A Coruña pola beleza.

A Coruña pola beleza.

O domingo 7 de xuño ás 12 h organízase a marcha A Coruña pola beleza, cun percorrido que vai dende o Obelisco ata a praza de María Pita. Baixo o lema “DEIXADE PASAR AS ONDAS DO MAR”, esta mobilización quere pór o foco no baixo do número 25 da rúa dos Olmos, onde se atópase o único conxunto muralístico que Urbano Lugrís pintou na cidade e que hoxe conservamos íntegro. Un espazo sen parangón para a historia da arte galega, no que as 12 pinturas que Lugrís deixou nas paredes xogan coa arquitectura do edificio e coa nosa imaxinación.

Dende que, en 2021, pechou o local de hostalaría que se atopaba nese baixo, os frescos esmorecen por culpa da ruína do edificio, as inclemencias do tempo, a acción de pombas e ratas e o desleixo das administracións locais e autonómicas.

Malia as solicitudes e protestas dalgúns colectivos cidadáns, que comezaron en 2021, os responsables políticos non fixeron nada e a inactividade das administracións contribíu a empeorar o estado duns frescos que están a piques de desaparecer para sempre.

A cidadanía da Coruña non se pode permitir o luxo de perder outro mural de Urbano Lugrís, porque precisamos para vivir desfrutar dese mar fantástico no que as sereas cazan congros e os narvais sacan a cabeza entre as ondas para contemplar o baile do sol e a lúa sobre o faro de Hércules.

Cada día que pasa a situación é máis crítica e por iso saímos á rúa para reivindicar, unha vez máis, o acceso á beleza. Se nos deran a escoller, nós tamén escolleríamos entrar noite e día no Fornos, para desfrutar dun espazo único que é o símbolo redondo do que A Coruña é.

Organiza: Asemblea aberta Salvemos os frescos de Lugrís.

DATOS DO EVENTO

Data: Domingo, 7 Xuño 2026
Hora: 12:00
Tipo de evento: Outros

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies