Entre a esperanza e a explotación: emigrantes galegas prostituídas na Habana

A mediados do século XX, a primeira grande onda da emigración galega comezou cunha maioría de homes novos. Pero as mulleres, aínda que en menor medida, tamén comezaron a emigrar. A maioría ían a Cuba, que era daquela colonia española. As que o facían adoitaban ser esposas ou fillas que seguían aos seus familiares.

Entre 1880 e 1900 houbo un aumento considerable na emigración das mulleres. Este fenómeno consolidouse nos primeiros 30 anos do século XX, adquirindo unha estrutura máis autónoma. Moitas mulleres emigraban soas ou en grupo, ás veces contactadas por redes que facilitaban a súa viaxe, aínda que non sempre de maneira segura.

Lei de Emigración 1907
Lei de Emigración de 1907

A lexislación española foise adaptando e recoñecendo este feito con medidas proteccionistas pero ás veces tamén restritivas e discriminatorias para evitar as saídas. A Lei de Emigración de 1907 recoñecía a liberdade de todo español para emigrar, pero establecía tamén que «as solteiras menores de vinte e tres anos non suxeitas á patria potestade, tutela ou garda de persoas que legalmente as representen non poderán emigrar sen xustificar previamente que teñen maneira honesta de subsistencia no lugar de destino». (artigo 3, apartado 2).

Non existen moitas estatísticas específicas sobre a emigración feminina cara a Cuba debido á falta de rexistros detallados por xénero na época. Así a todo, sabemos que entre finais do século XIX e principios do XX, foron máis de 60.000 galegas as que chegaron a Cuba, moitas delas soas, analfabetas e en situación de pobreza, algunhas con fillos pequenos ao seu cargo. Estas mulleres eran contratadas para traballos domésticos, pero lamentablemente, tamén eran captadas para exercer a prostitución.

Hai testemuños que dan conta deste fenómeno. En 1927, Joaquín Cabronero, inspector de Emigración (unha figura creada pola Lei de Emigración de 1907), advertía: «a emigración de mulleres solteiras debe restrinxirse de modo eficaz. A maioría das que hoxe marchan van incautamente pensando no prometida prosperidade que recibirán como serventas sen sospeitar que as mesmas mans que lle han de dar o salario mánchanas as máis das veces de deshonra e terminarán desprazando, como artigo de luxo do Sr., á mulata». Cabronero concluíu afirmando que «hoxe na Habana o 80 por cento da poboación dos prostíbulos constitúeno as españolas». (Cabronero, J.: Memoria del viaje realizado a bordo del vapor Alfonso XII, 1927).

A explosión da prostitución e a demanda de mulleres inmigrantes

Durante os anos da Primeira Guerra Mundial e a posguerra, Cuba experimentou un período de gran prosperidade económica debido á elevada demanda de azucre, o que aumentou tamén a demanda de servizo doméstico e especialmente de prostitutas brancas.

Diversas fontes, incluíndo a prensa, obras literarias e testemuños orais, indican que a maioría das traballadoras no servizo doméstico, tanto coidadoras como responsables das tarefas do fogar, procedían de Galiza, especialmente da provincia de Lugo. Durante este período (1916-1920), os xornais da Habana destacaban repetidamente o incremento de situacións comprometidas relacionadas con certas criadas españolas, particularmente galegas, así como a existencia dunha suposta rede étnica que operaba no tráfico de mulleres entre este grupo.

A situación era tan preocupante que chegou a oídos de figuras eclesiásticas e xornalistas en Galiza, como Otero Abeleira, quen advertiu no Congreso Agrario da Estrada, o 15 de xullo de 1916:

Moitas, moitísimas das mulleres que marchan a terras de fóra, van alí encher os lupanares, e non porque elas sexan inclinadas á prostitución, senón porque ou se ven obrigadas a prostituírse por necesidade, ou son enganadas por miserables rufiáns de ambos sexos que abusan da inocencia e sinxeleza daquelas infelices ata dar con elas nunha casa de lenocinio.

artigo de Eva Canel
Artigo de Eva Canel no “Diario de la Marina”

A prensa cubana tamén documentou este fenómeno, especialmente durante o verán de 1920, cando dous casos de infanticidio protagonizados por criadas galegas causaron grande axitación social. Estes episodios foron aproveitados pola prensa conservadora cubana para avivar o escándalo e atacar a presenza das mozas galegas en Cuba. Especialmente dura foi a escritora asturiana Eva Canel, a xornalista con máis sona da colonia española, quen nas páxinas do xornal conservador Diario de la Marina escribía:

Non sei se a miña alma de muller ou de patriota, sublévase contra o espectáculo que veñen dando mulleres que pertencen na súa maioría a España, e máis en maioría se aquilatamos á provincia de Lugo… o que pasa na Habana cun rabaño innobre de mulleres procedentes desa provincia non ten precedente… Hai mulleres casadas que deixaron aos seus maridos nas súas vilas e elas están en casas de lenocinio, a título de serventas, hai outras no cárcere por ladroas, hai menores de idade deixadas polas súas nais en poder de “tenorios” repulsivos, casados, con fillos… hai excepcións, poucas, moi poucas, desgraciadamente… unha ducia de “galegas impuras” bastan para carrexar o desprestixio sobre todas as criadas españolas que veñen a Cuba. (Diario de la Marina, 25/6/1920)

Aínda que había excepcións, os conflitos entre galegos e asturianos eran frecuentes na colonia española de Cuba. Este artigo cheo de prexuízos contra as mulleres galegas, escrito por unha autora asturiana, foi tomado como unha ofensa cara a Galiza e desatou na prensa galega da Habana unha intensa campaña de reafirmación rexionalista. Esta reacción tamén criticaba a actitude de superioridade percibida nos asturianos e o seu desagrado ao ser confundidos con galegos polos cubanos, un sentimento que, segundo os testemuños de galegos en Cuba, aínda persiste.

A Igrexa Católica tamén interveu nesta polémica sobre a explotación sexual das inmigrantes galegas. En 1919, o capelán da Beneficencia de Naturales de Galicia, dicía:

Ao amparo de parentes e de titores (parentes e seudo titores desalmados) veñen agora moitas a terra cubana, para ser pasto inmediato da satiricose máis degradante. Os “primos” saben burlarse de todas esas perversións e das leis de emigración que aquí rexen. E é preciso poñer fin a esa infame trata de brancas que día tras día leva máis corpos ao lenocinio e máis almas á desgraza.

Mentres as mulleres galegas emigrantes enfrontaban condicións de extrema vulnerabilidade, a Igrexa e sectores conservadores en Cuba abordaban esta situación desde unha perspectiva moralizadora, responsabilizándoas en parte da súa propia explotación. Desde os púlpitos e en publicacións como Diario de la Marina, estes sectores defendían a imposición de maiores controis e restricións á emigración feminina, crendo que unha supervisión estrita as protexería de «caer no vicio».

Os “primos” e o rol das redes de proxenetas

Ao chegar a Cuba, a maioría das mulleres buscaban traballo como serventas, amas de cría ou costureiras, áreas onde podían atopar empregadores entre a poboación crioula ou española da illa. Con todo, esta emigración era de carácter precario e, con frecuencia, as mulleres atopábanse en situación de illamento, sen redes de apoio e sen recursos económicos que lles permitisen afrontar as dificultades.

Este illamento, sumado ao estigma social que pesaba sobre as mulleres solteiras emigrantes, facíaas vítimas ideais para proxenetas que, prometendo protección e axuda, as atrapaban en redes de trata:

Estes individuos ao chegar alí con algúns billetes… con bos traxes e con bos habanos convértense en persoas e no punto de mira da vila. […] incuban na mente dos aldeáns o desexo de vir a América, do cal participan tamén as mulleres […] Os amigos que xestionan os trámites de inmigración e que son os mesmos que se constitúen en “primos” ou “tíos”, operan con verdadeiro cinismo. Empezan por facer o amor ás recentemente chegadas… Unha vez que xa os lazos afectivos van desaparecendo, expoñen os explotadores, valéndose do afecto inspirado, de ameazas, enganos, os medios para determinar a caída da vítima. Primeiro son os soldos que lles arrebatan, logo sedúcenas e máis tarde obríganas a ingresar na carreira do vicio. Unha vez que a vítima delinquiu, xa entón ameázana de transmitir a noticia aos pais anciáns ou aos seus familiares verdadeiros. (El Heraldo de Cuba, 28/8/1920).

Estes personaxes, coñecidos como “primos” ou “titores”, non eran parentes reais, senón compatriotas galegos que se aproveitaban da situación vulnerable das súas paisanas acabadas de chegar. Ben vestidos e amosando unha vida aparentemente chea de éxitos, seducían as mulleres con promesas dun futuro mellor, alimentando as expectativas dunha relación estable ou matrimonio, para logo explotalas sexualmente.

Portada dun programa dunha xira do Círculo Habanero
Portada dun programa dunha xira do Círculo Habanero

Estes anos coincidiron coa época dourada das xiras ou romarías dominicais organizadas polas sociedades de instrución e recreo, co fin de financiar escolas laicas nas súas comarcas de orixe. Estas festas, organizadas nos xardíns das cervexerías La Tropical e La Polar, a partir de 1906, eran espazos de encontro para os emigrantes galegos en Cuba, onde as criadas e coidadoras se relacionaban con outros galegos. E estes eran os escenarios onde algúns paisanos, aproveitándose da vulnerabilidade e soidade destas mulleres, facíanlle as beiras con promesas de matrimonio para logo explotalas sexualmente.

A prensa conservadora da Habana, como a revista Galicia, ou El Ideal Gallego e o Diario de La Marina, criticaba estas festividades, denunciando o incremento da inmoralidade e afirmando que moitos asistentes ían só para perverter ás mozas acabadas de chegar.

Tamén as grandes sociedades e centros rexionais se opuñan a estas festas, alegando as mesmas razóns. Con todo, os defensores destas xiras rexionais crían que a verdadeira razón era evitar a competencia e controlar o mercado de ocio da colectividade galega. Mesmo algúns insinuaban que os “honestos bailes” destes grandes centros rexionais nos seus fastosos salóns tamén contribuían á inmoralidade das desamparadas serventas galegas. A xornalista Mercedes Vieito de López, filla de emigrantes das Somozas, expresábao así::

Onde entre o enervamento producido polas luces, xentío, suntuosidade marabillosa do edificio, as sinxelas e pouco avisadas aldeás cren vivir un conto de fadas que o inevitable “primo” se encarga de interpretar e modelar ao seu favor nun ambiente propicio ás súas aspiracións e propósitos. (Eco de Galicia,19/11/1922)

As voces e institucións de apoio

Ante as solucións restritivas, algunhas asociacións e voces feministas impulsaron unha resposta alternativa, enfocada na autonomía e no apoio práctico para as mulleres emigrantes. Estas iniciativas pretendían empoderar ás inmigrantes mediante espazos seguros e redes de apoio, en lugar de aplicar control ou supervisión.

Unha destas institucións foi a Sociedad Protectora de la Mujer Laboriosa, fundada en 1922 pola familia de Cesáreo Sánchez, residente galego en Cuba. Esta entidade abriu un hotel de inmigrantes para as serventas acabadas de chegar, que ofrecía comida, aloxamento e axuda na busca de traballo, cunha pequena cota de 50 centavos diarios.

Imaxe do Sanatorio Hijas de Galicia publicada en ‘Vida Gallega’ en 1927

En 1917, fundouse na Habana a sociedade Hijas de Galicia, cuxo obxectivo era proporcionar asistencia sanitaria e protección ás mulleres galegas en Cuba. Esta sociedade xurdiu como resposta á desatención por parte do Centro Gallego e doutras institucións galegas cara ás mulleres. Malia enfocarse en axudar ás mulleres, as decisións eran tomadas por homes, o que limitaba a asistencia, especialmente en casos de enfermidades venéreas, polo que o acceso pleno á asistencia sanitaria non estaba garantido para todas as socias. A creación de Hijas de Galicia foi un fito importante na mellora das condicións de vida das mulleres galegas en Cuba. Na nosa web A Coruña das Mulleres podedes coñecer en detalle o labor desta importante institución, que chegou a contar, na súa última época, en 1960, case o dobre de persoas asociadas que o poderoso Centro Gallego da Habana.

Nestes primeiros anos do século XX, en Cuba comezaban a xurdir os primeiros movementos a favor da muller. En 1913 fundouse o Partido Nacional Sufragista, en 1918 o Club Femenino de Cuba e en 1922 a Federación de Asociaciones Femeninas de Cuba. Algunhas feministas galegas da época abordaron a cuestión das mulleres inmigrantes nos Congresos Nacionais de Mulleres celebrados na Habana en 1923 e 1925. Filo Vidal, socia de Hijas de Galicia, propuxo no Congreso de 1925, inaugurado e clausurado no Teatro Nacional dentro do Centro Gallego, a creación dunha “Casa de la mujer inmigrante”:

Primeiro Congreso Nacional de Mulleres
Primeiro Congreso Nacional de Mulleres, Gran Teatro da Habana, abril de 1923

Que este edificio se levante non lonxe do porto, como unha áncora de salvación, ofrecéndolle a súa hospitalidade cariñosa á muller emigrante, a cal abonará unha cota mensual que lle dea dereito apenas desembarque, a posuír un fogar de sólida honradez e protección, onde se lle acolla cubrindo as súas necesidades, baixo o Padroado do Congreso Feminino de Cuba. Así evitará que a muller emigrante caia en mans pouco escrupulosas de “primos”, veciños e amigos que cando non acaben cos seus modestos aforros, que traen para as súas primeiras necesidades, sabe Deus á conta de que repugnancias íntimas, iníciana no vicio, deixándoas abandonadas despois.

Malia as múltiples solucións propostas, a realidade era que moitas mulleres galegas emigrantes seguían atrapadas en redes de explotación. Os enfoques moralistas ou restritivos non lograron frear as redes de proxenetas, mentres que as iniciativas de apoio e empoderamento, aínda que útiles para algunhas, non podían cubrir todas as necesidades das migrantes. Así, a situación destas mulleres revela as limitacións sociais e legais da época e a urxente necesidade de protección real para elas.

Concluíndo

A pesar do paso do tempo, a traxedia destas mulleres galegas en Cuba continúa sendo unha advertencia para a sociedade actual: a emigración, cando non vai acompañada de protección efectiva e redes de apoio, pode converterse nunha nova forma de escravitude. Esta traxedia non foi exclusiva da illa de Cuba nin daqueles anos: hoxe en día, os explotadores seguen utilizando as mesmas técnicas, sexan proxenetas europeos, padrotes mexicanos, cafichos peruanos ou pimps estadounidenses. Outros destinos da nosa emigración, como o Brasil, Uruguai e, especialmente, Bos Aires, tamén foron escenarios de traxedias similares. Da situación das mulleres en Bos Aires falaremos proximamente noutro artigo.


Se tes interese en ampliar información sobre a situación da muller emigrante galega en Cuba, recoméndoche que consultes esta publicación:
Vidal, José Antonio. “A muller galega en Cuba: da exclusión á tutelaxe, 1898-1968.” Revista Estudios Migratorios, no. 13-14 (xuño-decembro 2002). Arquivo da Emigración Galega, Consello da Cultura Galega.


Jorge Castro Ruso

2 Respostas

    1. Tes toda a razón. Andrea López Chao xogou un papel moi importante na defensa da muller na Habana daqueles anos. Pero é que este artigo podería ser aínda máis extenso porque o tema dá para moito máis. De calquera xeito, de Andrea López Chao temos máis información na nosa web A Coruña das Mulleres. Precisamente nestes días houbo actos na súa honra para conmemorar o 150 aniversario do seu nacemento. Foron varios os eventos, como o desenvolto na Habana, ou en Barcelona, onde se falou dela na conmemoración do centenario do Hospital de Hijas de Galicia. Grazas polo teu apunte.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies