Inauguración da exposición «Feridas», de María Xosé Ares

AC Alexandre Bóveda

O xoves 12 de marzo, ás 19:30 h, acollemos a inauguración de FERIDAS, a nova exposición da artista visual María Xosé Ares. O acto contará coa actuación musical de Sara Gimeno.

Nesta mostra, o fío condutor é a expresión das doenzas que sofre e provoca a nosa sociedade. A metáfora sérvese mediante a representación de elementos orgánicos —peixes ou troncos de árbores— que asumen o protagonismo destas mancadelas. De forma deliberada, a artista evita a representación directa do ser humano, deixando que a natureza, lacerada e mutilada, actúe como espello e ferida da propia condición humana.

María Xosé Ares é unha artista visual nada en Lugo e afincada en Cangas, formada en Arquitectura Técnica e Belas Artes. Na súa práctica artística, a pintura ao óleo foi e segue sendo o eixo central, técnica que combina co uso de materiais como o papel seda para producir veladuras húmidas e secas. A súa obra destaca pola creación de atmosferas difusas e unha marcada intensidade na cor, factor característico dende o inicio dos seus traballos.

A exposición poderá visitarse na nosa sede ata o 12 de abril de 2026.

DATOS DO EVENTO

Data: Xoves, 12 Marzo 2026
Hora: 19:30
Tipo de evento: Exposición

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies