Francisco Miguel: Intelixencia e creación

Francisco Miguel: Intelixencia e creación

O xoves 14 de maio ás 19:00 h, acollemos a palestra titulada Francisco Miguel: Intelixencia e creación, a cargo de Carlos L. Bernárdez.

Francisco Miguel (A Coruña, 1897- Bértoa, Carballo, 1936) foi unha figura central na arte galega das primeiras décadas do século XX. Detido tras o golpe de xullo de 1936, foi asasinado polos sublevados fascistas, aparecendo o seu corpo o 28 de setembro de 1936 en Bértoa (Carballo). O seu traballo artístico foi realizado entre os anos finais da década dos 10 e o ano do seu asasinato. Nos primeiros anos vinte, ligado ao núcleo coruñés que dará orixe á revista Alfar, desenvolve unha linguaxe afín á modernidade que se espalla polas revistas ultraístas, interesado por captar o ritmo e o dinamismo, de influxo futurista, e polas tendencias formais planimétricas.

A partir da 1923, e da súa estadía en París, acentúanse os aspectos decorativos na súa obra e cunha tendencia cara a unha arte ligada á volta á orde, con debuxos de corte clasicista, frecuentemente coa súa esposa, a escritora Syra Alonso, como modelo. Syra e Francisco Miguel vivirán en México entre 1926 e 1933, moi achegados aos intelectuais mexicanos que realizan a revista Contemporáneos. Na obra destes anos vai situarse nos presupostos dunha figuración cun ar maxicista, de empregramos a terminoloxía do famoso libro de Franz Roh Realismo mágico, post expresionismo (1925), elaborando unha pintura “limpa, clara e rigorosa” -en palabras de Luís Seoane-, con vontade de reter e fixar o expresivo.

A palestra corre a cargo de Carlos L. Bernárdez. Licenciado en Xeografía e Historia (sección Historia da Arte) e profesor de Lingua e Literatura Galegas. Ademais de estudar a figuras como Cabanillas, Dieste ou Blanco Amor, é un especialista na arte de autores como Maruxa Mallo, Colmeiro ou Seoane. É colaborador de Nós Diario e crítico de arte. En 2025 foi elixido académico numerario da Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA).

DATOS DO EVENTO

Data: Xoves, 14 Maio 2026
Hora: 19:00
Tipo de evento: Palestra

Inscrición necesaria

Inscríbete

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies