A reforma portuaria a debate

Plataforma en Defensa do Común, Circo de Artesáns, AC Alexandre Bóveda

O martes 25 de febreiro, ás 20 h, a Plataforma Cívica Defensa do Común, en colaboración coa Agrupación Cultural Alexandre Bóveda e o Circo de Artesáns, organiza un debate sobre a futura remodelación da fronte marítima, así como o impacto que a mesma terá sobre actividade portuaria, en base ao documento Máster Plan Coruña Marítima, subscrito conxuntamente o pasado 24 de xaneiro pola Autoridade Portuaria, Concello, Adif, Xunta, Portos do Estado e Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostíbel e que, na práctica, constitúe unha serie advertencia dos planes que hai para ese espazo.

Intervirán Ruth Varela (presidenta da delegación da Coruña do COAG), Miguel Abelleira (director da Escola de Arquitectura), Benedito Álvarez (economista e membro de Defensa do Común) e Juan Carlos Corrás (xerente da asociación de armadores Pescagalica e presidente da Lonxa).

Dunha primeira lectura do documento institucional Máster Plan Coruña Marítima, despréndese falla de transparencia e participación real da cidadanía, na medida en que o que reflicte, redactado, non hai que esquecelo, por unha entidade externa como é Ineco vai sobredeterminar todo o proceso posterior, principalmente no que atañe ao futuro concurso e a ordenación urbanística e de usos dos peiraos. Un documento que só recolle unha parte das demandas cidadáns, pero que mantén a privatización especulativa dunha parte dos terreos.

A proposta omite deliberadamente tres demandas cidadáns e asumidas pola corporación municipal no seu día: titularidade pública dos terreos, ente público de xestión e condonación da débeda da Autoridade Portuaria con Portos do Estado. Pola contra, o escenario previsto é o da desafectación e privatización en San Diego, e non só con destino a uso residencial.

Asemade, resulta inxustificábel un concurso restrinxido para o deseño do Plan Director. Un concurso de proxectos debe ser aberto. Non hai razóns que xustifiquen limitar (cunha preselección a dedo) a 5 candidaturas. Un procedemento restrinxido é o contrario ao obxectivo de transparencia que se pregoa desde a vertente institucional nas súas comparecencias públicas. Igualmente, as propostas de mobilidade quedan condicionadas a estratexia de obter plusvalías de Adif cos terreos da actual estación.

Finalmente, a materialización do documento suporía de facto unha redución moi significativa do dominio público e de usos portuarios co impacto que tería tanto para a actividade portuaria como a pesqueira e a de usos complementarios e sen que a Autoridade Portuaria teña aínda definido o seu novo plan estratéxico para os vindeiros anos.

DATOS DO EVENTO

Data: Martes, 25 Febreiro 2025
Hora: 20:00
Tipo de evento: Outros

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies