Humor para mudar o mundo. Que graza! é o título desta exposición de Pepe Carreiro, que recolle moi ben o que pretende coa súa forza creativa nas súas partes: A primeira, unha frase en serio e pretenciosa (Humor para mudar o mundo), e logo, a segunda, cunha contestación burleira (Que graza!) que rebaixa as ínfulas da primeira frase ou dálle un baño de realidade.
Pepe Carreiro (Vigo, 1954) é un dos debuxantes galegos máis relevantes dos últimos 40 anos. Colaborou en xornais como Faro de Vigo, Diario de Galicia, La Voz de Galicia, El Mundo (Galicia) e Xornal de Galicia, e en semanarios e revistas como A Nosa Terra, Can sen Dono e Xo! Considerado o mellor satírico da prensa, cunha gran forza ridiculizadora e destrutiva, que o acabou retirando dos xornais desde 2009, aínda que segue colaborando en revistas como Tempos Novos ou A Trabe de Ouro e no xornal Nós Diario. Neste sentido, as súas demoledoras viñetas sobre a presidencia de Manuel Fraga Iribarne da Xunta de Galicia (1990-2005) constitúen un paso verdadeiramente insólito na historia recente do xornalismo por ter sido publicados nunha empresa como La Voz de Galicia. Tamén é un mestre da síntese expresiva, tanto desde o punto de vista do debuxo como do texto. Neste sentido, encádrase de cheo na tradición do humor gráfico galego inaugurada por Alfonso Daniel Rodríguez Castelao arredor de 1920. Pero a súa inquedanza artística levouno a utilizar tamén outras técnicas, como o pincel e o carbón, amosando unha gran diversidade estilística. Ao mesmo tempo, foi un gran impulsor do humor gráfico en Galicia, coa fundación das revistas Can sen Dono e Xo! Esta comunicación pretende achegarse á biografía artística do cómico, facendo fincapé nas características máis significativas da súa obra, tanto formais como conceptuais.
Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies
ACEPTAR