Crítica do marco da “España vacía”

CRÍTICA DO MARCO DA "ESPAÑA VACÍA"Para rematar o ciclo Pensando o Futuro, este luns, 19 de decembro, tivemos na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda a palestra de Helena Miguélez–Carballeira: “Desposuimento e trauma na cultura galega contemporánea: cara a unha crítica do marco da “España vacía””.

Catedrática de Estudos Hispánicos na Universidade de Bangor (Gales), Helena Miguélez–Carballeira é autora do libro Galiza, un povo sentimental? Género, política e cultura no imaginário nacional galego (Através Editora, 2014). Tamén é membro do consello de redacción do Espaço Clara Corbelhe.

Presentada por Daniel Cao, Helena comezou sinalando que estas ideas están aínda nunha fase temperá dado que o debate sobre esta temática é bastante recente.

Partido do ensaio de Sergio del Molino, La España vacía. Viaje por un país que nunca fue (2016), a conferenciante foi analizando as ideoloxías da nación que están implícitas no debate sobre a «España vacía».

CRÍTICA DO MARCO DA "ESPAÑA VACÍA"Segundo Helena Miguélez–Carballeira, non temos por que importar a categoría da “España vacía”. Non temos por que entrar en debates que non teñen interés para nós.

No seu ensaio de 2016, Sergio del Molino fala do “Grande Trauma” que supuxo a emigración masiva do rural ao urbano, de como cidades como Madrid, Barcelona ou Bilbao duplicaron ou triplicaron a súa poboación en pouco tempo, mentres extensas zonas que nunca estivieron moi poboadas, acabaron de baleirarse. Para Del Molino, hai unha “España vacía” que vive na mente e na memoria de millóns de españois. É, pois, unha realidade sentimental, non menciona a violencia. O “Grande Trauma” do que fala sería sentimental:

“Esta nueva patria se levanta, en cambio, sobre silencios carraspeos y álbumes de familia. Más que una patria es un aire.”

Con este panorama –sinala Helena Miguélez–Carballeira– quedan desdebuxadas as nacionalidades. Sería o ensaio dunha nova proposta patriótica: un país dividido e construído desde a cidade.

CRÍTICA DO MARCO DA "ESPAÑA VACÍA"Mais, como xa indicamos, Helena Miguélez–Carballeira sinala que nós non temos que importar debates que non nos aportan nada.

A conferenciante sinalou unha serie de remedios críticos para contrarrestar o marco da “España vacía”:

Por o foco nas memorias políticas da violencia (lenta) do extractivismo.

A memoria sobre a desaparición do rural galego como unha memoria política. As súas vítimas son sobreviventes de actos violentos perpetrados contra unha comunidade diferenciada.

Dar voz a testemunhas individuais e coletivas do sufrimento causado por estes procesos obxectivizalo xerando arquivo.

Uso de categorías críticas que axuden a historizar (desposuimento) as violencias estruturais do capitalismo extractivista.

Uso de categorías críticas que axuden a visibilizar o humano e o máis–do–que–humano.

A valorización de comunidades que son expertas do fin–do–mundo.

CRÍTICA DO MARCO DA "ESPAÑA VACÍA"O debate da “España vacía” estase desenvolvendo no ámbito cultural, de aí que sexa importante ter –sinalou Helena Miguélez–Carballeira– unha caixa de ferramentas críticas. Sobre a experiencia histórica do despoboamento leva tempo falando a literatura galega. Entre outras obras, sinalou Helena, Memorias dun neno labrego de Neira Vilas e A vila sulagada de Daniel Cortezón.

Derradeira palestra do ciclo Pensando o Futuro e derradeira actividade da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda na rúa Olmos, mais seguiremos noutro local defendendo a nosa lingua e a nosa cultura, ademais de seguir divulgando a figura e o pensamento do ilustre nacionalista que dá nome á nosa entidade.

Seguiremos abrindo as portas a quen queira traballar connosco, porque somos xente de acción, en renovación permanente.

Sede de ACAB na rúa Olmos 16

2 Respostas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies