O luns 14 de xullo, ás 19.30 h, presentaremos a obra Memorias de Cara B de Fernando A. Fernández Domonte.
Esta obra ofrece un fascinante compendio de vinte e cinco relatos baseados totalmente en feitos reais, ordenados cronoloxicamente e contados en primeira persoa por quen os viviu. Non se narran neles sucesos transcendentes, senón máis ben curiosas vivencias –cotiáns ou sobrevidas– que a calquera lle poderían ocorrer o día menos pensado. Pero o autor enxéñase para converter en categoría o que en principio semellaba unha simple anécdota, deixando ao descuberto a intrahistoria dun acontecemento, o inopinado carácter dun artista ou o pulso duns anos concretos.
A pesar da súa prolixidade, o libro resulta de fácil lectura grazas ao seu estilo claro e directo e ao fino humor subxacente. Achegan ademais estes relatos a orixinalidade de mesturar por veces dous idiomas –galego e castelán– sen solución diferenciadora. Asoman nestas páxinas, con maior ou menor grao de protagonismo, figuras coñecidas como Laxeiro, Eduardo Blanco Amor, Xosé Luis Méndez Ferrín, Manuel Fraga, Xosé Manuel Beiras ou Fidel Castro, entre outros.
A obra inclúe ademais un apéndice con cincuenta e sete apuntamentos curriculares dos principais personaxes que aparecen nos distintos relatos.
Fernando A. Fernández Domonte, licenciado en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid, desenvolveu a súa carreira profesional no ámbito da comunicación e da pesca. Foi redactor de RTVE, xefe de sección no Diario de Galicia e responsable durante catro lexislaturas do Gabinete Técnico da Consellería de Pesca da Xunta de Galicia. Autor de numerosos traballos técnicos sobre pesca e marisqueo, retomou tras a súa xubilación as actividades artísticas, fundamentalmente a pintura e a literatura. Memorias de Cara B é o terceiro libro que publica coa Editorial Elvira, tras Contos da beiramar e Un curso con Carlos Oroza.
DATOS DO EVENTO
Inscrición necesaria
Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies
ACEPTAR