
O venres, 10 de outubro, ás 19.30 h, inauguramos no noso local a exposición Retratos, de Xaquín Silva.
Retratos reúne quince traballos en formato 45×50 cm aproximadamente. Trátase de fotomontaxes non dixitais, retratos nos que se combinan distintos puntos de vista da figura nun mesmo plano, cunha clara inspiración cubista. En ocasións, estes retratos compleméntanse con estruturas de encaixe en papel, copias doutras fotografías ou fondos tratados con técnicas como a acuarela e o pastel. Son obras concibidas sen outro discurso que o plástico, onde a fragmentación e a superposición constrúen novas formas de ollar.
Xaquín Silva (Ourense) estudou Filosofía en Santiago e residiu en Madrid, Bruxelas, Ourense e actualmente na Coruña. Entrou no mundo da fotografía en Bruxelas, vinculado á organización de actividades culturais, e formouse cos fotógrafos Nicolás Springael e Xabier Meizoso. Alterna a poesía coa fotografía, na que traballa por series como Parellas, Entre figuración e abstracción, Refugallo, Na cidade, Danza ou Aves, naves, nuves (en proxecto). Expuxo en salas de Ourense e da Coruña e colaborou con publicacións culturais como Animal, de Edicións Positivas.
Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies
ACEPTAR