Día da Galiza Mártir

Día da Galiza Mártir

O luns 17 de agosto ás 19 horas diante do monumento a Alexandre Bóveda en Catro Camiños, conmemoramos o Día da Galiza Mártir, nunha xornada que neste ano coincide co 50 aniversario da nosa asociación e que está organizada conxuntamente coa área de Igualdade e Dereitos Civís da Deputación da Coruña.

A data do 17 de agosto foi instituída no exilio en 1940 pola Irmandade Galega de Arxentina, presidida por Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, coincidindo co aniversario do fusilamento de Alexandre Bóveda. Naquel contexto de duro exilio e coa vontade firme de recompoñer o galeguismo alén mar, a Irmandade elixiu catro datas crave para a conmemoración patriótica, entre as cales o Día dos Mártires Galegos ocupou un lugar central pola súa profunda carga emotiva. A homenaxe personificouse en Bóveda —insigne perito mercantil, intelectual fundamental, creador da Facenda galega para o Estatuto do 36 e secretario de organización do Partido Galeguista—, quen foi vítima da barbarie fascista e vilmente asasinado na Caeira por defender as liberdades e a autonomía de Galicia. Alén da súa figura, esta conmemoración recolle todos os vértices do nacionalismo histórico e serve para render tributo a todas as persoas represaliadas, lembrando igualmente a todas as vítimas da represión franquista e reivindicando a vixencia dun galeguismo aberto, plural e comprometido coa xustiza social.

A intervención institucional deste ano correrá a cargo de Sol Agra, deputada de Igualdade e Dereitos Civís da Deputación da Coruña.

Como xa é tradición, a programación incluirá unha actuación musical, que nesta ocasión correrá a cargo de Sés. A cantautora coruñesa leva dende 2011, cando sacou o seu primeiro disco en solitario, facendo un oco no panorama musical galego. É licenciada en Filoloxía Galega e Antropoloxía Social, e iso nótase no seu traballo: mestura a música tradicional galega co rock, o blues e a canción de autor, cun estilo propio e directos moi intensos. Ademais, sempre mantivo un compromiso social claro e unha voz crítica, o que a converteu nunha das referencias da nosa cultura contemporánea.

DATOS DO EVENTO

Data: Luns, 17 Agosto 2026
Hora: 19:00
Tipo de evento: Outros