
O xoves 11 de decembro ás 19.30 h, no salón de actos do Circo de Artesáns, na rúa Santo André, 36, entregarase o galardón da sexta edición do premio Marcelino Liste, Xustiza e Liberdade, que nesta ocasión gañou a candidatura da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH).
Este premio foi instaurado polo club de opinión Foro Cívico da agrupación cultural Alexandre Bóveda, para conmemorar o 10 de decembro, Día Internacional dos Dereitos Humanos. Marcelino Liste, a xuizo dos promotores da iniciativa, é un símbolo dos valores encarnados nesa data ao facer compatíbel a firmeza das súas conviccións coa enerxía á hora de reivindicar maiores cotas de benestar e xustiza para os barrios fronte á burocracia institucional do seu tempo.
O tribunal aprecia na candidatura da CRMH, con evidencia clara e notoria, unha vontade por proclamar os ideales de xustiza e liberdade sobre a necesidade de dar a coñecer á opinión pública complicidades e confabulacións do franquismo, así como súa contribución inestimábel para seguir afondando nos conceptos da democracia.
Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies
ACEPTAR