«Un Ollo de Vidro». A maxia de Castelao na evocación do Sobrenatural

AC Alexandre Bóveda

O mércores 29 de outubro, ás 19.30 h, Iria-Friné Rivera Vázquez ofrece unha palestra baixo o título Un Ollo de Vidro. A maxia de Castelao na evocación do Sobrenatural. Esta palestra fai parte do ciclo Visionarte: Arte contemporánea galega baixo ollos de Muller.

Cento tres anos da súa publicación, Un Ollo de Vidro continúa sendo unha fonte de literatura e arte. O seu autor, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, concebíu esta novela como un relato de fantasía e de terror. Publicada en 1922, como obra litraria enxerga coas ramas literarias do horror gótico que prenderan con Horace Walpole en O castelo de Otranto (1764). E a vez como obra artística enlaza coa tradición estética do Romanticismo Negro, nado a mediados do século XVIII e sobre todo ao longo do século XIX, coa inspiración na cultura popular e a sua plasmación dende na pintura ata na ilustración, música e teatro. No ámbito no cal Castelao ideou Un Ollo de Vidro, a clara influencia da súa viaxe por Centroeuropa está presente na evocadora linguaxe expresionista das súas imaxes -claramente influenciada polo Expresionismo Alemán da República de Weimar-, a iconografía empregada -que abrangue dende Hans Holbein ata as artes escénicas- e mesmo adiantos a respecto da mesma en relación a cinematografía actual.

En moitos aspectos Un Ollo de Vidro é filla das ideas de Castelao a respecto da sociedade, da política, das súas observacións sobre a natureza humana. Pero tamén o é dos precedentes que estableceron Vicente Risco con Do caso que ll´aconteceu o Doutor Alveiros (1919) a respecto da novela popular e a temática fantástica e do horror, das imaxes sobrenaturas pioneiras de Camilo Díaz Baliño dende 1919 e tamén do ambiente artístico e cinematografíco dos anos 20 en Europa, sendo unha obra que logra transcender os seus limites cronolóxicos ao conter a enerxía e orixinalidade nova duns anos onde se concentrou o espírito da era de hoxe.

Iria-Friné Rivera Vázquez é historiadora da arte, investigadora, escritora, conferenciante e creadora. Licenciada en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, especializouse na Arte da Era Moderna e desenvolve a súa actividade investigadora nesta mesma institución. É membro da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, socia do Museo do Pobo Galego e forma parte do padroado da Fundación Vicente Risco. Con máis de dez anos de traxectoria, publicou libros, artigos e folletos, entre eles A orixinalidade radica na orixe e O legado pioneiro de Camilo Díaz Baliño. Unha biografía artística. Impartiu conferencias en entidades como o Consello da Cultura Galega, o Museo do Pobo Galego, o Museo de Pontevedra, o Museo Provincial de Lugo, a Real Academia Galega de Belas Artes e diversas universidades.

DATOS DO EVENTO

Data: Mércores, 29 Outubro 2025
Hora: 19:30
Tipo de evento: Palestra

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies