Luz Darriba: Madrugadas Feroces

Luz Darriba: Madrugadas Feroces

O luns 29 de xuño ás 20.00 horas recibimos a Luz Darriba para a presentación da súa obra Madrugadas feroces. A autora descríbeo como un libro conformado por moitos recortes de cadernos que estiveron dispersos coma a súa propia vida, cheos de incongruencias, amarelados polo paso do tempo e atravesados polas furias, as agonías e as lembranzas.

Neste encontro afondaremos nun proxecto que naceu tras andar entre palabras cortadas e gritos, armando durante un tempo incalculábel infinitas versións dunha mesma cousa: a estrañeza propia. Darriba permitiu que os poemas decidisen os seus compañeiros de viaxe, saudándose nestes espazos novos xunto ás ilustracións na procura de armar todas as súas partes. O proceso creativo estivo marcado polo xogo co I Ching; tras tirar as moedas, os poemas mudaron os seus nomes polos hexagramas correspondentes buscando un novo sentido.

A autora armouse de ousadía en terra de poetas, vencendo o síndrome da impostora para transitar do amarelo do papel ao branco da pantalla dixital. O resultado destas chamadas de auxilio é unha xoia multidisciplinar: 18 poemas, 18 gravados dixitais asinados e numerados, un deles intervido á man, e 18 pezas sonoras. Un libro de artista para que o lectorado lle atope outras lecturas posíbeis.

DATOS DO EVENTO

Data: Luns, 29 Xuño 2026
Hora: 20:00
Tipo de evento: Presentación