
O luns 13 de outubro, ás 20 horas, acolleremos un acto de memoria e resistencia centrado na historia de Galiza durante a Guerra Civil e a posguerra. Contaremos coa presenza dos autores Anxos García Fonte e Carlos Sardiña para presentar a súa novela gráfica, A morte nas fragas, e ao remate proxectarase a curtametraxe documental Os fíos da memoria.
A morte nas fragas, con guión de Anxos García Fonte e debuxos de Carlos Sardiña , é unha novela gráfica que narra a historia de violencia e resistencia na Galicia rural entre 1936 e finais da década de 1950. A obra artéllase a través de varias historias humanas entrelazadas, baseadas en relatos de transmisión oral , que amosan o impacto da represión fascista na vida cotiá do pobo.
A narración adopta unha perspectiva múltiple, dando voz a nenos, mulleres e persoas perseguidas polo réxime. Un trazo distintivo da obra é a mestura da realidade histórica coa mitoloxía tradicional galega; os seres do submundo (“a mourindade”) interactúan cos personaxes e asisten á decadencia da súa cultura ancestral fronte á explotación capitalista dos recursos naturais. O relato ten o seu corazón xeográfico nas Fragas do Eume.
Visualmente, é un traballo onde as imaxes a miúdo superan ás palabras, e os escasos diálogos reflicten fielmente as fontes orais que o inspiraron. A novela preséntase como un mosaico que reflicte a destrución da Galicia tradicional: as súas crenzas, a vida comunitaria e a lingua. É un retrato da traizón e o desastre ecolóxico, mais tamén unha lección de resistencia e un canto de esperanza.
Para completar o acto, proxectarase o documental Os fíos da memoria (27 min), producido por Son Radiofusión e realizado por Xarda Producións. A peza narra a investigación de Constantino Rico, un cidadán francés de orixe galega, para desvelar o misterio que sempre envolveu a historia do seu avó, Pedro Rico Rodeiro, e Teresa López para coñecer as circunstancias do seu tío Constantino López Marcos. A súa busca en arquivos e cemiterios acaba dando froitos grazas a unha testemuña atopada a través dun podcast, desvelando a crúa realidade da Guerra Civil e a posguerra na súa familia.
Anxos García Fonte (Pontedeume, 1964) é a guionista da novela. Doutora en Filoloxía galego-portuguesa, traballou como xornalista cultural e crítica literaria en diversos medios como Xornal de Galicia, Sermos Galicia, Radio Fene ou o Consello da Cultura Galega. En 2022 estreou a curtametraxe A rosa incandescente, da que é guionista e produtora.
Carlos Sardiña (Fene, 1971) é o debuxante da obra. Formado como deseñador gráfico e ilustrador, é o fundador da web de ilustracións personalizadas telodibujamos.com. É colaborador asiduo da editorial Son Radiofusión, ilustrando libros como Galicia acorda, Bóveda ou María Casares, eu son o océano.
DATOS DO EVENTO
Inscrición necesaria
Utilizamos cookies propias e de terceiros para garantir o correcto funcionamento do sitio web, medir o uso e mellorar os nosos servizos. Podes aceptar todas as cookies, rexeitar as non esenciais ou configurar as túas preferencias. Cookie policy
Required for the website to work correctly. They cannot be disabled from this panel.
Help measure site usage and improve its content.
Allow advertising, campaign measurement, or ad personalization.
Store preferences or enable non-essential external content.