
O venres, 23 de xaneiro, ás 19:00 horas no noso local social, damos comezo a un ano histórico. Este 2026 marca o cincuenta aniversario da nosa andaina, un camiño iniciado nun momento crucial para Galicia e que hoxe, cinco décadas despois, segue máis vivo que nunca. Para iniciar esta conmemoración, temos o pracer de convidarvos á inauguración da exposición “Memoria, Cultura, País: Medio século de ACAB”.
Medio século de compromiso
A mostra propón un percorrido visual e emocional pola nosa historia a través de paneis, cartaces, folletos, fotografías e lembranzas que testemuñan a incesante actividade da Agrupación. Desde aquel 17 de agosto de 1976, cando a elección do nome e a data foron actos deliberados para situar a asociación nunha perspectiva nacionalista e democrática, ata a realidade plural e dinámica de hoxe.
Como reza o texto que preside esta conmemoración e que poderedes ler na exposición:
“O 17 de agosto de 1976, nun contexto aínda marcado polo silencio e a incerteza, un grupo de persoas decidiu fundar a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda. A elección rendía unha homenaxe simbólica vencellada á memoria do galeguismo democrático e á defensa da lingua e da cultura como ferramentas de futuro. Crear era, daquela, unha forma de resistencia.
Cincuenta anos despois, esa convicción segue intacta. O percorrido realizado mídese contando coas persoas que sostiveron un proxecto colectivo baseado no compromiso social. Desde a defensa do uso do galego en todos os ámbitos como eixo e coa práctica viva e crítica da cultura como fin.
A coherencia mantida ao longo de medio século permitiu construír un espazo aberto e atento ao mundo. Un lugar onde a cultura é unha maneira de construír comunidade, memoria e presente.”
Un reencontro coa nosa historia viva
Este acto non é só unha ollada ao pasado, senón unha celebración das persoas que o fixeron posible. Contaremos coa presenza especial de Margarida Vázquez Veras, a nosa primeira presidenta —cuxa elección en 1976 marcou dende o inicio o noso compromiso co feminismo e a renovación—, así como con moitas das compañeiras e compañeiros que formaron parte das xuntas directivas e da masa social ao longo destes anos.
Esta exposición é o punto de partida dun programa de actividades que se desenvolverá durante os vindeiros 12 meses. Agardámosvos para compartir este momento de memoria e futuro, que remataremos cuns petiscos e un viño para celebrar xuntas este acontecemento festivo.
Utilizamos cookies propias e de terceiros para garantir o correcto funcionamento do sitio web, medir o uso e mellorar os nosos servizos. Podes aceptar todas as cookies, rexeitar as non esenciais ou configurar as túas preferencias. Cookie policy
Required for the website to work correctly. They cannot be disabled from this panel.
Help measure site usage and improve its content.
Allow advertising, campaign measurement, or ad personalization.
Store preferences or enable non-essential external content.