Desvendando Rosalía e a súa obra reúne unha colección de artigos publicados por Francisco Rodríguez nos últimos anos en diversos dixitais, xornais e publicacións especializadas, sempre co ánimo de facer chegar ao grande público unha outra imaxe de Rosalía de Castro, resultado de anos de investigacións e análises rigorosas, fiel á realidade mais aínda hoxe non plenamente asumida.
Nas páxinas deste libro vaise perfilando unha Rosalía pioneira non só na escrita en galego, mais tamén na defensa da Galiza frente ao proceso de asimilación política polo novo Estado centralista español, coñecedora das ideas socialistas e profundamente identificada coas clases populares galegas, especialmente coas mulleres labregas. Unha muller galega que só se identificou coa súa patria e que nunca desertou da causa da Galiza.
Francisco Rodríguez (1945), doutor en Filoloxía Románica, é escritor, crítico literario e historiador. Á súa lucidez analítica e rigorosidade se deben obras que marcaron un antes e un despois na restauración da figura e da obra de Rosalía. Especialmente Análise sociolóxica da obra de Rosalía de Castro (1988), resultado da súa tese de doutoramento, e Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria (2011).
Aliás, como crítico literario ocupouse tamén de autores como Curros Enríquez e Eduardo Blanco Amor. No período máis recente centrou a súa actividade intelectual na investigación e interpretación histórica do Reino da Galiza na segunda metade do século XIV, publicada en dous volumes co título Unha etapa estelar e conflitiva de Galiza (2021).
Acompañará ao seu autor Néstor Rego, autor do prólogo.
DATOS DO EVENTO
Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies
ACEPTAR