opción. As despedidas estaban cargadas dunha intensa tensión emocional, converténdose nun compromiso total co futuro.

Custos e intermediarios: barreiras económicas e fraudes

O custo do billete de terceira clase era unha das maiores barreiras a superar e un golpe devastador para as economías de subsistencia. As familias endebedábanse, vendían terras ou gando, ou hipotecaban propiedades con intereses elevados. Este sacrificio financeiro reflectía unha profunda fe nun futuro mellor.

Neste proceso complexo, os intermediarios, coñecidos como “ganchos”, xogaron un papel central. Actuaban como enlaces entre os emigrantes e as autoridades ou compañías navieiras, xestionando papeis, permisos e billetes. Para moitas persoas emigrantes, especialmente as analfabetas ou sen experiencia urbana, esta dependencia parecía inevitable. Con todo, esta situación deu lugar a abusos e fraudes. Algúns “ganchos” cobraban tarifas excesivas, vendían documentos falsos ou facían promesas irreais sobre as condicións da viaxe. Os inspectores de emigración documentaron numerosos casos de estafas que deixaban ás familias sen recursos e sen posibilidade de embarcar. Por estraño que pareza, o emigrante vulnerable a miúdo vía no “gancho” un salvador.

A vida nos portos de orixe: espera e vulnerabilidade

Anuncio dunha pousada para emigrantes no porto de Vigo.
Anuncio dunha pousada para emigrantes no porto de Vigo.

A chegada aos portos galegos (como Vigo e A Coruña, que eran os máis importantes) era un microcosmos de actividade frenética. Eran centros económicos e sociais con comerciantes, vendedores e espectáculos improvisados. A estancia nos portos podía prolongarse por días, mesmo semanas, debido a trámites ou á espera do barco. Esta espera xeraba custos adicionais en aloxamento e comida. Moitas das persoas emigrantes, xa ao límite dos seus recursos, víanse obrigadas a pagar por pensións baratas e insalubres que proliferaban nos arredores dos portos. Estas condicións, con amontoamento e falta de privacidade, eran descritas como “os primeiros barcos” e servían como unha preparación previa para as bodegas dos vapores.

A ansiedade por completar os trámites e asegurar o embarque era significativa. Existía un medo constante a ser rexeitado nos controis médicos ou a que os billetes fosen inválidos. Os portos tamén atraían a estafadores que se aproveitaban da vulnerabilidade dos viaxeiros.

As redes de apoio locais, formadas por familiares e veciños que xa emigraran, ofrecían orientación e axuda para evitar abusos. Viaxar en grupos desde as aldeas tamén proporcionaba solidariedade e apoio mutuo.

Controis previos ao embarque: a última barreira

Os controis previos ao embarque eran unha das etapas máis temidas. Estes procedementos incluían revisións rigorosas de documentos e saúde para garantir que só as persoas aptas para viaxar e traballar chegasen aos seus destinos. A ausencia ou un erro nun documento era suficiente para negar o embarque, deixando aos emigrantes sen recursos e sen opcións.

O medo ao rexeitamento era unha fonte de ansiedade constante. A posibilidade de perder o billete despois de tanto esforzo económico e emocional era insoportable. Os inspectores de emigración denunciaron a dureza e a falta de humanidade destes controis, describindo os portos como “cárceres emocionais”. Para aquelas persoas que superaban os controis, o alivio era indescritible, marcando o inicio da viaxe cara ao novo mundo. Un problema frecuente era que os recoñecementos médicos se realizaban a bordo, e os rexeitados eran obrigados a baixar sen asistencia, ou se confundían co resto da pasaxe sen billete.

A travesía: un inferno flotante no Atlántico

O vapor Valbanera da navieiraPinillos Izquierdo, Cádiz.
O vapor Valbanera da navieira Pinillos Izquierdo, Cádiz, naufragado en 1919.

Unha vez a bordo, os emigrantes galegos de terceira clase enfrontábanse ás condicións extremas das bodegas dos barcos, orixinalmente deseñadas para carga. Eran espazos reducidos, con mala ventilación e amontoamento. As liteiras, rudimentarias e en varios niveis, ofrecían apenas centímetros de separación. Moitos durmían directamente no piso. A superpoboación era a norma, con barcos sobrecargados para maximizar beneficios, confinando á pasaxe nun ambiente abafante e escuro. Un emigrante galego, describindo a súa viaxe á Arxentina, dicía: “Non había espazo para estirarse. Ao meu carón, durmían outros dous homes, e o pouco aire que chegaba era quente e fétido”. As condicións eran tan deplorables que se comparaban cos barcos de escravos.

A hixiene era precaria, con cheiros insoportables a comida, vómito e suor humano. A falta de ventilación e o estancamento de augas sucias contribuían a un ambiente insalubre. Os servizos sanitarios eran deficientes ou inexistentes, con enfermerías sen equipamento adecuado e médicos que ás veces non falaban español –moito menos galego, por suposto– ou mostraban desinterese. As comidas a bordo eran a miúdo insuficientes e de mala calidade, o que levaba a moitos a levar as súas propias provisións, que adoitaban esgotarse ou estragarse rapidamente.

A convivencia forzada con animais, como ovellas ou carneiros, para o consumo ou como carga, agravaba as condicións hixiénicas e o malestar. A pasaxe de terceira clase tamén sufría abusos e explotación por parte da tripulación, incluíndo a venda de produtos que deberían ser gratuítos e a práctica do “arranchamento” (pago por mellores racións a expensas doutros). A hostilidade entre tripulantes e emigrantes, e as rivalidades por nacionalidade eran comúns. O xogo e os roubos tamén eran problemas recorrentes.

A travesía era longa e perigosa, e os mareos eran un mal endémico. A isto sumábanse os riscos de naufraxios, como o do Príncipe de Asturias (1916), o Valbanera (1919) ou o Principessa Mafalda (1927), que levaban a centos de vidas consigo.

O papel dos inspectores de emigración

Os inspectores de emigración, cuxas memorias constitúen unha valiosa fonte de información, tiñan como misión principal a protección das persoas que partían desde a saída ata o destino. Viaxaban nos buques para supervisar as condicións e garantir o cumprimento da lei.

En moitas ocasións, a súa presenza a bordo melloraba o trato e as condicións dos pasaxeiros, aínda que fose temporalmente. Con todo, o seu labor non estaba exento de dificultades. Enfrontábanse á hostilidade de navieiras, consignatarios e tripulación, que os vían como un obstáculo aos seus negocios. Tamén atopaban a indiferenza dos oficiais dos barcos e incluso a desconfianza dos propios emigrantes nos portos de orixe.

Os inspectores denunciaban as irregularidades e abusos de forma exhaustiva nos seus informes, que servían para dar voz a moitos emigrantes iletrados. As súas denuncias máis frecuentes centrábanse na publicidade enganosa das compañías navieiras, que prometían comodidades de luxo inexistentes para a terceira clase, e na falta de correspondencia entre o prezo do billete e as condicións reais a bordo. Denunciaban tamén que os prezos para os españois eran máis elevados que para outros pasaxeiros.

O incumprimento sistemático das normativas en canto a ventilación, hixiene, espazo e servizos sanitarios era outra constante nos seus informes. Os inspectores documentaron numerosos enganos na venda de billetes, desde a venda de máis billetes que a capacidade real do buque ata a asignación de liteiras xa ocupadas. A precariedade das instalacións para a alimentación, xunto coa falta de auga potable ou a súa mala calidade, completaban un cadro desolador.

Finalmente, os abusos da tripulación constituían unha das denuncias máis graves, incluíndo cobros indebidos por servizos que deberían ser gratuítos e roubos directos aos pasaxeiros máis vulnerables.

Malia as súas repetidas denuncias e recomendacións, o Consello Superior de Emigración a miúdo carecía de medios para facer cumprir a lei, e as súas propostas non sempre se traducían en melloras efectivas.

A hexemonía das compañías navieiras europeas

Publicidade da Compañía Colonical de Navegação
Publicidade da Compañía Colonial de Navegação

A organización do transporte transatlántico transformouse co triunfo do vapor, pasando de viaxes illadas a liñas regulares con rutas predeterminadas. As grandes compañías navieiras europeas dominaron o mercado, desprazando aos armadores galegos. Estas compañías tiñan un gran poder financeiro e político, e competían ferozmente en prezos e propaganda.

Os portos galegos máis importantes para a emigración foron Ferrol, A Coruña, Carril-Vilagarcía, Marín e, especialmente, Vigo. A necesidade de reducir gastos concentrou a operatividade nestes portos. A Primeira Guerra Mundial significou un punto de inflexión, reducindo as liñas e aumentando temporalmente a participación de buques españois.

A competencia tecnolóxica levou a un aumento das tonelaxes dos buques. Os grandes transatlánticos, máis rápidos e con maior capacidade, absorbían a maior parte do continxente migratorio. Con todo, moitos cargueiros a vapor tamén transportaban pasaxeiros, xeralmente en peores condicións. As compañías recorrían con frecuencia á publicidade para anunciar as excelencias dos novos barcos.

A consignación de emigrantes en Galiza ofrecía grandes vantaxes económicas, como a capitalización de beneficios e a dispoñibilidade de divisas. Ademais, o tráfico migratorio xerou unha demanda de bens e servizos para o aprovisionamento dos buques, como conservas de peixe, viño, auga mineral e xabón.

O retorno: emocións e desafíos

As memorias dos inspectores dedican menos páxinas ao retorno, tratándoo con frecuencia como un simple trámite. Con todo, este camiño de volta estaba cheo de emocións e significados. Para algúns, o regreso significaba a realización dos seus proxectos e poder aproveitar os seus aforros en Galiza, aínda que estes fosen os menos. Para moitos, era o final dun fracaso, regresando á miseria da que fuxiran, ou por enfermidades, accidentes laborais ou a procura de familiares.

O regreso implicaba habitualmente pasar por novos controis e trámites, nos que a figura do inspector volvía ser crucial para a protección dos repatriados. As escenas nos portos galegos, como A Coruña, estaban cargadas de entusiasmo ao ver terra de novo, con bágoas de alegría e berros de gratitude a España e os seus organismos de emigración. Con todo, as condicións nos consulados españois no estranxeiro foron denunciadas como vergoñentas, pequenas, cheirentas e insuficientes para atender a cantidade de emigrantes, o que dificultaba os procesos de repatriación.

Reflexións finais: o prezo dunha travesía

Barco Galicia da Hamburg Amerikanische Packetfahrt Aktien Gesellschaft. De 2860 toneladas, botado en 1889
Buque Galicia da Hamburg Amerikanische Packetfahrt Aktien Gesellschaft. De 2860 toneladas, botado en 1889

A emigración transatlántica galega non foi simplemente un desprazamento de persoas, senón unha transformación colectiva que marcou profundamente tanto aos que partiron como aos que quedaron. As travesías do Atlántico, con todo o seu sufrimento e esperanza, marcaron para sempre xeracións enteiras.

Miles de galegos e galegas enfrontaron as durísimas condicións das bodegas dos vapores, a incerteza dos portos e os abusos dos intermediarios nun acto de fe no futuro. Moitos non sobreviviron á travesía, outros regresaron derrotados, pero todos participaron nunha epopea colectiva que transcendeu o individual para converterse en memoria histórica compartida.

Esta experiencia migratoria, coas súas cicatrices e aprendizaxes, marcou profundamente a identidade galega. A sangría demográfica deixou aldeas baleiras e familias partidas, mentres que as cartas desde América e os envíos de cartos mantiveron viva unha conexión dolorosa coas dúas ribeiras do Atlántico. A emigración foi, ante todo, unha ferida aberta na sociedade galega, unha consecuencia da imposibilidade de vivir dignamente na Galiza.

Malia que esta diáspora trouxo tamén intercambios culturais e remesas que aliviaron a miseria, o prezo pagado foi altísimo: a perda de milleiros de vidas nas travesías, a desarticulación social e o despoboamento de comarcas enteiras. O que para moitos países foi progreso e modernización, para Galiza significou o éxodo forzoso dos seus fillos.


Jorge Castro Ruso


Para saber máis:

  • Azcárate Luxán, Blanca e Rodríguez Hernández, J. Julio. (2017). Pasajeros de Tercera Clase. La odisea migratoria trasatlántica a través de las Memorias de viaje de los Inspectores de Emigración. Madrid: Ministerio de Trabajo, Migraciones y Seguridad Social.
  • Vázquez González, Alexandre. (2004). Os novos señores da rede comercial da emigración. A América por portos galegos: os consignatarios das grandes navieiras transatlánticas, 1870-1939. Revista Estudios Migratorios, (13-14), Santiago de Compostela: Arquivo da Emigración Galega-Consello da Cultura Galega.
  • Rodríguez Ferreiro, Hilario Manuel. (1992). La emigración a América por el Puerto de Vigo de 1900-1904. Minius, I. Universidade de Vigo.


Foto da cabeceira: Embarque de emigrantes cara Sudamérica no porto da Coruña, 1920. Fotografía de Ángel Blanco.

3 Respostas

  1. Un bisavó meu foi facer fortuna a Cuba e retornou sen un peso .A familia tivo que vender unha leira pro billete de volta .
    O chegar o pobo contan que estando os vecinos de fiadeiro (filandón) agochouse pola vergonha 😥😥😥

    1. Grazas por compartir esa historia familiar tan persoal e conmovedora. O relato do teu bisavó reflicte unha parte moi importante do que foi a emigración galega. A decisión de emigrar era unha aposta colectiva da familia pola supervivencia. Se xa era duro conseguir os cartos que custaba o billete de ida, tivo que ser moito máis duro o sacrificio para o billete de volta. O feito de agocharse ao chegar ilustra a dureza social do fracaso. Por suposto, a historia do teu bisavó non é algo puntual nin anecdótico. Coñecemos as historias dos que triunfaron pero moito menos dos que non conseguiron esa riqueza ansiada e sobreviviron nos países americanos como puideron ou regresaron co posto.

    2. Certo como a Vida mesma , houbo moita xente que ata quedou aló sen NADA e tiña vergoña e anguria de voltar a Galiza

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies