
O luns 25 de maio, ás 20 horas, teremos connosco a Bahia Mahmud Awah, para falarnos do culturicidio no Sáhara Occidental.
Falamos de “culturicidio” para describir a destrución sistemática dos valores morais e culturais que definen a identidade dun pobo e iso é o que sofre o pobo saharauí. Cando en 1976 Marrocos ocupou o Sáhara Occidental militarmente e con colonos iniciou tamén un proceso deliberado de anulación e disolución da cultura saharauí, coa lingua hassanía como obxectivo de destrución como símbolo maior da súa identidade nacional. Na súa palestra, o escritor e activista saharauí Bahia Mahmud Awah, explicará o concepto de culturicidio aplicado á colonización de Marrocos do Sáhara mais tamén o movemento de resistencia saharauí que loita pola defensa do patrimonio material e inmaterial de seu fronte á política de asimilación marroquí.
Bahia Mahmud Awah é doutor en Antropoloxía Social e profesor honorario da Universidad Autónoma de Madrid, ensaísta, poeta e narrador, membro do grupo de escritores chamado “Generación de la Amistad”. É autor de varios libros, entre eles Tiris, rutas literarias, La maestra que me enseñó a leer en una tabla e Cuentos saharauís de mi abuelo (haberá exemplares dalgúns títulos dispoñíbeis para a compra durante a actividade).
Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies
ACEPTAR