
O luns 16 de febreiro, ás 19.00 h, o grupo de Cantos na Taberna da AC Alexandre Bóveda sairemos de diante do noso local na rúa Santo André, 36, para espallar a nosa retranca polas rúas da cidade.
Non hai Luns de Entroido sen ruada nin copla, e por iso queremos reivindicar o espírito máis choqueiro e auténtico da Coruña. Animámosvos a todas e todos a acompañarnos neste percorrido musical; traede as vosas ganas de troula e, sobre todo, vinde disfrazadas! Queremos ver esas máscaras imaxinativas e o enxeño que nos caracteriza. Para facilitar o labor, aquí debaixo deixamos a letra de dúas das pezas que imos cantar. Non deixedes que sexan só as de Cantos na taberna as que leven a voz cantante: descargade as letras, afinade a gorxa e cantade con nós!
Levamos cincuenta anos (bis) ai
traballando na cultura (bis)
con roteiros e palestras (bis) ai
artes e literatura (bis)
La lai la…
Foi veciña da Coruña (bis) ai
a actriz María Casares (bis)
un teatro co seu nome (bis) ai
pedímoslle á autoridade (bis)
La lai la…
Pra estación intermodal (bis) ai
outro nome hai que buscar (bis)
porque María Casares (bis) ai
no Teatro ten que estar (bis)
La lai la…
Celebrar a Rosalía (bis) ai
queremos cun monumento (bis)
instalálo na cidade (bis) ai
será un recoñecemento (bis)
La lai la…
Restaurade canto antes (bis) ai
as pinturas de Lugrís (bis)
pois segue a chover por elas (bis) ai
a pesares de ser BIC (bis)
Ei ven o vento do mare
Ei ven o vento mareiro
Que ben o pintou Lugrís
E non era mariñeiro (bis)
Queremos aquí nos Olmos
Ter un museo Lugrís
Pra que todo o mundo vexa
A un artista do país (bis)
Eu quero ver as serpentes
E as baleas no mare
E dos cadros de Lugrís
Poder todas disfrutare (bis)
Queremos aquí nos Olmos….
Non sei de quen é a culpa
Se da Xunta ou do Concello
Pero , chegade a un acordo
E montade xa o museo (bis)
Queremos aquí nos Olmos….
Lugrís naceu na Coruña
Inspirouse na súa ría
Tamén pasou por Malpica
E alí está na Confraría
Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies
ACEPTAR