Gala 50 aniversario de ACAB

Gala 50 aniversario de ACAB

Este vindeiro 1 de xullo, o Teatro Rosalía de Castro acolle a Gala do 50 Aniversario da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda. Cun pé naquel 17 de agosto de 1976 no que botou a andar o noso proxecto, o emblemático escenario coruñés converterase, ás 20:00 h, no punto de encontro para conmemorar este medio século de traxectoria colectiva a prol da lingua, da memoria e do activismo cultural de base. Faino a través dunha viaxe multidisciplinar que integra o tecido artístico do país.

Co fío condutor e a presentación de Chus Álvarez, a velada abrirá as súas portas coa benvida musical do gaiteiro Raúl Galego, que dará paso á proxección de “21 Almas en Movemento”. Esta peza audiovisual de Antía Goyene propón unha homenaxe á obra de Maruxa Mallo, habitando o seu universo pictórico dende o corpo a través dunha curtametraxe híbrida que reinterpreta a súa serie “La Religión del Trabajo”.

A ollada arredor de Mallo continuará no escenario coa danza contemporánea da Compañía Dadaneras e a obra “Entre redes e espantapeixes”. Esta peza, asinada por Inés Violeta Merino, Marta Baeza e a propia Antía Goyene, conta coa música orixinal de Marina García Rubio e o deseño de vestiario de Marta Galiacho e Gustavo Solís, situándonos nese non-espazo onde as personaxes da pintora danzan cos residuos do trazado para alcanzar o infinito.

O contrapunto humorístico chegará da man de Mofa e Befa co entremés “Os 33 ruiseñores da porqueira”. Co seu característico facer tunante, o dúo presentará un deficitario e chistoso orfeón que transita entre o lutuoso e o esmendrellante; unha proposta chea de contradicións e agredoce, queixo con marmelo e arenques con castañas que son marca da casa.

A literatura e a palabra poética terán un espazo central na voz de Eva Veiga. A través do seu recital, achegarémonos aos versos de catro poetas fundamentais cuxas voces de muller iluminan a historia literaria do noso país e gardan un vencello indisociable coa cidade da Coruña: Rosalía de Castro, Filomena Dato, Luz Pozo e Luísa Villalta.

O broche de ouro porao a música e a forza de Mercedes Peón. Como unha das nosas creadoras máis internacionais, o seu labor de investigación, composición e vangarda conecta directamente as raíces da nosa tradición oral coas expresións sonoras contemporáneas, pechando un acto que proxecta o noso medio século de compromiso cara ao futuro.

Este evento conta coa colaboración da Asociación Cultural Aïs e do Concello da Coruña.

A entrada é de balde e de xeito libre ata completar a capacidade do teatro. Non fai falta recoller ningún convite.

DATOS DO EVENTO

Data: Mércores, 1 Xullo 2026
Hora: 20:00
Tipo de evento: Outros