“Veleiquí, Outono, grande e puro”
(Manuel María)
Co título de Entre a vendima e a castañeira volvía a publicar, en 1957 –logo de vinte anos–, Otero Pedrayo un libro de narrativa. Son vinte relatos curtos nos que a paisaxe adquire grande protagonismo.
En 1977, Manuel María publicaba Poemas ao outono:
Veleiquí, Outono, grande e puro,
vestindo ao mundo de dourado,
con saibo a mosto fermentado,
a mazá, a sal, a grao maduro.
Veleiquí Outono, nel procuro
o rumor do vento namorado,
o laio do mar ben concertado
e o claro misterio máis escuro.
Veleiquí Outono, fosco e ledo,
con brasas secretas, soedosas,
acesas nas brétemas do medo.
Veleiquí Outono, xa sen rosas,
sementando mágoas misteriosas
no meu corazón ceibe e acedo.
Tempo de outono. Esa estación menos definida ca o inverno e o verán. Como coas primeiras chuvias de setembro os campos volven reverdecer e as temperaturas aínda non son moi frías, aparece a denominación de –sobre todo a nivel popular– “primavera de outono”.
Chegou o tempo da vendima, das castañas, das noces, dos cogomelos, de recoller o millo…:
Vendimai vendimadores
na vendima do meu pai
o viño vai na cabaza
e o pan na cestiña vai
Tempo de protagonismo para as viñas, pero tamén para os soutos, castiñeiros, ourizos e castañas. Disto –tamén das viñas e do viño– escribiu moito o escritor Valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán:
os ourizos, ao caírlle,
no outono, as escuras pelras
que agachaban no seu seo
coma tesouros de lénda.
Este tempo en que “o mundo se viste de dourado”, que escribía Manuel María, inspirou moitos artistas: escritores, músicos (Vivaldi) ou pintores (Van Gogh).
Claro que en Poemas ao outono, o escritor da Terra Chá tamén nos mandaba estar “alerta” e “sementar” porque, tras o outono, sempre ha – e debe– vir a primavera:
Son tempos de alerta e de velar,
de recibir de pé ao novo día,
festexar o esplendor do meridía e comenzar, en firme, a labourar.
No Outono é sazón de sementar claridade, furor e valentía,
acender o luceiro que nos guía
e preparar as armas e loitar.
Non nos abonda, non, o pan e o viño
que bebemos ao quente da lareira mentras oulan os lobos no camiño.
Pois nós somos semente verdadeira, altísima razón, claro destiño
que erguemos a Galiza por bandeira.